0 Gardados para despois

Galicia celebrou o aniversario da Segunda República

Redacción | @prazapublica

A Coruña, Lugo, Compostela, Ferrol, Vigo, Narón, Ponteareas, Ourense... Actos en todo o país lembran estes días a proclamación da Segunda República no 14 de abril de 1931 e homenaxean as persoas represaliadas polo réxime franquista. As convocatorias, ademais, serven nos máis dos casos como unha reivindicación do camiño cara á constitución dunha Terceira República.

Compostela

En Compostela, Esquerda Unida lembrou os prisioneiros do campo de concentración de Lavacolla mediante un acto conmemorativo no monólito situado no Campo da Festa. Durante o acto tomou a palabra Xabier Ron, membro da dirección de Esquerda Unida e ex-deputado de AGE, para falar do campo de concentración, que estivo en activo a partir de 1939. Os prisioneiros do campo foron usados como man de obra escrava durante a ditadura franquista para a construción das pistas de aterraxe do aeroporto así como o aeródromo. “Hoxe, 14 de abril de 2017, queremos lembrar e dignificar os preto de 3.000 prisioneiros republicanos que pasaron por Lavacolla. Para que cantos despeguen ou aterren neste aeroporto coñezan a verdadeira historia do lugar onde o fan", sinalou.

Ademais, realizouse unha concentración na Alameda xunto a estatua das Dúas Marías, onde Pablo Nieves, coordinador comarcal de Esquerda Unida Compostela, leu o manifesto de Esquerda Unida con motivo do Día da República. "A República quere saír das pedras e vivir na acción política cotiá. A rememoración da Segunda República significa re-vivir, volver vivir; por iso, a súa memoria, a nosa memoria non pode ser só unha xustificación para o compadecemento“, dixo. A continuación, Xabier Ron deu lectura ao texto "A cotidianeidade da República" co que  fixo fincapé na necesidade de resaltar valores republicanos: “Precisamos construírmos, coas ferramentas da pedagoxía, os fundamentos da Res Publica, que debe transitar coa identidade emancipadora da esquerda rupturista e transformadora que nos caracteriza".

Lugo

A agrupación comarcal de Esquerda Unida en Lugo iluminou na medianoite do xoves ao venres a Muralla de Lugo coas cores da bandeira republicana. "A II República non debe recluírse nunha memoria pétrea e sacralizada, senón que rememorala debe significar o recoñecemento da vixencia dos seus valores e experiencias no traballo político que fagamos a diario", apuntou Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida. "Cómpre valentía e dicir que non queremos un novo sartego para a República. Cómpre rachar coa falacia do 'non é o momento' para facer pedagoxía e avanzarmos na realización dun referendo en que se someta a cuestionamento o modelo de estado e de goberno", engadiu. 

Ademais, o Concello de Lugo conmemorou de forma oficial a proclamación da II República cunha ofrenda floral e a lectura dun manifesto na Praza da Soidade, en fronte ao monolito que rende homenaxe á República. Aos actos asistiron varios membros da Corporación municipal, presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, ademais da Deputada provincial de Promoción Económica e Social, Sonsoles López Izquierdo. O encargado de ler o manifesto conmemorativo foi o voceiro de ACE, Carlos Portomeñe, que sinalou que "a República tamén debe defenderse con ética e honestidade. A recuperación dos dereitos da maioría social traballadora agredidos, a loita contra a explotación e a desigualdade, a procura da emancipación; deben ser o pasaporte que conforma a identidade de quen vive a res publica coas súas accións cotiás".

A Coruña

Na cidade herculina, o acto máis importante tivo lugar no Campo da Rata, preto da Torre de Hércules, onde ducias de prisioneiros republicanos foron asasinados e foi organizado polo Ateneo Republicano de Galicia e a Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica de Coruña. Esquerda Unida da Coruña salientou que a celebración do 14 de abril é "un momento para pensar non só na necesaria memoria histórica e na honra dos que morreron por defender as ideas e valores republicáns, senón tamén para mirar cara adiante e entender que o deber da esquerda republicana é traballar pensando na III República".

Outros actos

En Ferrol Esquerda Unida realizou unha ofrenda floral en Canido, no antigo cemiterio, ao pé do IES Canido, onde ducias de persoas foron executadas polo réxime franquista. Miguel Castro Serantes, coordinador de Esquerda Unida en Ferrol, leu un manifesto polo Día da República

En Vigo, como vén sendo habitual nos últimos anos, unha manifestación partiu da Farola de Urzaiz en reivindicación da Terceira República. 

En Ponteareas, a Casa do Concello acolle unha exposición sobre a II República organizada pola Xunta Republicana do Condado. A mostra recolle, nos seus paneis, unha serie de feitos históricos e citas que sitúan aos visitantes no contexto histórico.

As Xuventudes Socialistas de Galicia difundiron un comunicado no que reivindican a Terceira República Española xa que consideran que “a xefatura do Estado debe ser elixida libremente e en democracia por toda a cidadanía”. O Secretario Xeral, Aitor Bouza, lembrou que “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela”.

Previsións para os vindeiros días

Máis alá do 14 de abril, estes días distintas entidades convocan actos ao redor da República. Na Coruña, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) renderá tributo a Francisco Pillado Maior como Republicano de Honra 2017. Haberá actos o martes (Circo de Artesáns) e o xoves (sede da RAG) unha ofrenda floral o venres no Memorial Xermolos, previa á celebración da tradicional Cea da República.

Este luns 17 Emilio Grandío, profesor de Historia Contemporánea na USC, impartirá a conferencia 'Manuel Azaña: teoría e práctica da II República' a partir das 20 horas no salón de actos de Afundación en Compostela, nun acto organizado polo Ateneo de Santiago.

En Ourense, a asociación Amigos da República organiza a vindeira semana unha serie de actos, que inclúen presentacións de libros e conferencias (xoves e venres), unha cea/festa da República (venres) e unha homenaxe ás persoas represaliadas (domingo 23).

En Narón, o mércores 21 de abril Esquerda Unida organiza tres ofrendas florais na memoria de todas as persoas represaliadas polo fascismo. Serán nos cemiterios do Val e San Mateo e ao pé da Árbore de Gernika plantada fronte o Pazo da Cultura

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.