0 Gardados para despois

Olga Rodríguez critica a "equidistancia" do xornalismo ante a situación dos refuxiados

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


"O teu discurso é moi duro. É case coma se nos botases a culpa do que está sucedendo". "É que a realidade é dura, encantaríame contarvos un conto bonito, que as persoas refuxiadas son ben tratadas e que teñen dereitos". Así respondeu a Olga Rodríguez a unha persoa que se manifestou sorprendida pola crueza do relato da xornalista, que este xoves describiu a situación que sofren millóns de persoas refuxiadas. A súa charla -no marco do evento Acampa pola Paz- tivo lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña, onde Rodríguez foi presentada por Santiago Hernández, catedrático da UDC, ex-vicepresidente da ONG Entrepueblos e colaborador dos Comités de Solidaridade con América Latina.

Denunciou "o abuso do xornalismo de declaracións", a "renuncia a tomar partido" e "a mitificación dese concepto da equidistancia, que acaba situando no mesmo nivel ao opresor e ao oprimido"

"Nos últimos anos estamos asistinto a continuos recortes de dereitos humanos nos paises democráticos, e tamén á normalización deses recortes e de certos discursos de odio e da xenofobia. En nome diso que chaman seguridade estan reducindo as nosas liberdades", denunciou Rodríguez, que na súa intervención foi moi (auto)crítica coa profesión xornalística. Denunciou, sobre todo, "o abuso do xornalismo de declaracións", a "renuncia a tomar partido" e "a mitificación dese concepto da equidistancia, que acaba situando no mesmo nivel ao opresor e ao oprimido". "Algún día preguntarémonos como sucedeu isto, como non vimos o que estaba pasando, como non vimos os campos de concentración de refuxiados de Hungría ou como consentimos un xornalismo amable cos discursos xenófobos e que vai inoculando unha retórica deshumanizadora", sinalou.

A xornalista foi moi crítica, igualmente, coa política desenvolvida pola UE e polos distintos estados membros: "Europa externaliza as fronteiras para que as persoas morran cada vez máis lonxe das nosas conciencias". "Os nosos gobernos condenan os refuxiados ao risco de morrer afogados no Mediterráneo, establecendo rutas cada vez máis perigosas para entrar no continente, en vez que garantir o dereito de asilo dende os propios países de orixe dos refuxiados e refuxiadas", dixo. Rodríguez concluíu que "nunca houbo vontade por parte das autoridades europeas de abordar este tema dunha maneira solidaria e indo á raíz do problema" e lembrou o recente informe de Amnistía Internacional que advertía da actual "xustificación social da barbarie" e que sinalaba que “2016 foi un ano no que o uso cínico dunha retórica do nós contra eles en discursos de culpa, odio e medo adquiriu importancia global a unha escala nunca vista dende a década de 1930". 

Rodríguez pechou a súa intervención citando ao recentemente finado John Berger, que afirmou que "aceptar a desigualdade como natural é converterse nun ser fragmentado" e alertou de que se Europa continúa a súa actual deriva, ficará convertida nunha fortaleza para o 1%, afastada da realidade e dos valores que se supoñía que a sustentaban.

 

Un amplo programa

"Europa externaliza as fronteiras para que as persoas morran cada vez máis lonxe das nosas conciencias"

Os debates, exposicións e outras actividades continuarán ata o domingo en distintos puntos da Coruña, pero sobre todo no espazo central de Acampa Coruña, nuns Xardíns de Méndez Núñez convertidos nun simbólico campo de refuxiados. CuacFm (103.4 FM) retransmite en directo todos os debates que alí se producen, unha emisión que pode seguirse por Internet.

Este venres ás 18 horas abordarase a problemática específica que sofren as mulleres refuxiadas nun debate entre Fadile Tibisay Chami, siria activista polos dereitos humanos das mulleres e refuxiados, e Mabel Pérez, feminista e experta en igualdade e relacións laborais. A continuación (20 horas) de novo poderemos escoitar a Olga Rodríguez, que debaterá con Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional Sección Española. Ás 22 horas, os fotoxornalistas Ricardo G. Vilanova, Felipe Carnotto, Juan Teixeira, Adrián Irago, Xosé Abad, Juan Medina e Sergi Cámara ofrecerán unha charla conxunta sobre o seu traballo na Praza das Conchiñas, espazo central dun dos barrios máis multiculturais da cidade.

O sábado celebrarase un encontro entre Noelia Garcia, Medical Team Leader no Dignity I de Médicos sen Fronteiras e o profesor e doutor en Dereito Jorge Quindimil, da Universidade da Coruña, que debaterán sobre “legalidade e realidade” na crise das persoas refuxiadas no Mediterráneo. A seguir, Manuel Rivas ofrecerá unha charla sobre "Como se constrúe un conflito bélico. Xeopolítica, as relacións internacionais e cuestións militares".

Xa o domingo, unha mesa redonda titulada “A voz das persoas refuxiadas” reunirá a Fadile Tibisay Chami, siria activista polos dereitos humanos das mulleres e refuxiados; Ahmad Matar, refuxiado sirio residente na Coruña, e ao músico e escritor Xurxo Souto. Finalmente, tamén o domingo Proactive Open Arms, organización non gobernamental cuxa principal misión é rescatar do mar a aquelas persoas que tratan de cruzar o Mediterráneo, explicará o seu traballo.

Olga Rodríguez describe a situación nos campos de concentración de refuxiados/as en Hungría

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.