O Salto: "Hai que trazar alternativas horizontais, sumando o traballo que xa se está a facer"

O novo medio publicará o seu primeiro número en maio © O Salto Galiza

El Salto ten en Galicia unha edición autónoma, que elaborará todos os meses un suplemento de 8 páxinas en galego, ademais que contidos escritos e audiovisuais para a web. Falamos co colectivo editor de O Salto Galiza sobre o proceso de lanzamento do novo medio, que hai uns días publicou o seu número 0, e que a semana que vén iniciará as presentacións do proxecto: 14 de marzo, Ourense, El Pueblo Café Cultural; 15 de marzo, Vigo, A Cova dos Ratos; 16 de marzo, Compostela, O Ateneo Soc. Coop; e 17 de marzo, A Coruña, Berbiriana. El Salto, froito do traballo cooperativo de Diagonal, Ara Info, El Salmón Contracorriente, Pamplonauta ou Pikara, publicará o seu número 1 en maio. Mentres, atópase en plena campaña de presentación e difusión, buscando incrementar o seu número de subscritoras e subscritores, fixando en Galicia un obxectivo mínimo de 500 persoas.

Cal é o público ao que se dirixe o Salto? Que tipo de temas centrarán a edición galega?

"Nos últimos anos, coa crise económica, o 15M, o movemento contra os desafiuzamentos ou o chamado asalto institucional, houbo unha re-politización na sociedade, que ampliou na xente a consciencia de non recoñecerse nos grandes medios"

O Salto nace coa idea de sumar forzas para ter un impacto máis alá do que son os públicos habituais dos medios alternativos, que é o problema fundamental dos que facemos comunicación desde a disidencia: como callar socialmente fóra dese núcleo de persoas que xa consomen prensa crítica de xeito militante. Pensamos que nos últimos anos, coa crise económica, o 15M, o movemento contra os desafiuzamentos ou o chamado asalto institucional, houbo unha re-politización na sociedade, que ampliou na xente a consciencia de non recoñecerse nos grandes medios, que falan de obxectividade cando en realidade defenden os intereses duns poucos. Coidando o público que xa acompaña o traballo dos distintos medios que cooperamos no Salto, cremos que podemos chegar a un auditorio maior, un espectro diverso entre as persoas con certas inquedanzas transformadoras, desde os xa convencidos aos menos, para repercutir naqueles que por diversas razóns non atopan un acubillo claro noutras cabeceiras.

"Para nós é fundamental incorporar sempre a perspectiva feminista"

En canto ás temáticas, pois xa podedes comprobar un pouco por onde van os tiros. A pesar do pouco tempo e recursos, decidimos estar presentes no número 0 para ter unha carta de presentación. Neste número piloto temos unha reportaxe sobre a privatización dun servizo público como a sanidade, unha lembranza das loitas do metal contada por un traballador, infancia e pobreza, crónica política... Tamén unha parte cultural, pero entendéndoa como un espazo vivo e de conflito, cun artigo sobre a obra de teatro Goldi Libre, que recupera a memoria do movemento insubmiso, ou Numax como un proxecto cooperativo para a visibilización do cinema independente. Para nós é fundamental, ademais, incorporar sempre a perspectiva feminista, por iso entrevistamos a Nélida Pisco, condutora de buses que sufriu acoso laboral por reclamar o dereito a conciliar traballo e maternidade.

"Este é un proceso aberto, onde esperamos que se vaian sumando máis medios e persoas"

E hai moitos campos diversos que queremos explorar: defensa do medio, darlle voz ao que acontece no rural, música e censura, precariedade laboral e moito máis. En definitiva, todo aquilo que nos afecta, co obxectivo ideal de marcar axenda propia, centrándonos en contidos de análise repousada e investigación, tanto en formato escrito como audiovisual. Todo isto dependerá das forzas e das colaboracións que vaian xurdindo, pois este é un proceso aberto, onde esperamos que se vaian sumando máis medios e persoas.

Que valoración facedes do xornalismo que se está facendo neste momento en Galicia?

No ámbito privado temos dous grandes medios, La Voz e Faro; ademais doutros máis pequenos como El Progreso, La Región ou El Correo Gallego. Todos eles, en boa parte, dependen do diñeiro público que lles outorga a Xunta, cunha visión localista, certamente reaccionarios e con nula presenza da nosa lingua. Logo, no ámbito público, basicamente hai unha televisión ao servizo do goberno Feijóo. Isto falando dos medios galegos, xa que despois, coma no resto do Estado, temos a Mediaset, Atresmedia, Prisa... Grandes conglomerados controlados polos intereses do capital, que por desgraza son os que constrúen a realidade para a maioría da poboación.

"Existen bastantes medios alternativos, tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, pero moi dispersos e con pouco impacto no público non politizado ou organizado. De aí a necesidade de unir forzas"

Por outra parte, existen bastantes medios alternativos, tanto dixitais, como audiovisuais ou en papel, pero moi dispersos e con pouco impacto no público non politizado ou organizado. De aí a necesidade de unir forzas, de colaborar para acadar máis impacto e conseguir meter en axenda cuestións de relevancia para a sociedade galega que non saen nos grandes medios.

O Salto é un mensual impreso e é unha web. Que papel e importancia terán os contidos audiovisuais?

Agardamos que bastante, pois ademais das persoas que se van sumando de xeito individual, estamos participando xente de dous medios que basicamente traballamos este campo, Galiza Ano Cero e Galiza Contrainfo. Agora estamos nun proceso de debate e experimentación de formatos, pois téndese cada vez máis a formatos curtos. No caso de GAC gostamos máis dos longos e teremos que adaptarnos. A idea sería poder formular un contido audiovisual semanal, pero se superamos os 500 subscritores que inicialmente definimos como obxectivo e acadamos 2.500, por poñer unha cifra, haberá máis recursos e, polo tanto, máis tempo para construír pezas audiovisuais. Estariamos encantados de poder facer unha por dia, pero vai depender do apoio que recibamos.

Como se organiza internamente o nodo galego (e co Salto a nivel estatal)? Como se deciden os temas?

Como este é un proceso en construción, andamos aínda definindo ferramentas e vendo a maneira de coordinarnos mellor, pois hai xente de sitios diversos e case todos temos outros traballos. Polo momento decidimos unha xuntanza editorial mensual presencial para ir definindo eses contidos, pero na realidade estamos facendo encontros semanais de xeito virtual para tratar temas de campaña e tamén cuestións editoriais.

En canto á relación coa infraestrutura común e con outros nodos territoriais, a autonomía é total. O nodo galego decide que e cando se publica, aínda que recibimos moita colaboración por parte deles; e adoitamos manter encontros quincenais para diversos temas, campañas coordinadas en redes, organización interna, contidos dixitais, papel, etc.

Agora estamos inmersas na tarefa de difusión do proxecto. Para nós é fundamental que a xente entenda que facer comunicación require tempo e traballo que debe ter un soporte económico

Un dos lemas do Salto é "un gran medio feito pola xente". Como é o sistema de financiamento?

O modelo que defendemos é sustentarnos en base a unha comunidade de subscritores e subscritoras que poidan garantir a independencia económica e remunerar o traballo de xeito digno. De aí que agora esteamos inmersas na tarefa de difusión do proxecto. Para nós é fundamental que a xente entenda que facer comunicación require tempo e traballo que debe ter un soporte económico. Sabemos que son tempos complicados para andar a pedir cartos, con moitos outros proxectos buscando o mesmo, crowdfundings, etc., pero cremos que marcamos a diferenza en ser un proxecto aberto, horizontal, baseado na cooperación, e ao mesmo tempo unha aposta ambiciosa de construír algo que transforme o panorama mediático.

O ideal sería que o medio dependese nun 70% das socias e o outro 30% sairía sempre de publicidade ética, sen grandes empresas, banca, nin publicidade sexista, etc. Na medida en que logremos consolidarnos como nodo galego do proxecto, o ingresado no noso país vai para a xestión do propio nodo galego, agás unha pequena parte, aínda por determinar, que iría para a estrutura xeral para cubrir cuestións que afectan a todas, como a cobertura legal, a impresión do papel, ou o aloxamento da web. Neste aspecto gustaríanos salientar a xenerosidade de medios como Diagonal ou Ara Info que están achegando todo o seu potencial en igualdade de condicións con colectivos máis cativos, coma o noso.

Entendemos que unha parte do noso público está formado por activistas dos movementos sociais, que coñecen a invisibilización e xa son conscientes da importancia que ten que haxa espazos coma este

Os movementos sociais deben decatarse de que para ter medios que defendan as súas posicións deben apoialos de forma activa?

Sobre os movementos sociais, entendemos que unha parte do noso público está formado por activistas dos mesmos, que coñecen a invisibilización e xa son conscientes da importancia que ten que haxa espazos coma este, interesados en contribuír na transformación social, ben como altofalantes das súas propostas e reivindicacións, ben como lugar para o debate e a confrontación de ideas. Nós mesmas somos un pouco movemento tamén, reivindicamos a información como un dereito básico, dereito a unha información libre, veraz e contrastada.

"Non imos ser voceiros de tal ou cal corrente ou partido político. Definimos unha liña de crítica construtiva, queremos ser honestas, rigorosas e achegar claridade nos debates onde se xera ruído mediático"

Por outra banda, temos que deixar ben claro que O Salto nace cunha vocación, plural, autónoma e independente. Non imos ser voceiros de tal ou cal corrente ou partido político. As compañeiras que na (nova ou vella) política traballan o institucional deben entender que un medio realmente libre debe funcionar coa filosofía “goberne quen goberne”. Neste aspecto definimos unha liña de crítica construtiva, queremos ser honestas, rigorosas e achegar claridade nos debates onde se xera ruído mediático.

"Ou nos xuntamos e percutimos, de xeito autónomo, descentralizado, pero pensando en ocupar un espazo importante e maioritario ou os pequenos medios tenderán a esmorecer e con moitas dificultades funcionarán os máis militantes"

No lema que citaba antes incídese no obxectivo de conformar un gran medio, partindo da unión de apostas diversas. A cooperación entre medios e colectivos é imprescindible para competir cos medios do réxime?

Vendo a gran cantidade de medios dixitais (e non só) que foron xurdindo nos últimos anos, pensamos que si, que hai unha gran dispersión e que ao final hai moitas persoas e colectivos facendo cousas similares con escaso impacto de cara ao gran público, que segue consumindo a información que fornecen as grandes axencias e os medios empresariais convencionais. Convén sinalar que estamos participando nun proxecto pensado e traballado durante case dous anos que, analizando o panorama mediático actual e os cambios que chegan nun futuro inmediato, fixo unha diagnose clara: ou nos xuntamos e percutimos, de xeito autónomo, descentralizado, pero pensando en ocupar un espazo importante e maioritario ou os pequenos medios tenderán a esmorecer e con moitas dificultades funcionarán os máis militantes. Se nos fixamos nos chamados medios do réxime cada vez se concentran máis, cada vez son monstros máis grandes. Hai que trazar alternativas horizontais, sumando o traballo de formigas que xa se está a facer.

Cal é o nivel de implicación de medios e colectivos como Galiza Ano Cero ou Galiza Contrainfo? Cal será o futuro destes medios?

Pois persoas de ambos colectivos estamos a participar coas limitadas forzas que temos, pero con moita ilusión e ganas. Sempre abertos a establecer colaboracións e sinerxías con outros medios do país que se sitúen nas nosas coordenadas, desde abaixo, sen enganosas equidistancias, con independencia, rigorosidade, tomando como principio a análise crítica pero construtiva. É dicir, construír información desde onde nos situamos, en Galiza e coas maiorías sociais agredidas, dándolles voz nos conflitos abertos: laborais, migrantes, represión aos movementos sociais... Ningún dos medios do país que imos participar neste proxecto estamos pensando en desaparecer, ben ao contrario, pretendemos colaborar e comezar a elaborar contidos conxuntos para O Salto, co obxectivo de chegar cada vez a máis xente e ser quen de marcar unha liña comunicativa propiamente galega dentro dun medio de carácter estatal.

"Estamos sempre abertos a establecer colaboracións e sinerxías con outros medios do país que se sitúen nas nosas coordenadas, desde abaixo, sen enganosas equidistancias, con independencia, rigorosidade, tomando como principio a análise crítica pero construtiva"

Que debe facer un/unha xornalista ou colectivo que queira colaborar co Salto Galiza?

Poñerse en contacto con nós a través do mail (galiza@saltamos.net) ou das redes sociais e empurrar e achegar temas, propostas, etc. Iso si, convén aclarar que o traballo a día de hoxe non é remunerado, e aínda que somos as primeiras en querer dignificar o noso traballo e non precarizalo, este vai ter que ser polo momento voluntario, coa vontade de remuneralo de xeito xusto e igualitario na medida que vaia sendo posible.

Como diciamos, a idea é sustentar o medio e, polo tanto, os seus custes de persoal e material en función da comunidade que sexamos quen de ir xerando. Por iso é tan importante a campaña de socias: canta máis xente apoiando, máis capacidade terá o medio para contratar persoal ou facer coberturas e investigacións.

 

O novo medio publicará o seu primeiro número en maio © O Salto Galiza
Ourense acollerá a vindeira semana a primeira presentación pública do Salto Galiza © O Salto Galiza
Unha das xuntanzas do colectivo editor © O Salto Galiza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.