12 concellos galegos anunciarán este sábado o número de persoas refuxiadas que poden acoller

Cartel da convocatoria de Santiago de Compostela © Amnistía Internacional

A Coruña, Compostela, Ribeira, Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo serán o escenario, este sábado ao mediodía, dunha serie de actos convocados por Amnistía Internacional, nos que cada concello anunciará o número de persoas refuxiadas que ten capacidade de acoller, nunha forma de presionar ao Goberno central. O Barco, Manzaneda, A Peroxa, Teo e Rianxo tamén ofrecerán prazas de asilo, converténdose estas 12 localidades en "cidades acolledoras", unha cifra que nas vindeiras semanas podería ampliarse.

A Coruña, Compostela, Ribeira, Lugo, Pontevedra, Ourense, Vigo, O Barco, Manzaneda, A Peroxa, Teo e Rianxo converteranse en "cidades acolledoras"

"O obxectivo é que os concellos comuniquen publicamente de que número de prazas dispoñen para acoller persoas refuxiadas e que isto sirva para presionar o Goberno central, que se comprometeu ante a UE a acoller 17.337 persoas e polo momento só chegaron 1.141", sinala Margarita González, portavoz de Amnistía Internacional Galicia, que salienta que o Executivo debe "asumir de unha vez a súa responsabilidade coa acollida de persoas que foxen da guerra e da persecución".

Nas últimas semanas, os diferentes grupos locais de Amnistía Internacional Galicia reuníronse cos representantes de case medio centenar de vilas e cidades de toda a comunidade, acadando o compromiso destes 12. Así mesmo, unha decena de concellos galegos comprometéronse a levar a pleno unha moción para esixirlle ao Goberno central a axilización da chegada de persoas refuxiadas.

Nos actos, que se celebrarán ante a Casa do Concello de cada localidade, iranse intercalando as intervencións de representantes políticos, de entidades sociais e dalgunhas persoas refuxiadas que xa están a residir neses lugares, con actuacións musicais e pequenas dramatizacións. Ao remate do acto, cortarase unha cinta como símbolo da inauguración da cidade acolledora. A performance completarase cunha faixa impresa co número exacto de prazas que a localidade ofrece, ante a que se fotografarán as autoridades. En Compostela, por exemplo, o Concello comprometeuse a acoller dez familias refuxiadas.

"Hai que realizar moitas actividades de concienciación, manter o tema de actualidade, porque a opinión pública funciona moito por feitos dramáticos, como corpos que aparecen nunha praia, pero cando as noticias desparecen das portadas hai que seguir incindido nestes asuntos. Houbo unha gran concienciación, a xente amosouse moi solidaria, pero neste momento notamos a sociedade moito máis fría neste tema", destaca Margarita González.

"Houbo unha gran concienciación, a xente amosouse moi solidaria, pero neste momento notamos a sociedade moito máis fría neste tema"

No seu Informe 2016/17, que Aministía Internacional presentou hai dúas semanas, a entidade denunciaba que o sistema español de recepción de solicitantes de asilo está "practicamente bloqueado". Así mesmo, alerta de que "a estadía nos CIES e CETIS demórase moito, hai xente que chega a estar ano e medio neles" e de que "en moitos casos as persoas saen de aí e van á rúa, quedan na indixencia". "Outra das nosas grandes preocupacións son as expulsións colectivas e as devolucións en quente. Se os Estados cumpren coa lei e respectan os dereitos humanos, deberían estudar caso por caso. Non se garante que non se está enviando a terceiros países a persoas cuxas vidas neses lugares van estar en risco", subliña González. A portavoz de AI Galicia tamén destaca que o Estado está a "delegar varias das súas funcións de asilo e acollida en ONGs que neste momento están saturadas", polo que reclama unha maior dotación de recursos e de implicación con este asunto.

 

Cartel da convocatoria de Santiago de Compostela © Amnistía Internacional
Acción de Amnistía Internacional en Lugo © AI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.