15 centros sociais galegos solidarízanse co CSOA Escárnio e Maldizer

Aspecto do edificio tras o seu desaloxo e tapiado Dominio Público E.U.

15 centros sociais de toda Galicia difundiron este venres un manifesto conxunto de apoio e solidariedade ao CSOA Escárnio e Maldizer, desaloxado esta semana en Compostela. O texto está asinado por Ateneo Libertário A Engranaxe (Lugo), Centro Social A Comuna (A Coruña), Centro Social A Galleira (Ourense), Centro Social A Gentalha do Pichel (Compostela), Centro Social A Revolta (Vigo), Centro Social Fuscalho (A Guarda), Centro Social Gomes Gaioso (A Coruña), Centro Social Madia Leva (Lugo), Centro Social O Fresco (Ponteareas), Centro Social Xebra (Burela), Centro Social Autoxestionado do Sar (Compostela), Centro Social Ocupado A Insumisa (Coruña), Coletivo Terra (Pontedeume), Fundaçom Artábria (Ferrol) e Local Social Faisca (Vigo).

No comunicado, as 15 entidades amosan a súa "solidariedade incondicional" co CSOA Escárnio e Maldizer, "centro social ocupado co que traballamos en diversas iniciativas conxuntas, mostrándose sempre como un colectivo comprometido coa construción de alternativas ao embrutecemento e mercantilización cultural dominantes" e o seu "apoio" a un colectivo "que foi vítima das forzas represivas por recuperar un espazo privado abandonado polos proprietarios e que foi reconvertido nun ben público". "A defensa de tan elemental dereito custou non só un desaloxo violento do edificio, mais tamén feridas a varias persoas e a detención e acusación arbitraria dun veciño", engaden.

O texto condena "a política de persecución policial e mediática contra iniciativas non controladas pola institucionalidade burguesa". "A burda criminalización e desprestixio inducidos polos principais medios de comunicación privados e mesmo públicos contra o CSOA Escárnio e Maldizer confirman a necesidade permanente de auto-organización popular", din. As entidades salientan finalmente o seu "compromiso no fortalecemento e na creación de espazos que permitan avanzar na galeguización e desmercantilización da nosa cultura" e fan un chamamento "ao movemento popular galego" á "unidade" e á "autodefensa", construíndo "novas ferramentas ao servizo dos intereses do noso pobo".

Aspecto do edificio tras o seu desaloxo e tapiado Dominio Público E.U.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.