Milleiros na rúa contra a Lomce nunha nova xornada de folga no ensino

Manifestación estudantil en Pontevedra © Erguer

Outra folga e importantes manifestacións contra a Lomce. O paro xeral foi importante en Galicia nunha xornada de protesta que, ao contrario que outras mobilizacións parciais das últimas semanas e meses, atinxiu todos os sectores da escola pública: estudantado de infantil á universidade, profesorado e familias. Nesta ocasión, ademais, tanto a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público como a Plataforma En Defensa do Ensino Público coincidiron na convocatoria malia acudir por separado ás mobilizacións. 

As dúas plataformas convocaron a folga pero acudiron por separado ás mobilizacións

Hóuboas en todas as cidades contra ao mediodía. Nelas, sobre todo estudantes, pero tamén docentes e pais e nais, clamaron pola "derrogación" da coñecida como Lei Wert despois de que o Goberno de España e o Ministerio de Educación xa accedesen a non aplicala en todos os seus termos e mais polo fin do modelo "3+2" -tres anos de grao, dous de máster- na universidade. Xunto a estas reivindicacións, tamén a esixencia de convocatoria da oferta pública de emprego que remedie "os recortes" de persoal dos últimos anos e máis garantías de equidade no acceso á educación por vías como o incremento das bolsas.

UGT cifra o seguimento da folga por parte do profesorado no 63% mentres que a Xunta redúceo a menos do 12%

O seguimento da folga, no entanto, foi escaso ou exitoso segundo os datos achegados polos sindicatos e organizacións estudantís ou pola Consellería de Educación. Mentres a Xunta asegura que menos do 12% dos docentes acudiu á folga nos centros públicos e un escaso 0,4% nos concertados, UGT elevou a participación ao 63% dos profesores. En canto ao alumnado, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e Erguer cifraron en entre o 80% e o 90% o seguimento do paro xeral

Nas mobilizacións, as da Plataforma Galega foron lideradas por pancartas nas que se podía ler Non á Lomce! Lei Galega de Educación. Nelas, insistiuse nas reivindicacións e, tal e como dixo Anxo Louzao, secreario nacional de CIG-Ensino, na petición á Xunta para que "deixe de actuar como un boneco e unha comparsa" co Goberno central. 

Nas da Plataforma en Defensa do Ensino Público, reivindicáronse practicamente as mesmas cousas e, como dixo unha das voceiras, Paula Rodríguez, reclamouse o impulso a un "pacto educativo, social e político consensuado", un acordo do que, polo momento, tanto unhas organizacións como outras recean. 

Sexa como for, a división da protesta contra a Lomce en dúas manifestacións deuse en todas as cidades galegas onde a comunidade educativa saíu á rúa. Ante esta situación, a plataforma Folga 9M, asembleas de alumnos, portaron pancartas durante o percorrido da marcha en Compostela esixindo un movemento estudantil "que non siga intereses partidistas"

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.