A Xunta frea unha planta de metanol que buscaba "auga e solo baratos" en Viana do Bolo

Macizo central de Ourense © Adega

A Xunta tomba a planta de metanol que a empresa Paratemor Energía proxectaba en Viana do Bolo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a pasada semana a declaración de impacto ambiental (DIA) desfavorable do polémico proxecto, impulsado polos mesmos promotores que prometeran milleiros de empregos nunha industria de xeración de biocombustibles a través da batata na Costa da Morte. Os mesmos que o intentaran con iniciativas semellantes noutras partes do Estado e que foran paralizadas pola Administración malia a dura batalla xudicial e as elevadísimas indemnizacións solicitadas polos empresario, que foron acusados en numerosas ocasións de "cazasubvencións". 

A Administración advirte dos "previsibles efectos negativos significativos sobre o medio ambiente"

A Secretaría Xeral de Avaliación Ambiental, logo de analizar toda a documentación, rexeita o proxecto porque "previsiblemente causará efectos negativos significativos sobre o medio ambiente" e considera que as medidas previstas polo promotor "non garanten suficientemente a súa completa corrección ou a súa axeitada compensación". A empresa ten previsto alegar, aínda ten moito que corrixir. 

A DIA advirte de "dúas graves inconsistencias" no proxecto empresarial: a carencia de autorización para a captación de auga, malia asegurar o promotor que si a ten; e a "variabilidade da superficie afectada" que oscila entre as 2,5 hectáreas da explanada e unha "superficie indeterminada". Pero ademais, a Xunta lémbralle á empresa que "non avalía axeitadamente os impactos sobre a flora e a fauna" nin da propia planta nin do transporte dos produtos ou dos residuos, nin de diversas infraestruturas. Así, recrimínalle que "en ningún momento dea unha axeitada resposta" e que, alén disto, a valoración das alternativas "é unicamente económica e non ambiental", xustificando o lugar elixido pola "presenza de sol, auga barata, solo barato e existencia de posibles accesos".

A Xunta recrimina á empresa que optase polo lugar unicamente pola "presenza de sol, auga e solo barato e posibles accesos"

"A presenza de especies protexidas de grande interese ambiental, a fraxilidade da paisaxe e a posible presenza de bens do patrimonio cultural e/ou etnográfico non son tidas en conta na valoración de alternativas", reprocha a Administración, que advirte que mesmo "a xustificación meramente económica" do promotor "carece de fundamento" ao haber outros terreos máis propicios. 

Tal e como lembrara a SGHN, os impulsores do proxecto "obtiveron un informe favorable do arquitecto asesor" do Concello de Viana do Bolo en base a "unha interpretación moi sui generis" da Lei de ordenación urbanística e proteción do medio rural de Galicia. A administración municipal, con alcalde do BNG, apoiou a iniciativa e lamenta agora que se poida vir abaixo. 

Mentres, a Xunta censura a "importante indefinición do proxecto" e a documentación achegada, á que alegaron as asociacións Petón do Lobo, Adega, Salvemos Cabana ou a Sociedade Galega de Historia Natural. E censura as presións para que a Administración lle garantise a execución do proxecto antes da avaliación do impacto ambiental tras impedir que se realizasen prospeccións, unha análise que, reprocha tamén, "nunca foi achegada" pola empresa malia requirírselle "reiteradamente". "O promotor non pode, baixo ningún concepto, condicionar a Administración á obtención de garantías de execución dun proxecto, se previamente este non é valorado e avaliado favorablemente segundo establece a normativa", dille. 

O informe censura os promotores por presionar a Administración para que lles garantise os proxecto sen avaliar antes o seu impacto ambiental

A Secretaría Xeral de Avaliación é dura no seu informe contra os promotores, aos que acusa tamén de empregar estudos sobre as afectacións a fauna ou flora protexida baseadas en "recompilacións de información dixital e diversos artigos" mesmo de "xornais xeralistas" sen facer "prospeccións previas ou in situ". E reprocha que non se advirta do "grande impacto sobre un paisaxe de gran beleza".

Con toda a documentación analizada, o informe conclúe que "o proxecto supón un elevado risco, tanto para as numerosas especies protexidas e en perigo da extinción" como "para o patrimonio cultural", así como "un severo impacto paisaxístico" e insiste na "indefinición" en aspectos ambientais clave que "non foron aclarados polo promotor" ao longo da tramitación da DIA.

 

As sombras que arrodean os seus impulsores

A empresa Paratermo Energía quería construir nun terreo rústico de 188 hectáreas en Viana do Bolo unha instalación industrial dedicada á produción de metanol (75.000 Tm/ano) e hidróxeno (375 Tm/ano), consumindo como materias primas 75.000 Tm/ano de carbón e 37.500 m3/ano de auga; empregaría como enerxía a radiación solar e xeraría 18.750 Tm/ano de cinzas. 

A un dos impulsores do proxecto xa lle foron rexeitados outros tras reclamacións milmillonarias rexeitadas pola Audiencia Nacional

Os promotores desta iniciativa xa buscaron no pasado poñer en marcha polémicos proxectos enerxéticos semellantes, con modus operandi parecidos e, en varias ocasións, con sonoros fracasos e atopando a paralización dos mesmos por parte da xustiza. Un dos impulsores é Daniel González González, que achega a metade do capital social. Este empresario, a través de empresas como Guradoor SL ou Lisply SA, estivo implicado en proxectos de produción de biocombustibles, metanol e hidróxeno empregando enerxía solar e ocupando sempre grandes extensións de terreos rústicos en Granadilla de Abona (Tenerife, 2009), Tabernas (Almería, 2012) e Coristanco (2015). Os dous primeiros foron iniciados sen permisos e paralizados pola administración, que acabou gañando os recursos xudiciais presentados polas empresas, que reclamaban indemnizacións por lucro cesante de 50 e 620 millóns de euros diarios (ata un total de 85.000 millóns de euros no caso canario). 

De igual xeito, o pasado ano a empresa Lysply, con sede en Panamá, presentou a través da súa filial Termo-Biológicas un megaproxecto de xeración de biocombustibles na Costa da Morte a partir da plantación de batata, prometendo a xeración de 2.000 postos de traballo directos, cun investimento inicial de 320 millóns de euros. Xa dende a súa presentación, a viabilidade do proxecto foi posta en dúbida, tras un acordo (de abril de 2015) da Comisión de Medio Ambiente da Unión Europea, que limita ao 7% para o ano 2020 o volume máximo permitido de combustibles derivados de cultivos para o consumo enerxético do transporte. Aínda hai pouco máis dun ano, Termo-Biológicas repetía a súa promesa de crear 1.600 postos de traballo en Coristanco, pero todo parece que quedou en nada. Alén diso, o empresario responsable do proxecto en Galicia, Josíe Luis Lagares, faleceu o pasado mes de marzo. 

Planta de metanol © solcanblog.wordpress.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.