0 Gardados para despois

Álbum na honra dun “republicano por vocación, por estirpe e por ralea”

Redacción | @prazapublica

Francisco Pillado foi homenaxeado esta semana como Republicano de Honra 2017

“Nacín no ano 1941, ao pouco de finalizada a guerra incivil española. Aínda que, para ser exactos, na Galiza non houbo guerra. Houbo, si, unha cruel represión por parte do bando fascista capitaneada por un sádico como Francisco Franco”. Así comezou Francisco Pillado o seu discurso o pasado xoves na Real Academia Galega. Foi só un máis dos numerosos actos organizados na súa homenaxe logo de ser distinguido como Republicano de Honra 2017 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica (CRMH) da Coruña. Alí, na RAG, Pillado, presidente de honra da Fundación Praza Pública, que edita Praza.gal, declarouse “republicano por vocación, por estirpe e por ralea”.

A semana de homenaxes a Pillado comezou o luns coa súa recepción no Concello da Coruña e seguiu o martes, cun encontro no Círculo de Artesáns con xentes da cultura no que falou do seu labor editorial e teatral. O xoves foi recibido na Universidade da Coruña e, na RAG, deu o antedito discurso. O venres Pillado comezou a mañá cunha recepción na Deputación Provincial da Coruña,  realizou unha ofrenda floral no Memorial Xermolos en lembranza dos represaliados polo franquismo e logo compartiu con familiares e amigos a tradicional Cea da República que organizou a Comisión.

No discurso de agradecementos, o presidente da CRMH, Fernando Souto, avanzou que este ano a entidade seguirá traballando para que se faga realidade a Oficina de Atención ás Vítimas do franquismo e asegurou que tanto a Universidade coma o Concello da Coruña mostraron a súa disposición a facela posible. Souto sinalou que ademais a CRMH seguirá defendendo a recuperación do vello cárcere provincial, para o que continúa apoiando ao Proxecto Cárcere, e loitando pola recuperación do Pazo de Meirás.

Pillado na ofrenda floral no Memorial Xermolo aos represaliados polo franquismo

Pillado na Cea da República

Pillado na Real Academia Galega

Pillado no Círculo de Artesáns con membros do mundo da cultura

Pillado na Deputación da Coruña

Pillado na Universidade da Coruña

Pillado, recibido no Concello da Coruña

Homenaxes a Francisco Pillado como Republicano de Honra 2017

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.