0 Gardados para despois

A Defensora recrimina ao Goberno central ao non atender unha denuncia por estar en galego

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O estado de "abandono e agresión" que desde hai tempo sofre o histórico carballo de Santa Margarida, na parroquia de Mourente (Pontevedra), levou o pasado mes de novembro o colectivo AnovaTerra a remitir denuncias a diferentes institucións. Xunta de Galicia, Concello, Valedora do Pobo, Defensor del Pueblo, Axencia Europea de Cultura, Arcebispado de Santiago, así como os ministerios de Cultura e Medio Ambiente, foron advertidos da insuficiente protección da árbore e da súa contorna por parte das administracións e esixíuselles reacción ante "a expresión do desprezo e a incompetencia fronte a un dos exemplares mais singulares do patrimonio vexetal que aglutina historia, cultura, memoria colectiva, paisaxe, vida e identidade dun pobo e unha cidade". 

AnovaTerra denunciou ante varias administracións o abandono do carballo; o Ministerio de Cultura non respondeu por recibir a carta en galego e non en castelán

Pero nada dixo o Ministerio de Cultura naquela primeira resposta. Só unha cousa: reclamou a AnovaTerra que "remitise o contido da denuncia en castelán a fin de que se poidan iniciar os trámites correspondentes". O departamento cultural do Goberno central negouse a responder a unha reclamación por non estar escrita en español, senón en galego. Reiteradas as denuncias sobre a situación do carballo en marzo, a Defensora del Pueblo e a Valedora do Pobo deron conta das xestións realizadas; e a alto comisionado estatal tiroulle das orellas á Administración central. 

A Defensora -o cargo ocúpao Soledad Becerril- lembra a AnovaTerra que "as Administracións deben facilitar aos cidadáns o emprego das linguas oficiais en todo o territorio e interpretar as normas con esa finalidade". Así, asegura que a Subidirección Xeral de Patrimonio Histórico "debería ter respondido ao escrito, redactado en lingua oficial" e recoméndalle ao colectivo que, no caso de volverse dirixir a un órgano da Administración Xeral do Estado no idioma da súa elección e non obter resposta, achegue a documentación ao alto comisionado. 

Antes, o organismo estatal lembra a lexislación estatal que garante "que os cidadáns, na súa relación coas administracións públicas, teñen dereito a utilizar as linguas oficiais no territorio da súa Comunidade Autónoma". Para AnovaTerra, a resposta do Defensor "deixa en evidencia a conduta incorrecta" do Ministerio de Cultura ante "o escrito redactado en galego, que é unha lingua oficial".

A Defensora advirte que o Ministerio "debería ter respondido ao escrito" ao estar "redactado en lingua oficial" 

En canto ao resto de respostas, o colectivo lembra que a Valedora do Pobo admitiu a trámite a súa queixa e informou das contestacións do Concello de Pontevedra e da Consellería de Medio Ambiente. Ambas as dúas institucións aclaran "que o terreo e a responsabilidade do coidado do carballo é da Arquidiocese de Santiago de Compostela" e o colectivo critica que "as administracións competentes lle consintan a desfeita á Igrexa". Segundo di AnovaTerra, a administración local da cidade anunciou un investimento de 240.000 euros, o que considera "o desvío de fondos públicos para actuacións que lle corrspondería financiar á propia Igrexa". 

Alén disto, AnovaTerra critica a contestación dada polo Concello de Pontevedra ás súas denuncias por "queixarse á Valedora da queixa cidadán malia respocer a gravidade da situación do carballo e da súa contorna e non ser capaz de adoptar ningunha medida preventiva como a prohibición de estacionamento dos vehículos no recinto, nin obrigar o propietario a coidalo". 

O histórico carballo, duns 400 anos de idade, está catalogado no inventario de árbores sobresaíntes de Galicia, ten 15 metros de alto e case 8 metros de perímetro troncal, segundo consta na ficha publicada en Patrimonio Galego, que destaca que podería ser a derradeira árbores dun bosque ancestral ao que as referencias denominan Carballeira dos Gafos ou Carballeira de Lázaro. Coñecido coma “o Matusalén de Pontevedra” ou a “árbore das liberdades”, foi debuxado por Castelao en Cousas da Vida e baixo as súas pólas celebráronse algunhas das xuntanzas preparatorias do alzamento liberal de 1846, que sentou as bases do movemento galeguista. No 2002 a árbore foi a imaxe do Ano Sarmiento organizado polo Concello de Pontevedra e no 2007 Carlos Rodríguez Dacal dedicoulle un libro titulado O Carballo de Santa Margarida.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.