A Coruña quenta motores para a manifestación do 7 de maio cun roteiro polo porto

O roteiro comezou no edificio da Autoridade Portuaria © Marea Atlántica

Xurxo Souto dixo da Coruña que era "unha pedra chantada no océano" e Wenceslao Fernández Flórez definiuna como "Cidade-Barco". Moitos outros autores e autoras destacaron a compoñente esencialmente marítima e mariñeira da cidade, que naceu e crecer mirando o mar, conformando o seu carácter e a súa identidade. Nos últimos meses o movemento social que impulsa a defensa do carácter público da súa fachada litoral ante os intentos de privatización iniciados pola Autoridade Portuaria, vén facendo fincapé no vínculo histórico, económico e social do mar coa Coruña, lembrando que dende sempre foi a principal fonte de traballo e riqueza económica da cidade.

Así o fixo tamén o roteiro que este domingo organizou a Marea Atlántica e no que participaron máis de 200 persoas, unha marcha informativa e reivindicativa que serviu tamén para quentar motores para a manifestación que o vindeiro domingo 7 de maio percorrerá as rúas da cidade, convocada pola Comisión Aberta en Defensa do Común e que partirá ás 12 horas da Praza da Palloza para rematar ante a Autoridade Portuaria. Na iniciativa, na que participou o alcalde Xulio Ferreiro e varios edís do Goberno municipal, como María García ou Xiao Varela, distintos oradores e oradoras explicaron a evolución histórica da fachada marítima da cidade, así como os intentos da Autoridade Portuaria para privatizar os terreos dos peiraos interiores nunha criticada operación inmobiliaria, coa moi negativa situación económica e deficiente xestión do Porto da Coruña de fondo.

Distintos oradores e oradoras explicaron a evolución histórica da fachada marítima da cidade, así como os intentos da Autoridade Portuaria para privatizar os terreos dos peiraos interiores nunha criticada operación inmobiliaria

O roteiro partiu da propia sede da Autoridade Portuaria e pasou polo Palexco, a Mariña, O Parrote e La Solana, para rematar nos Xardíns de San Carlos. Entre outros aspectos, destacouse como nos últimos séculos sempre se respectara escrupulosamente o carácter público da franxa litoral (como tamén salientou Xosé Lois Martínez nesta entrevista), empregando o terreo gañado ao mar cos sucesivos recheos para zonas verdes, edificios dotacionais ou infraestruturas públicas, como sucedeu no século XIX co proxecto de Celedonio de Uribe que deu forma ao actual porto, cantóns e Xardíns de Méndez Núñez.

Tamén se analizou o plan da Autoridade Portuaria para construír máis de catro mil vivendas no peirao de San Diego, con edificios de ata 10 alturas. E o obxectivo de instalar novas grandes superficies comerciais nos de Calvo Sotelo e Batería, con edificios que ata 9 alturas, co evidente prexuízo para o comercio local de todo o centro da cidade. Fronte a iso, explicou a proposta defendida polo Concello de primar neses espazos a creación de novas zonas verdes, dando continuidade aos Xardíns de Méndez Núñez, de impulsar o sector pesqueiro e a lonxa, de xerar iniciativas económicas baseadas no mar e na "economía azul" e de recuperar a vella estación de San Diego para impulsar o tren de proximidade na futura Área Metropolitana da Coruña.

A Autoridade Portuaria pretende que se constrúan no porto edificios da ata dez alturas, máis de catro mil vivendas e grandes superficies comerciais

"Nos vindeiros anos, o traslado da actividade portuaria a Punta Langosteira vai liberar centos de milleiros de metros cadrados na mesma beira do mar", destacouse. "Ábrese unha oportunidade para un modelo de xestión e titularidade públicas para o bordo litoral, un novo horizonte que procure a riqueza no mar e non no ladrillo. Porque A Coruña é mar", concluíuse, facendo un chamamento a participar na manifestación convocada para o vindeiro domingo.

 

No roteiro participaron varios edís, como María García e Xiao Varela, ademais do alcalde Xulio Ferreiro © Marea Atlántica
O roteiro, na Mariña © Marea Atlántica
A marcha, en dirección aos Xardíns de San Carlos, onde rematou o acto © Marea Atlántica

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.