Alertan de "centros de ocio" que funcionarían ilegalmente como escolas infantís

Contacontos nunha escola infantil en Galicia © Xunta

A Asociación Galega de Escolas Infantís (AGADEI) denuncia o crecente "intrusismo" de establecementos que ofrecen servizos de atención continuada de 0 a 3 anos sen contar cos necesario permisos para facelo, "centros de ocio" que de facto estarían funcionando como escolas infantís. "Moitas destas pseudo-escolas non contan cos permisos obrigatorios para prestar estes servizos, os profesionais que traballan neles non contan coa debida formación e ademais non son debidamente inspeccionados polas administracións públicas", sinala Fernando Rolland, presidente de AGADEI.

AGADEI subliña que só poden funcionar como escola infantil aqueles establecementos "constituídos e rexistrados como tales" ante a Consellería de Política Social. "Tanto ludotecas como centros de lecer, só poderían prestar servizos puntuais e cada un deles no seu perfil", din. Porén, denuncia, "cada vez se detectan máis casos de intrusismo por parte, principalmente, de centros de lecer, co consecuente prexuízo para os menores e a obvia competencia desleal para aquelas empresas que exercen legalmente a súa tarefa como escolas infantís e están supeditadas a estritos controis por parte da administración tanto no que respecta ás súas instalacións como ao seu persoal e proxectos educativos", sinala Rolland.

A entidade vén de denunciar ante o Servizo de Inspección de Servizos Sociais dous deses casos, un en Pontevedra e outro en Mondoñedo, aínda que afirma que hai moitos máis en toda a comunidade

A entidade vén de denunciar ante o Servizo de Inspección de Servizos Sociais da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dous deses casos, un en Pontevedra e outro en Mondoñedo, aínda que afirma que hai moitos máis en toda a comunidade. AGADEI, asociación fundada en 1986 e que agrupa a 75 socios e socias e a 130 escolas de toda Galicia, destaca que "non hai que esquecer, que os usuarios finais son menores de idade", o que obriga a extremar as precaucións en relación co estrito "cumprimento da legalidade", tanto para os centros coma para o persoal que traballa neles.

 

Contacontos nunha escola infantil en Galicia © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.