Colexio de Xornalistas: "Fallouse na misión de control ao poder e na de darlle voz aos que non a teñen"

O Colexio de Xornalistas publica todos os anos un manifesto polo 3 de maio © CPXG

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén lanzando nos últimos anos un manifesto polo 3 de maio (Día Mundial da Liberdade de Prensa) para sinalar ou denunciar aqueles aspectos máis relevantes para os medios e os seus traballadores e traballadoras. Nesta ocasión, a encargada de redactar o texto foi a xornalista Valeria Pereiras, que chama a "militar no xornalismo" buscando "mellorar a sociedade denunciando o que está mal", realizando ademais unha fonda autocrítica dende os propios profesionais.

O manifesto destaca que "para falar de xornalismo e non de comunicación, da elaboración de contidos, é preciso o activismo"

O manifesto destaca que "para falar de xornalismo e non de comunicación, da elaboración de contidos, é preciso o activismo" e lembra que "nestes últimos anos, o xornalismo non quedou á marxe nin da crise económica nin do deterioro das institucións". O texto recoñece que "se ten producido unha mala praxe xeneralizada por parte da prensa". "Ben por acción, ben por omisión e censura mediante, medios e xornalistas non teñen estado á altura do que esixe a sociedade. Fallouse na misión de control ao poder e na de darlle voz aos que non a teñen, tamén na relación con outras disciplinas ou á hora de contextualizar temas complexos e fuxir do mero espectáculo", di. "O resultado disto é un oficio profundamente individualista, desacreditado no seu conxunto e, en consecuencia, falto de autoestima", conclúe.

"Ben por acción, ben por omisión e censura mediante, medios e xornalistas non teñen estado á altura do que esixe a sociedade. Fallouse na misión de control ao poder e na de darlle voz aos que non a teñen"

O texto péchase repetindo o chamamento a "militar" no xornalismo: "militemos na defensa da dignidade humana, na descuberta de historias, en afastar a ignorancia e a indiferenza, en indagar na dúbida razoable, en fomentar a crítica e a loita contra a corrupción. Militemos contra o actual retroceso nas liberdades, incluídas a de prensa e expresión, que supoñen unha grave agresión contra a razón de ser deste oficio".

 

Comunicado conxunto dos colexios profesionais

Ademais, o CPXG asina un comunicado conxunto cos colexios profesionais de xornalistas de Murcia, Andalucía, Castela-León, A Rioxa, País Vasco, Asturias e Navarra, no que chaman a "defender a función do xornalismo como garante da Democracia" e critican duramente a chamada Lei Mordaza. Sinalan así mesmo a necesidade de "constituír o Consello Xeral de Colexios de Xornalistas" e de aprobar o "Estatuto do Xornalista" para "protexer a independencia" de medios e profesionais e "mellorar as condicións laborais e frear o intrusismo".

 

O Colexio de Xornalistas publica todos os anos un manifesto polo 3 de maio © CPXG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.