A prevención da gripe aviaria obriga a censar e tomar medidas en galiñeiros de 35 concellos

Galiña nun concello galego CC-BY-NC-SA JRobles

Un total de 35 concellos galegos empezaron a recibir notificacións da Consellería do Medio Rural onde se lles insta a colaborar coa elaboración do censo dos galiñeiros ou aves de curral domésticas no seu municipio. O departamento da Xunta cumpre así coa orde dada polo Ministerio de Agricultura hai un mes pola que se obriga a este rexistro como medida de prevención no caso de que se producise un foco de gripe aviaria na zona e para dispor así dos datos sobre o número de animais e a súa saúde e características. 

Medio Rural está a enviar notificacións a 35 concellos para que colaboren no rexistro dos galiñeiros e aves de curral

Logo de que en Francia se visen obrigados a sacrificar até catro millóns de aves infectadas, despois da eliminación duns 25.000 parrulos en Catalunya e dos casos aparecidos en Castilla y León, o Goberno central toma precaucións e reactiva unha orde publicada no BOE en 2006 pola que se establecen "medidas específicas de protección en relación coa influenza aviar". Nese documento especificánse xa os concellos que están en vixilancia ou risco en Galicia. De entre eles, os da Illa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia e Cambados inclúense na "zona de especial risco" ao seren os máis próximos ao Complexo Intermareal de Umia-O Grove-A Lanzada-Punta Carreirón-Lagoa Bodeira, pola densidade elevada de aves migratorias nos seus humedais e a posibilidade de que algún dos animais de curral da zona poida manter contacto con especies silvestres. 

Dos máis de 30 concellos "en vixilancia", A Illa, Vilanova, Sanxenxo, O Grove, Meaño, Ribadumia e Cambados son zonas de "especial risco"

Pola súa banda, outros 28 concellos inclúense na "zona de especial vixilancia". Son Ribadeo, Trabada, Ortigueira, Cariño, Vimianzo, Zas, Dumbría, Mazaricos, Porto do Son, Ribeira, Vilagarcía, Meis, Poio, Pontevedra, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Porqueira e Xinzo de Limia. 

En todos os concellos, ínstase aos veciños con aves de curral a cubrir un formulario no que deberá identificarse o propietario e o seu enderezo, o número habitual de aves e a especie ou especies ás que pertencen, así como o sistema de cría, especificando se é pechado, aberto ou mixto. Desde o Concello de Mazaricos, un dos municipios onde se comezou co rexistro, aclaran que xa foron unha ducia os veciños que acudiron a rexistrar as súas aves, entre as que se inclúen non só pitas, senón tamén parrulos ou ocas, entre outras. "Aínda que a xente adoita ser algo escéptica, colabora e accede a levar a cabo o rexistro", explican. 

Os propietarios deben rexistrar o número de aves, as especies e o sistema de cría que empregan

O rexistro de galiñeiros, tal e como explica a Consellería do Medio Rural, "non é necesario se son de carácter familiar non comercial", xa que tan só se censan periodicamente as explotacións industriais incluídas no Reaga (Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia). No entanto, hai agora unha década xa se levara a cabo un censo dos poleiros domésticos "de carácter excepcional" ao haber daquela unha alerta de gripe aviaria.

"Este rexistro ten carácter preventivo para tomar as medidas necesarias no caso de aparición da gripe aviaria no noso territorio. Agora, repetirase o proceso polos casos rexistrados noutras partes do Estado e de Europa para evitar o contaxio a través de aves silvestres migratorias", explica Medio Rural. 

O rexistro de galiñeiros domésticos, que xa se fixera hai unha década, repítese para "evitar o contaxio a través de aves silvestres migratorias"

Pero ademais do rexistro, o Ministerio -a través das notificacións de Medio Rural- insta a levar a cabo unhas medidas con estas aves que son obrigatorias para os concellos incluídos na zona de especial risco e recomendables para os de especial vixilancia. Así, prohíbese a cría de aves de curral ao aire libre, aínda que se aclara que, de non ser posible, se usen redes ou cerrumes que "impidan a entrada de aves silvestres"; e que se alimente e dea de beber ás aves "no interior das instalacións ou nun refuxio" que impida que cheguen outras aves ou o contacto con elas. Ao tempo, prohíbese darlles auga procedente de depósitos aos que poidan acceder especies silvestres, a non ser que o líquido sexa tratado; e vétase a cría de parrulos e gansos con outras especies de aves de curral.

Prohíbese a cría ao aire libre sen cerrume e alimentar as aves no exterior e pídese que non beban auga de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres

Ante as medidas anunciadas, En Marea solicitou no Congreso ao Ministerio de Agricultura "coordinación e medidas efectivas" para evitar a propagación da gripe aviaria en Galicia. A deputada Alexandra Fernández dirixiu á ministra Tejerina unha batería de preguntas para coñecer se ante a alerta convocou xa algunha reunión coas comunidades autónomas para coñecer con detalle os protocolos. 

A gripe aviaria afecta a calquera ave, pero son parrulos, gansos e pitas as que máis facilmente se infectan. O subtipo H5N8, que foi o que afectou varias granxas en Catalunya a principios deste ano, non se transmite aos humanos. Tal e como explica a Organización Mundial da Saúde (OMS), a maioría dos virus desta gripe aviar non infectan o ser humano, aínda que algúns como A(H5N1) e A(H7N9) si causan infeccións humanas moi graves. 

Galiña nun concello galego CC-BY-NC-SA JRobles

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.