"Igualdade de prensa": O Colexio de Xornalistas reivindica o papel das mulleres no oficio

A fotoxornalista Letizia Battaglia, especializada en documentar os crimes da mafia, unha das figuras reivindicadas na campaña Dominio Público CPXG

Unha reivindicación das mulleres no xornalismo. Tras meses desenvolvendo a campaña #NonDifundasMachismo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia activou este 8 de marzo un segundo treito da iniciativa: #IgualdadeDePrensa. Trátase, explican, de "reivindicar o nome e a figura de compañeiras de profesión que fixeron posible un xornalismo menos machista".

"Como o resto da sociedade", indica a entidade profesional galega, "o eido do xornalismo non é alleo á discriminación patriarcal" nas súas diversas manifestacións: "fendas salariais de xénero, teitos de cristal que impiden o acceso a postos de direfcción, acoso e violencia...". E xunto a elas, a "invisibilización" que "deixou no esquecemento o labor e a herdanza" de moitas xornalistas durante a historia, a mesma que na actualidade "minusvalora a capacidade de traballo de moitas compañeiras".

Fronte a estas actitudes o CPXG está a compartir en Twitter baixo a etiqueta #IgualdadeDePrensa nomes, imaxes e historias das "mulleres que contribuíron de maneira central ao desenvolvemento do xornalismo, como símbolo para reivindicar a igualdade plena de mulleres e homes nos medios". Entre as traxectorias profesionais recuperadas están, por exemplo, a da fotoxornalista de guerra Gerda Taro -"moitas de cuxas fortos foron atribuídas a Robert Capa", lembran-, o da que foi primeira directora dun xornal no Estado, María Luz Morales.

O CPXG volve "apelar á responsabilidade" das direccións dos medios para un "tratamento máis axeitado das noticias sobre violencia contra a muller"

Oriana Falacci, Irene Polo ou Ángela Rodicio son outras das xornalistas que o Colexio reivindica nun contexto no que, ademais, a entidade "aproveita" para "apelar á responsabilidade das persoas que ocupan as xefaturas de redacción e edición" e "ao seu compromiso para avanzar cara a un tratamento máis axeitado das noticias sobre violencia contra a muller".  Nestas informacións, advirte, "séguense a detectar eivas imperdoábeis nunha prensa libre, democrática e comprometida co desenvolvemento social do país".

A xuízo do CPXG "a perspectiva de xénero debe ser un asunto transversal" e por iso "cómpre, con urxenicia, abordar as necesidades de formación neste eido" para o conxunto da profesión. É necesario, en definitiva, "tomar en serio a igualdade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.