Ribadeo pídelle a Xunta e Puertos que aclaren a legalidade do proxecto hoteleiro de Illa Pancha

Illa Pancha e o seu faro CC-BY-NC-ND Migossan

Hai dúas semanas o colectivo Por Nuestro Faro recibiu a resposta da oficina do Defensor del Pueblo á queixa presentada hai sete meses en relación coas obras de construción dun hotel no espazo da Illa Pancha en Ribadeo. O informe, que se pode consultar no blog Ribadeando, sinala a ausencia de importante documentación, comezando pola esixida avaliación ambiental, e suxire que as obras deben paralizarse ata a presentación dos escritos requiridos. O escrito da Oficina do Defensor cuestiona sobre todo a tramitación de Puertos del Estado que depende do Ministerio, e tamén algunhas autorizacións autonómicas.

Por Nuestro Faro pediulle ao Concello que se "retrotraese as actuacións ao intre no que se cometeu ese erro, suspendendo a licenza e estudando de novo os pasos a dar para recuperar a legalidade infrinxida". "Estamos abertos ao diálogo e a facilitar unha saída pero a meta é suspender definitivamente ese proxecto demencial. Cada un na súa casa que faga o que queira, pero no terreo público hai que mirar polo de todos", engadiu esta plataforma cidadá.

Este luns o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, dirixirse publicamente á Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao e á Xunta de Galicia para que "revisen" as súas resolucións e informes. "E se está ben que o manifesten e que desmintan todo o que está dicindo o Defensor del Pueblo, e se este ten a razón que procedan a corrixilo cos efectos que proceda xuridicamente", sinalou o rexedor. Suárez sinalou que “desde o Concello de Ribadeo somos a última administración que deu a licenza de obra en función de todos eses expedientes. Se iso non está ben, o procedemento non pode seguir para adiante". 

Illa Pancha, en Ribadeo CC-BY-NC-ND P.Sole
Porta de acceso a Illa Pancha © Illa Pancha non se toca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.