"Os ex-mariñeiros galegos en Noruega teñen a razón moral e xurídica"

Øivind Østberg, xunto a mariñeiros galegos, no xuízo en Oslo © NRK

Øivind Østberg é o prestixioso avogado noruegués que defende os ex-mariñeiros galegos que reclaman o pago das pensións logo de décadas traballando na mariña mercante no país nórdico. A demanda foi presentada por este letrado en nome de 212 traballadores e Long Hope, a asociación que os agrupa. Pero representa tamén a loita dos 12.000 traballadores do mar (case o 70% deles galegos) que se empregaron durante anos en buques noruegueses con bandeira norueguesa.

Até 1994, data na que Noruega se integrou no Espazo Económico Europeo, os mariñeiros foron obrigados por lei a pagar entre o 20% e o 30% do seu salario bruto, pero ao considerar que non residían no país nórdico -malia traballar en buques con bandeira dese Estado- impedíuselles cotizar e, xa que logo, cobrar posteriormente unha pensión que agora reclaman. Serían un total de 520 millóns os achegados ás arcas norueguesas. O Goberno escandinavo argumenta que os traballadores non pagaban as cotas de protección social que daban dereito á pensión, malia que si pagaron impostos elevados cos que se financiaron servizos dos que non gozaron, precisamente, por non ser residentes.

Un xulgado de primeira instancia de Oslo vén de darlle a razón a Noruega no proceso civil aberto polos mariñeiros, que xa recorreron a sentenza para acudir ao Supremo e que esperan esgotar toda a vía xudicial no país nórdico para poder levar ese Estado ante o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos de Estrasburgo. Pero antes, como aclara Øivind Østberg nesta entrevista, aínda hai traballo por facer. 

Era previsible perder este xuízo?

Sempre soubemos que sería difícil obter unha vitoria contra o Goberno noruegués naos xulgados. Tratábase de declarar inválida unha lei e, ademais, en primeira instancia. Con todo, cando tes bos argumentos xurídicos, un non pode pensar que é imposible gañar. 

"Sabiamos que era difícil vencer o Goberno noruegués: era declarar inválida unha lei e facelo en primeira instancia"

Que argumenta o xuíz para darlle a razón a Noruega? Que lle parece a sentenza?

O xuíz di que, como os mariñeiros estranxeiros sen residencia en Noruega non eran parte do sistema de seguro social e, polo tanto, non pagaban cotizacións, non tiñan dereito a protección legal ningunha. Non considera, tan sequera, que fora unha discriminación, nin que fose contra a normativa europea ou contra a Constitución norueguesa. Eu considero que isto é como poñer o carro antes dos bois. A pregunta é, xustamente, se era lexítimo excluír os mariñeiros da lei de seguro social. Isto non se pode xustificar dicindo unicamente que a lei era así! Foron excluídos dun sistema cuxa intención era darlle protección social á poboación. 

"A pregunta é se era lexítimo excluír os mariñeiros da lei de seguro social; iso non se pode xustificar argumentando que a lei era así"

Que pasos seguen agora os mariñeiros?

Recorremos a sentenza e tratamos de conseguir que o caso salte directamente á Corte Suprema de Noruega. 

"Loitaremos para vencer no Supremo de Noruega; se o logramos, non habería razón para continuar cara a Estrasburgo"

Long Hope entende que estes son só pasos esixidos para poder chegar ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo.

Primeiro loitamos para vencer na Corte Suprema de Noruega. En caso de que así fose, xa non habería razón para continuar cara a Estrasburgo. 

Como cualificaría a loita que levan a cabo estes mariñeiros xubilados?

É impresionante como loitan. Ademais, teñen a razón, tanto no ámbito xurídico como moral 

Que lle parece a actitude do Goberno noruegués en todo este proceso? E a do Executivo de España?

O Goberno noruegués, como ben se sabe, negou todas as demandas e peticións que se lle fixeron, tanto a que o instaba a mudar a aplicación da lei como a de chegar a un acordo bilateral co Estado español. Os españois non teñen dereito a voto en Noruega e por iso é doado para a clase política non facerlles caso aos afectados. En canto á actitude do Goberno de España, eu diso non podo comentar nada. 

"É impresionante como loitan os xubilados galegos; teñen a razón moral e xurídica"

Está a sociedade civil ou a clae política de Noruega concienciada con este problema?

Non hai mobilización pola causa dos mariñeiros na sociedade civil norueguesa. A actitude dos sindicatos, agás algunhas excepcións, foi de indiferenza cara aos mariñeiros españois. 

Que prazos teñen para chegar a Estrasburgo? Teñen algunha data límite?

Agora o noso foco está posto no proceso xudicial aberto nas cortes e Noruega. Espero que poidamos chegar ao Supremo dentro dun ano, pero veremos o que pasa.

Øivind Østberg, avogado noruegués dos mariñeiros galegos © NRK

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.