Traballos forestais provocan unha nova desfeita nun castro en Barreiros ante a "inacción" da Xunta

Aspecto que presenta o foxo do castro trala acción das máquinas © Monte Da Esculca

Castro da Croa (Alfoz), Castro de Lourido (Viveiro), Castro da Vela (Xove), Castro Vello (Foz), Castro dos Calixos (Barreiros), Os Castros da Coubeira (Mondoñedo), Castros de Sendín (Lourenzá), Castros de Vilamor (Mondoñedo), Castro Aurela (Friol)... Son só algúns dos 40 castros e xacementos arqueolóxicos de todo tipo danados nos últimos anos no norte da provincia de Lugo por traballos forestais de corta e transporte de madeira de eucalipto, tal e como foron denunciados por ADEGA e Mariña Patrimonio o pasado mes de xuño. Tras cada nova desfeita estes dous colectivos documentan o dano e elevan a súa denuncia ante a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, lembrándolle a súa obriga de protexer estes elementos do patrimonio material, criticando "a inacción do Goberno galego".

Os labores forestais "afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos"

Desta volta a denuncia refírese ao Castro da Rilleira, en Barreiros, que unha vez máis tería sufrido a acción de maquinaria pesada, uns labores forestais que "afectaron gravemente a croa, os foxos, o parapeto e maila muralla pétrea, deixando á vista en toda a superficie abundantes restos arqueolóxicos". As dúas entidades lembran que hai exactamente un ano denunciaron o prexuízo provocado por estes mesmos traballos noutra parcela do mesmo castro. E que nesta ocasión "empregouse maquinaria pesada, deuse apertura a unha pista que cortou o parapeto, arrincáronse as raíces dos vellos eucaliptos e realizáronse novos furados con pá mecánica para plantar os novos".

Sinalan, ademais, a importancia arqueolóxica e histórica deste xacemento, pois para algúns investigadores o castro da Rilleira, situado no val de Cabarcos, "tería unha grande significación histórica, xa que sería o lugar onde se asentaban os cibarcos, unha tribo galaica da que nos fala o historiador romano Plinio o Vello". "Este castro conta cun impresionante sistema defensivo formado por tres foxos picados na rocha e, probablemente, a croa contase cunha muralla pétrea de módulos", explican.

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, "as responsabilidades destas desfeitas distribúense a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta"

Para ADEGA e Mariña Patrimonio, "as responsabilidades destas desfeitas distribúense a partes iguais entre a industria do eucalipto e a Xunta". "A primeira, por actuar irresponsablemente e sen un mínimo respecto por un patrimonio que é de todos, só centrada na produción a toda costa para satisfacer a cobiza de ENCE". E subliñan "como a industria do eucalipto actúa con total impunidade e con absoluto desprezo polo noso patrimonio ao danar un xacemento arqueolóxico catalogado e protexido". 

"A industria do eucalipto move moitos cartos, ten un potencial económico que seguramente hai que aproveitar. Pero precisamente porque move moito diñeiro, esta industria pode preocuparse de que non destrúe o Patrimonio. Trátase simplemente de que non se plante nas zonas protexidas, son unhas poucas hectáreas, unha cantidade moi pequena en comparación coas millóns de hectáreas que o eucalipto ocupa. Terán que ver se lles compensa máis facer este esforzo ou enfrontarse ao descrédito social que están sufrindo como industria por todas estas accións", destaca Manuel Miranda (Mariña Patrimonio).

Os dous colectivos pregúntanse "cando comezará a actuar" Patrimonio "en contra dunha industria forestal irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural"

No tocante ao Goberno galego, "a súa responsabilidade é quizais maior, por abandonar o seu labor de coidado, vixilancia e control dun valiosísimo patrimonio público", destacan, facendo fincapé "no desleixo por parte da Xunta de Galicia que, despois desta denuncia, novamente comezará a buscar escusas para non actuar en contra da todopoderosa industria do eucalipto". "A Xunta pode frear en seco a destrución do patrimonio. Hai que ver que intereses hai detrás e por que isto non se fai", engade Miranda. Os dous colectivos pregúntanse "cando decidirá a Dirección Xeral de Patrimonio asumir o seu deber de protexer o noso Patrimonio e cando comezará a actuar en contra dunha industria forestal irresponsable que, por uns centos de eucaliptos, é capaz de destruír un importante ben cultural".

 

Restos arqueolóxicos no Castro da Rilleira © Monte Da Esculca
Outra imaxe dos foxos © Monte Da Esculca
Aspecto xeral do Castro da Rilleira trala acción das máquinas © Monte Da Esculca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.