0 Gardados para despois

"Queremos A Coruña enteira, sen vender en anacos"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"Esixímoslle á Autoridade Portuaria a devolución gratuíta ao Concello da Coruña da Solana e do Hotel Finisterre cando acabe a actual concesión en 2027. Esiximos a devolución gratuíta ao Concello, a través dun novo convenio, de todos os peiraos que cesen a súa actividade portuaria, asumindo o Estado o custo íntegro e as débedas da construción do Porto exterior en Punta Langosteira e as súas conexións, como se fai con outros portos. Por que A Coruña ten que vender os seus peiraos para que Fomento rescate con máis de 5.000 millóns de euros as ruinosas autoestradas radiais de Madrid?". A Comisión Aberta en Defensa do Común presentou este xoves pola mañá en rolda de prensa a manifestación convocada para este domingo reiterando a súa demanda de que todos os terreos que a Autoridade Portuaria quere privatizar sexan cedidos gratuitamente ao Concello.

A marcha, apoiada por máis de 70 entidades, sairá da Praza da Palloza ás 12 horas, para rematar ante a sede da propia Autoridade Portuaria. A mobilización conta ademais co impulso do propio Concello da Coruña, que este venres publicará un bando chamando á cidadanía a participar na marcha, e tamén doutros concellos da comarca, como Oleiros, que ao igual que Coruña aprobou no seu pleno municipal unha declaración de apoio. Ao remate da mobilización os xornalistas Antón Luaces e Consuelo Bautista serán os encargados de ler o manifesto.

"A Coruña non se vende. Nin por moito nin por pouco, porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso", salientou Manuel Monge, un dos voceiros da Comisión, acompañado por representantes de entidades que participan na plataforma, como CIG, BNG, a Plataforma pola Defensa da Ría de Sada ou CCOO. Monge fixo igualmente referencia ao cartel da manifestación, obra de Pepe Barro, no que se pode ver unha torta (moi coñecida na Coruña: un milfollas coa imaxe da Torre de Hércules elaborado pola confeitería Hildita) cortada en varios anacos. "Queremos A Coruña enteira, sen vender en anacos", concluíu. 

Nos últimos meses a Comisión veu recollendo sinaturas na cidade en apoio ao seu manifesto, en demanda da devolución gratuíta dos terreos. Superouse xa a cifra das 8.000 sinaturas recollidas e os seus integrantes esperan acadar as 10.000 antes do domingo. "A xente está moi sensibilizada e dálle moita mágoa que na Coruña cada vez teñamos máis lonxe o mar", destacouse na rolda de prensa. "Este apoio popular hai que demostralo o domingo e tamén amosarllo ao Concello para que sexa valente e sinta que ten moita xente detrás", engadiuse, lembrando "a importancia que ten este tema, non só para o presente, senón para o futuro, porque doutro xeito as novas xeracións non van coñecer A Coruña que nós coñecemos".

"Vivimos momentos decisivos para o futuro de propiedades vencelladas historicamente á cidade, e para o futuro da nosa fachada marítima, que sempre foi de titularidade pública. Un momento crucial para A Coruña; o que perdamos agora polas privatizacións de espazos públicos, ímolo perder para sempre", advertiron. "Non queremos ter un Manhattan no porto", concluíron, denunciando "a política especulativa da Autoridade Portuaria".

Ademais, a Comisión Aberta en Defensa do Común esíxelle ao Concello que inicie os trámites para a convocatoria da consulta popular sobre o futuro dos terreos portuarios, tal e como se aprobou no pleno do pasado 6 de marzo. A consulta debe ser posteriormente aprobada polo Goberno central, un trámite que podería adiar moitos meses a súa celebración.

Manuel Monge: "Cómpre a sinatura dun novo convenio entre o Concello da Coruña e o Ministerio de Fomento (...) As obras do Porto exterior e dos seus accesos deben ser financiadas polo Estado porque o Porto exterior é unha obra do Estado"

Manuel Monge: "A Coruña non se vende. Nin por moito nin por pouco, porque non estamos dispostos a pagar polo que xa é noso"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.