0 Gardados para despois

"A percepción é que o risco mineiro diminúe, pero é aínda maior"

Redacción | @prazapublica

Os riscos e ameazas megamineiras que nos últimos anos agromaron con especial forza en Galicia espertaron a concienciación cidadá contra polémicos proxectos. O de Corcoesto, cancelado finalmente pola Xunta tras a forte presión social, desvelou as facilidades que as administracións poñían e poñen a iniciativas que adoitan traer fortes impactos socioeconómicos e medioambientais ás áreas onde asentan. A raíz de todo isto, e bianualmente desde 2013, a Rede contra a minería destrutiva de Galiza, Contraminacción, celebra uns encontros para manter vivo o debate. Os deste ano celébranse o vindeiro sábado 4 de marzo en Compostela (Centro Socio-Cultural Vite), coa participación destacada de membros de diversas organizacións internacionais que fan parte da rede global Si á Vida Non á Minaría / Ye​​​​s to Live No to Mining, xunto con membros de diversas organizacións galegas.

Contraminacción celebra os terceiros Encontros sobre Impactos da Minaría en Compostela este sábado 4 de marzo

Lonxe queda aquel lema da propia Xunta -"Galicia é unha mina"- empregado para difundir e defender a actividade mineira no país, pero iso, segundo os organizadores dos Encontros, non quere dicir que as ameazas diminuísen. "A contestación social conseguiu que a Administración xa non se atreva a usar aquel slogan, pero as súas actuacións parecen seguir guiándose por el", explican. "A percepción é que o risco diminúe pero aínda é maior agora e hai máis perigo", explica Nacho Jorganes, membro de Contraminacción e secretario xeral de Verdegaia, un dos colectivos que forma parte da Rede. 

"A crise e os acordos de libre comercio impulsados provoca que os investidores poñan o foco na minería; ademais, aquí en Galicia e no Estado estanse a flexibilizar moito as leis para facilitar os traballos mineiros", explica Jorganes, que pon como exemplo os dous proxectos que "máis preocupan" na actualidade en Galicia. 

"A crise e os acordos de libre comercio impulsados provoca que os investidores poñan o foco na minería"

Un, a teimosía de Cementos Cosmos en aumentar a súa canteira a través dunha explotación mineira que ameaza a Cova Eirós, un dos maiores tesouros patrimoniais da Prehistoria en Galicia. "Terra, auga e patrimonio está ameazados; ocúpanse terras e montes comuniais, destrúense camiños públicos, recursos hídricos...", lembra Jorganes. Mentres, como advirte Contraminacción, a solicitude de declaración da cova como BIC segue agardando. 

O outro proxecto é en Lousame, onde os titulares da explotación mineira de San Fins solicitaron unha autorización de vertido de augas mineiras industriais ao río San Fins e de cuxo risco advertiron varios colectivos como Adega. Ademais, como lembra Contraminacción, a devandita explotación carece de estudo de impacto ambiental malia ser requirido en diferentes ocasións. Ademais, a filial de Sacyr que destina a mina vén de denunciar un membro da asociación ecoloxista por tomar mostras de auga na zona

Proxectos como o de Lousame ou Triacastela e as facilidades lexislativas centran as preocupacións sobre os impactos mineiros

Para Contraminacción, casos como esta denuncia "reproducen os modelos de criminalización que as empresas mineiras de todo o mundo aplican aos seus opositores". E este será outro dos temas tratados nestes III Encontros sobre Impactos da Minaría, nos que se advirte tamén dos numerosos atrancos para os afectados pola minería contaminante e as facilidades para as empresas que levan a cabo as administracións. 

Así, denuncian as "dificultades para acceder á información ambiental e aos trámites mineiros por parte da veciñanza afectada e das asociacións ambientais" ou da introdución, pola porta de atrás, de alfombras vermellas ás compañías. Así, lembran que a través da Lei de Acompañamento dos orzamentos, preténdese que a Cámara Mineira -organismo privado integrado unicamente por empresas do sector- "se converta no único rexistro público das concesións mineiras de Galicia, furtando a participación e o control público á cidadanía e aos partidos políticos". Alén diso, outras normativas, como o borrador das Directrices da Paisaxe, abre o territorio ás minas a ceo aberto.

Destas problemáticas e doutras moitos, homologables noutras moitas partes do mundo, debaterase nas xornadas do sábado, a onde acudirán activistas e expertos doutras zonas como Michelle Malone e Natalie Lowrey (Australia), Wale Obayanju (Nixeria), Clemente Enteng Bautista (Filipinas) ou Chris Madine (sobre a minería e pesca en Siberia), ademais de Xoán Doldán, Marcos Celeiro, Marga Prieto ou o propio Nacho Jorganes, que abordarán diversas problemáticas en Galicia. 

Os Encontros deste ano veñen precedidos da celebración en Santiago de Compostela da reunión de coordinadores rexionais de todo o mundo de Yes to Life No to Mining. A rede galega ContraMINAcción será a anfitrioa, convidando aos seus membros a participar nos III Encontros para coñecer de primeira man as súas reflexións, obxectivos e accións en relación aos diferentes problemas relacionados coa minaría por todo o planeta.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.