Urbana, vilega, rural: Así son as tres (ou seis) Galicias

Distribución dos concellos galegos en función do seu grao de urbanización Dominio Público Praza Pública

Eurostat emprega dende hai anos un estándar para a clasificación do territorio en función do seu carácter urbano ou rural, con tres categorías: zonas densamente poboadas (ZDP), zonas intermedias (ZIP) e zonas pouco poboadas (ZPP) e seis subgraos, desagregándose a categoría ZIP en ZIP alta e baixa e a ZPP en ZPP alta, media e baixa. O IGE tamén usa esa metodoloxía para a ordenación de concellos e parroquias e vén de aplicar os principais indicadores demográficos, sociolaborais e económicos a esa clasificación, ofrecendo dunha ollada un panorama das diferenzas entre os espazos urbanos, vilegos e rurais de Galicia.

Nesta clasificación 7 concellos son ZDP, 40 son ZIP alta e 26 ZIP baixa. O resto son zonas pouco poboadas (ZPP), subdivididos en alta (29), intermedia (31) e baixa (181). Nas zonas densamente poboadas (cidades), un 50% ou máis da poboación vive en conglomerados de alta densidade. Nas zonas intermedias (vilas e arredores), menos do 50% da poboación vive en celas rurais e menos do 50 % vive en conglomerados de alta densidade. Nas zonas pouco poboadas (áreas rurais), un 50% ou máis da poboación vive en celas rurais. O IGE define os conglomerados de alta densidade como celas de 1 kmcunha densidade igual ou superior aos 1.500 hab./km2. As celas rurais son as celas da cuadrícula que están fóra dos conglomerados urbanos, definidos como celas de 1 km2 cunha densidade igual ou superior aos 300 hab./km2.

As diferenzas son claras na demografía. As zonas densamente poboadas (as sete cidades) e concellos definidos como ZIP altas suman ao redor de 1.75 millóns de habitantes, gañando 127 mil dende o ano 1998, unha poboación que perden as localidades estritamente rurais. Os indicadores de idade media, porcentaxe de menores de 20 anos, de índice de envellecemento e a taxa de natalidade amosan grandes diferenzas entre os ámbitos urbanos e rurais, aínda que o envellecemento prodúcese en todas as zonas do país. Os concellos considerados ZIP alta son máis novos que as propias cidades.

Na economía hai tamén grandes diferenzas. As zonas urbanas concentran a maior parte da riqueza do país (as ZDP e ZIP altas suman o 70% do valor engadido bruto) e nelas hai tamén máis empresas e pensións máis altas, cunha economía máis centrada nos servizos. As zonas rurais, pola contra, con taxas de paro menores, rexistran unha actividade do sector primario máis importante e máis traballadores por conta propia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.