Milleiros de persoas maniféstanse coas Marchas da Dignidade contra a corrupción e os recortes

Cabeceira da manifestación CC-BY-SA Laura Galaup / eldiario.es

Milleiros de persoas chegadas de diferentes partes do Estado manifestáronse coas Marchas da Dignidade polo centro de Madrid. Os asistentes agrupáronse en diferentes columnas que percorreron a capital ata converxer na praza de Neptuno, entre elas a chegada desde Galicia. A maior parte saíron á primeira hora desta mañá das súas casas para reivindicar Pan, traballo, teito e igualdade nas rúas desta cidade.

A manifestación comezou ás 17 horas. A columna "liberdade", que agrupaba os colectivos procedentes de Andalucía e parte de Castilla-La Mancha, percorreu o Paseo do Prado gritando "Mariano Rajoy, a pico y pala", así como "ni un paso atrás, contra los recortes, ¡huelga general!". A galega ía integrada na columna denominada "solidariedade", xunto aos representantes de Euskadi, Navarra, Asturias, Cantabria e Castilla y León. 

A columna galega xuntouse en Ourense e partiu cara a Madrid en tren para unirse ás Marchas da Dignidade

Desde Galicia, foi un tren o que desprazou os manifestantes. Saíu ás 9 da mañá de Ourense e ata aló viaxaron en buses cidadáns desde A Coruña, Compostela, Vigo, O Morrazo, Pontevedra e outras localidades do país. Entre as formacións que se integran nas Marchas da Dignidade do país inclúense varios sindicatos como a CUT, CGT, Sindicato Ferroviario ou Sindicato da Elevación, ademais deSLG, STEG, Anova, FPG, Esquerda Unida, Podemos ou Equo, ademais de numerosos movementos sociais e veciñais, plataformas de Stop Desafiuzamentos, Frente Cívico, colectivos feministas, Ecoar ou a Plataforma Galega de Artes Escénicas, entre outros.

O resto de columnas foron apoiadas por outras organizacións do Estado como o Sindicato Andaluz de Trabajadores, agrupacións do 15M, Izquierda Anticapitalista, Izquierda Castellana, a Coordinadora 25S -convocante das concentracións que chamaban a rodear o Congreso- ou a Plataforma de Afectados pola Hipoteca (PAH).

As peticións de dimisión do Executivo de Mariano Rajoy foron constantes durante todo o percorrido

Durante o percorrido, as alusións ao Goberno central foron constantes, así como a petición de dimisión do Executivo de Mariano Rajoy. "É un Goberno que non representa os traballadores e que se esquece a quen deberían de servir. Temos un presidente e un Goberno corrupto que debería estar no cárcere", apuntou Andrés Gallego, portavoz do sindicato CGT de Euskal Herria.

Desde Galicia, as Marchas advertiron dunha protesta "contra a situación de perda de dereitos fundamentais polas políticas de axuste impostas pola Troika", pero tamén "contra a corrupción que asolaga ao partido no goberno, o Partido Popular”.

A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, a deputada parlamentaria Magdalena Barahona, o deputado parlamentario, Marcos Cal, o voceiro no Congreso, Antón Gómez-Reino, as deputadas de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez Pam, e a senadora de En Marea, Vanessa Angustia, participaron na marcha. 

Columna galega das Marchas da Dignidade Dominio Público @En_Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.