Enriba das lastras do Parrote aparecerá a praia

A antiga praia do Parrote © Comisión Aberta en Defensa do Común

Ata os anos 40 do pasado século na zona do Parrote, na Coruña, había unha praia. O pequeno areal fora sempre a praia da Cidade Vella, núcleo fundacional da Coruña e, en realidade, pódese dicir que nesta ribeira naceu A Coruña, que foi no seu inicio un núcleo mariñeiro que vivía esencialmente da pesca. A desaparición da praia do Parrote coincide coa vitoria franquista; en 1942 un grupo de empresarios afíns ao novo réxime impulsan a ocupación duns 25.000 metros cadrados de espazo público, construíndo alí o complexo de ocio La Solana. Posteriormente, en 1948, ergueron o Hotel Finisterre sobre o predio que ata 1928 ocupaba o vello cárcere e en 1970 inaugurouse a ampliación da Solana, realizada sobre un novo recheo.

Nos últimos meses, os intentos da Autoridade Portuaria de vender os terreos ocupados pola Solana e o Hotel Finisterre (aínda de propiedade pública, xestionados con concesións privadas) fixeron agromar o recordo do areal desaparecido, enunciado de forma tan sinxela como 'aquí antes había unha praia'.

A Comisión convida a cidadanía a deitar unha presa de area entre a antiga muralla e o espazo ocupado polo complexo da Solana. É dicir, no lugar que antes constituía a praia do Parrote

O vindeiro 17 de xuño a Comisión Aberta en Defensa do Común convoca unha acción simbólica, obra do artista Pepe Galán, na que convida a cidadanía a participar deitando unha presa de area entre a antiga muralla e o espazo (maioritariamente de recheo) ocupado polo complexo da Solana. É dicir, no lugar que antes constituía a praia do Parrote. Se no Maio do 68 parisino fíxose célebre a frase "Sous les pavés, la plage" (debaixo das lastras estaba a praia), esta acción simbólica dálle a volta á mesma idea, destacando que "enriba dos adoquins reconstruiremos a praia", subliña a Comisión.

Ademais, nos vindeiro días a Comisión solicitaralle ao Concello a autorización para poder realizar unha cata arqueolóxica de dous por dous metros e 3 metros de profundidade ata acadar o areal do Parrote, "intervención que permitiría visibilizar a praia do Parrote a tan só uns metros do Hotel Finisterre", sinalan. A Comisión solicitará realizar outra cata arqueolóxica no lugar onde estaba o antigo cárcere co obxectivo de atopar os muros do antigo edificio. Estas dúas escavacións a entidade quere facer visibles os espazos e restos que foron cubertos pola Solana e o Finisterre, para promover a concienciación da cidadanía sobre a ocupación do espazo público e de elementos fundamentais na historia da cidade.

Tamén se quere despregar sobre o muro da Solana unha gran tea sobre a que se realizará unha pintada que recreará unha vista mariña extraída dalgún dos cadros de Urbano Lugrís

Por último a Comisión tamén quere despregar sobre o muro da Solana unha gran tea sobre a que se realizará unha pintada que recreará unha vista mariña extraída dalgún dos cadros de Urbano Lugrís. A autoría desta iniciativa correspóndelle ao arquitecto Xosé Lois Martínez. Con estas accións a entidade busca "manter vivo o debate político na cidade sobre a necesidade de impedir a perda de espazos comunais emblemáticos a través de poxas ou vendas directas".

 

A antiga praia do Parrote © Comisión Aberta en Defensa do Común
Vista aérea da cidade, nos anos 30, coa praia do Parrote aínda visible Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.