"Somos estudantes, non temos outra maneira de protestar. Hazte Oír pode mercar un bus"

Protesta ante os xulgados de Compostela pedindo a absolución de Antía, Mario e Martín Dominio Público Praza Pública

En maio de 2015 un grupo duns 70 estudantes da USC levaron a cabo unha protesta nunha das clases de Domingo Neira, profesor do grao de Educación Primaria de Maxisterio, que uns meses antes se fixera tristemente célebre por impartir contidos marcadamente homófobos nas súas materias. “Os homosexuais carecen de hombría e non poden educar", “A homosexualidade é contaxiosa” ou "Non se pode permitir a parellas do mesmo sexo adoptar, posto que lles pasarían o seu mal aos seus fillos” eran algunhas das frases que adoitaba repetir, e que estaban presentes tamén nun libro -da súa autoría- que tamén empregaba nas clases.

A resposta da Universidade de Santiago foi unha sanción moi leve (apartouno dous meses da docencia), e Neira volveu dar clase no curso seguinte. O crecente malestar do estudantado levou á realización do comentado escrache. Catro dos e das alumnas participantes foron chamadas a declarar e en febreiro de 2016 tres foron encausadas (Antia, Martín e Mario), pedíndose 5 meses de cadea para eles e ela baixo unha acusación de desordes públicas. Xa nese momento, Antía sinalaba en conversa con Praza que a acción non fora violenta "en ningún momento": "agardamos ata o remate da clase, e cando só faltaban cinco minutos para o final e o profesor estaba recollendo iniciamos a protesta, con berros e cartaces, pero de forma totalmente pacífica", explicaba. O xuízo tivo lugar o pasado mes de outubro

O pasado venres, con notable atraso, coñeceuse a sentenza, que condena a Antia e Mario a tres meses de prisión por desordes públicas e absolve a Martín (Atanes). O Comité pola Absolución de Antia, Mario e Atanes valora como "inxusta" esta condena e sinala que "non ten máis fin que de forma exemplificante amedrentar a todas aquelas persoas que saen á rúa e se mobilizan polos seus dereitos". "De que clase de xustiza nos pretenden falar cando vemos día a día que unha protesta, un tweet ou unha canción reivindicativa che pode facer acabar en prisión mentres que os corruptos e bandidos reais son absoltos nos tribunais?", pregúntanse.

"O delito do que nos acusan -desordes públicas- non se axusta nada ás accións que din que tomamos. Eles agárranse a que interrompemos a clase", sinala

Antía anuncia que xa recorreron a sentenza, solicitando a completa absolución dos tres. "O delito do que nos acusan -desordes públicas- non se axusta nada ás accións que din que tomamos. Eles agárranse a que interrompemos a clase", sinala. E subliña o agravio comparativo que ao seu xuízo existe entre o castigo xudicial á súa protesta e, por exemplo, a campaña tránsfoba iniciada polo grupo ultra HazteOir (cuxo autobús vén de ser inmobilizado cautelarmente, iso si, por mandato xudicial): "Aí hai un delito de odio máis ou menos claro e vese claramente a diferenza que existe entre eles e nós. Nós somos estudantes, somos humildes e non temos outra maneira de protestar que expresar nunha aula o noso descontento. En cambio HazteOir ten a posibilidade de mercar un bus, de tunealo e de que campe ás súas anchas por media España. Iso dá conta do poder que teñen eles e do pouco poder que temos nós".

A acusada critica igualmente a actitude mantida pola USC neste conflito e tamén no provocado polas palabras machistas de Luciano Méndez. Domingo Neira está xa xubilado, mais Méndez volveu dar clase como coordinador da súa materia tras recibir unha sanción leve por parte da Universidade.

 

Protesta ante os xulgados de Compostela pedindo a absolución de Antía, Mario e Martín Dominio Público Praza Pública
Carteis da campaña de solidariedade levada a cabo hai uns meses Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.