Lanzan unha plataforma para financiar causas xudiciais "cun impacto social positivo"

Lidia García, presidenta da Asociación Suma Justicia © Suma Justicia

Vén de presentarase SumJusty.orgunha plataforma de financiamento colectivo de causas xudiciais de interese social ou medioambiental. A iniciativa, impulsada pola avogada coruñesa Lidia García González, presidenta da Asociación Suma Justicia, atópase nestes momentos na fase de lanzamento, para a que iniciou unha campaña de crowdfunding coa que busca acadar entre 17.000 e 28.000 euros para a configuración da plataforma web.

"Serviría para financiar aquel tipo de causas que supuxesen un impacto social positivo para a comunidade, un retorno para a sociedade no seu conxunto"

"Sería unha ferramenta que lles permitiría ás persoas ou colectivos sociais que estivesen a loitar contra algunha inxustiza conseguir os recursos económicos necesarios para sufragar os custos do seu asesoramento xurídico, o que lles permitiría ser máis eficientes e eficaces na súa loita", destaca Lidia García, que engade que "ao mesmo tempo lles permitiría ás persoas con conciencia social axudar economicamente a esas causas para que fosen un éxito, contribuíndo de forma indirecta a crear unha sociedade en que a xustiza sexa igual para todos e non un privilexio dun grupo social con superávit económico".

Que tipo de causas entrarían dentro dos obxectivos de SumJusty? "Serviría para financiar aquel tipo de causas que supuxesen un impacto social positivo para a comunidade, un retorno para a sociedade no seu conxunto. Ese impacto social positivo podería ir desde a defensa dos dereitos humanos e as liberdades públicas contribuíndo á creación dunha sociedade máis xusta e máis pacífica, á defensa da natureza e do medio ambiente fronte aos ataques derivados da especulación e a procura do máximo beneficio das grandes empresas... Tamén causas que perseguen a eliminación das barreiras coas que se atopan persoas por razón do seu sexo, da súa raza, da súa etnia, da súa diversidade funcional, causas que persigan a defensa do patrimonio cultural de determinados colectivos ou determinados grupos de persoas, ou aquelas causas que persigan simplemente a permanencia e a integridade dos servizos públicos", explica.

O funcionamento sería moi semellante ao de calquera plataforma de crowdfunding, pero con esta temática específica e precedida ademais dunha análise xurídica do caso

O funcionamento sería moi semellante ao de calquera plataforma de crowdfunding, pero con esta temática concreta e específica e precedida ademais dunha análise xurídica do caso, para explorar as posibilidades e necesidades da causa. "Cando unha persoa ou un grupo de persoas tivesen que enfrontarse a uns feitos ou a uns actos que puidesen ser considerados como inxustiza ou como lesivos contra o ben común ou contra os dereitos das persoas e quixesen buscar amparo ante os tribunais de Xustiza ou deseñar a estratexia xurídica que lles permitise facer fronte a esa situación dunha forma máis eficaz, poderían presentar un proxecto en SumJusty contándonos quen son e que é o que necesitan", di García. "Validaríamos o proxecto, publicariámolo na web e a partir de aí a plataforma comezaría a recadar fondos ese proxecto", engade.

A Asociación Suma Justicia, explican, creouse para impulsar esta iniciativa: "O proxecto SumJusty.org non se concibe como un negocio senón como unha ferramenta útil para apoiar as causas de xustiza social, polo que entendiamos que a forma xurídica debía ser a asociativa". Na súa experiencia profesional, as persoas que conforman a Asocación atoparon varios casos nos que "unha defensa xurídica eficaz supuña uns custos aos que moitas persoas e comunidades non podían facer fronte, polo que sempre combatían en inferioridade de condicións, chegando mesmo a non poder sufragar os gastos dos preitos e desistindo da loita xudicial antes de iniciala".

"A Xustiza non é igual para todas as persoas, hai unha Xustiza a dúas velocidades. A da xente rica e poderosa e a daquelas persoas ou colectivos sen recursos ou sen os suficientes para pagala. SumJusty.org pretende cambiar esta realidade", salienta

"A Xustiza non é igual para todas as persoas, hai unha Xustiza a dúas velocidades. A da xente rica e poderosa e a daquelas persoas ou colectivos sen recursos ou sen os suficientes para pagala. SumJusty.org pretende cambiar esta realidade", salienta a entidade na presentación deste proxecto. "O obxectivo da plataforma é crear unha ferramenta útil para a sociedade, un instrumento que sirva para financiar os procedementos xudiciais cuxo resultado se prevea que poida ter un impacto positivo nas persoas e nas comunidades, axudando así a empoderalas. Ademais, a plataforma tamén poderá darlles maior visibilidade e publicidade ás causas, para que poidan chegar a máis xente", subliña finalmente Lidia García.

Lidia García, presidenta da Asociación Suma Justicia © Suma Justicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.