Outro Día das Mulleres á procura da igualdade real

Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Cidades e vilas de toda Galicia acollen este mércores 8 de marzo un bo número de actividades ao redor do Día Internacional da Muller. Moi especialmente A Coruña, onde foi declarado festivo local, pero tamén en Compostela, Vigo e Ferrol. Ou en vilas como Muros, Ponteareas e Teo. Eis algúns dos actos programados.

 

Vigo. 20 horas. Manifestación unitaria

Este mércores 8 de marzo o movemento feminista de Vigo convoca unha manifestación unitaria baixo o lema Feminismo para avanzar con saida ás 20 horas da Praza de Portugal. A marcha emprega o mesmo manifesto consensuado entre as distintas organizacións e colectivos que se puido escoitar na manifestación celebrada este domingo en Compostela.

 

Compostela. Manifestación da CIG, premio Xohana Torres e teatro

A CIG convoca unha manifestación nacional que sairá do estadio de San Lázaro ás 10:45 horas, para rematar cunha concentración, contra as 11:00 horas, diante da Secretaría Xeral de Igualdade, en Compostela. A mobilización solidarizarase con Nélida Pisco, condutora de Autobuses de Calo, "por representar a meirande parte das discriminacións que sofren as mulleres no mundo do traballo, tras padecer, durante máis de 8 anos, acoso e terrorismo patronal".

Ás 12:00, na Praza do Obradoiro, celebrarase o acto e concentración institucional. Media hora antes o Concello entregará o I Premio Xohana Torres de ensaios e creacións audiovisuais sobre a memoria histórica das mulleres na cidade e ás 20:30 o Teatro Principal acolle o espectáculo teatral e musical Bravas e diversas, de Chévere.

Ferrol. 19.30 horas. Actas do Congreso Centenario de Hildegart Rodriguez Carballeira.

O Ateneo Ferrolán acollerá este mércores ás 19.30 a presentación do libro que recolle os traballos presentados no Congreso Centenario de Hildegart Rodriguez Carballeira, celebrado hai dous anos na entidade. No acto participarán Goretti Sanmartin (vicepresidenta da Deputación da Coruña), a historiadora Rosa Cal e mais Eliseo Fernández (ex-presidente do Ateneo). En decembro de 2015 o Ateneo remitiulle ao Concello de Ferrol unha petición de que algún espazo público, praza ou rúa, levase o nome de Hildegart Rodriguez Carballeira. O libro recolle os traballos de José Manuel Peláez Ropero, Ana Muiña, Martín Paradelo Núñez, Lola Ferreiro Díaz, Luz Darriba, Micaela Fernández Darriba, Kyra Kietrys, Micaela Pattison, Miguel Ángel Pradera, Manuela Santalla López, Pablo Herrero Hernández , Olga Roig López, Dionísio Pereira, Eduard Masjuan, Eusebio Lucía Olmos, Miguel Ángel Pradera, Jean Louis Guereña, Francisco de Luis Martín, Lorena Cuevas Buján, Helena Andrés Granel, Antía Pérez Caramés, Monica Bar Cendón e Josep María Roselló.

 

Ourense. 20:00 "Mani, festa, acción"

A Marcha Mundial das Mulleres participa ás 12 da mañá no paro simbólico polo 8M, na Praza Maior. Ás oito da tarde convoca unha "mani-festa-acción" dende a Castañeira ata os xardíns do Padre Feijóo.

Teo. Posta en valor do traballo feminino

O Concello de Teo celebra este martes 7 ás 19.30 un acto institucional para conmemorar o 8 de marzo, poñendo en valor o traballo feminino feito por mulleres da localidade dende hai décadas. A través de varios vídeos coñeceremos a historia e experiencia de mulleres de Teo que traballaban por exemplo na praza de abastos e logo tamén era parte fundamental no traballo da casa. Ademais, Dona Palmira Picón, matrona xubilada e veciña de Teo, será a encargada de ler a declaración institucional. O 10 de marzo continúa a celebración do Día da Muller coa presentación do libro Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia (Galaxia) a cargo da súa autora Ana Torres Yack.

 

O Porriño. Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque

Ouvirmos vén de publicar Eugenia Osterberger. A compositora galega da Belle Époque (1852-1932), un libro-cd que será presentado este venres 10 ás 20 horas no Círculo Recreativo Cultural do Porriño. O concerto, un dos actos programados polo Concello do Porriño para conmemorar o Día Internacional da Muller, contará con Susana de Lorenzo (voz) e Beatriz López-Suevos (pianos). Eugenia Osterberger (Santiago de Compostela 1852, Niza 1932) foi unha das protagonistas da escena musical galega no século XIX, contribuíndo de forma singular á creación dunha música galega académica de raíz popular. Participou de forma activa na vida cultural e social da Coruña e Compostela e foi académica correspondente da Real Academia Galega desde a súa fundación. 

O seu nome segue sendo hoxe descoñecido en Galicia e as súas composicións musicais permanecen aínda soterradas nos arquivos sen que a súa música poida ser escoitada. "Os estudosos da música galega –quizais pola natureza dos seus apelidos- noméana en poucas ocasións e considérana foránea, polo que, ao estudar o patrimonio musical galego, non inclúen o seu legado musical", destaca Ouvirmos. Osterberger, máis tarde Mme Saunier, contribuíu notablemente á consolidación da melodía galega, xénero inherente ao noso acervo musical. Creou un gran número de composicións para piano solista así como cancións ou melodías galegas para voz e piano; estas últimas conforman o repertorio do CD que acompaña o libro. 

 

Lugo. Música e reflexión

Os actos do 8 de marzo en Lugo comezaron xa hai días e teñen este mércores unha das súas citas no concerto na antiga capela de Santa María do grupo Batuko Tabanka, formado por veciñas de Burela orixinarias de Cabo Verde. A proxección dun vídeo a prol da igualdade elaborado pola Fundación TIC ou o reparto de flores lilas serán tamén parte dun programa que continúa o día 10, coa inauguración do IV Congreso de Xéneros, Museos, Arte e Educación no Museo Provincial lucense cunha xornada na que se aborda o xeito de mostrar a "diversidade de xéneros e os seus papeis na historia" nos espazos museísticos.

 

9 de marzo. Museo do Pobo Galego

O Museo do Pobo Galego celebrará o xoves 9 de marzo aos actos conmemorativos do Día da Muller. Inma López Silva dirixirá unha lectura coral de textos, escollidos entre os documentos da biblioteca e a hemeroteca da institución, seleccionados por Encarna Otero e María Tilve. Silva estará acompañada por Encarna Otero, Elsa Pereira, María Couceiro e Daniel Asorey.

 

'Voaxa e Carmín', en Muros e Ponteareas

Na semana do 8 de marzo, a obra de teatro Voaxa e Carmín, que conta a vida de Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, coñecidas como As Marías, representarase en Muros e Ponteareas, despois de encher durantes catro días o Teatro Principal de Compostela e de esgotar igualmente as entradas en Vigo. As funcións serán o sábado 11 ao Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros (21:30) e o sábado 12 no Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas (20 horas).

 

Declaración institucional do Colexio Oficial de Psicoloxía

O Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia lanzou unha declaración institucional con motivo do 8 de marzo na que fai fincapé "na importancia da educación en igualdade como vía para desterrar a histórica desigualdade de xénero entre homes e mulleres". "A desigualdade de xénero é o resultado dunha construción social e cultural, con graves consecuencias para a muller que arrastra a día de hoxe, a pesar dos avances conseguidos", sinala a declaración, que engade que "a brecha salarial, o teito de cristal no laboral, unha tripla xornada (laboral, doméstica e reprodutiva), as agresións sexuais ou a terrible lacra da violencia de xénero, son exemplos moi significativos de como continúa vixente a desigualdade entre homes e mulleres".

"Para construír uns cimentos sólidos dunha sociedade máis igualitaria e, por tanto, máis xusta, debemos ir á raíz. É necesario que desde o berce eduquemos en igualdade a nenos e nenas, para desterrar os roles, estereotipos e prexuízos de xénero, construcións sociais que sustentan a desigualdade e as súas repercusións", subliña, concluíndo que "a coeducación, é dicir, a educación en igualdade para evitar as discriminacións ou desigualdades por motivo de xénero, así como a corresponsabilidade no fogar, consistente en que homes e mulleres se responsabilicen por igual das tarefas domésticas, son esenciais para desmontar as bases da desigualdade".

 

Xornada Arte-llando Igualdades Participativas

O Colexio de Traballo Social organiza este sábado 11 de marzo na Facultade de Filosofía da USC unha xornada a medio camino entre o Día Internacional da Muller e o Día Mundial do Traballo. Arte-llando Igualdades Participativas quere afondar nas liñas de xénero e migracións, violencia de xénero e menores e xénero e prisións; vincula Traballo Social, muller e arte e por iso estará dinamizada por disciplinas artísticas como teatro, música e danza. No evento, que busca analizar como interactúan e se reforzan as diferentes formas de desigualdade e opresión, participarán profesionais e activistas, coma Laura Bugalho, Zorahaida Casales ou Carlota Pérez.

 

"8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo"

A Deputación da Coruña vén de lanzar o videoclip e a canción "8 mulleres, 8 voces, 8 de marzo", nun tema musical que busca "celebrar desde o orgullo, a vindicación, a emoción e a vontade de loitar e de avanzar na igualdade de xénero, para unha sociedade máis xusta e mellor". A letra e melodía están compostas por Alba María, e nela cantan outras sete mulleres de moi diferentes propostas artísticas e de distintas xeracións como Uxía, Ugia Pedreira, Pilocha, Carmen Rey, Belem Tajes, Silvia Penide e Sonia Lebedinsky. "É día nos hemisferios dos teus ollos do século XXI. Ceibaremos as penas, botaremos moedas, sen que importe que saia cara ou cruz. Ti que levas as cancións nas costas e transportas o lume do solpor. Eu canto, vou contigo, prende o que digo, non necesito máis calor", comeza dicindo a canción.

Nélida Pisco, nunha mobilización © CIG
Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Cartel do acto que acollerá este mércores o Ateneo Ferrolán © Ateneo Ferrolán
Captura do vídeo 'Hemisferios' © Deputación da Coruña
Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo
Imaxe da manifestación celebrada este domingo en Compostela CC-BY-SA Galiza Contrainfo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.