"Temos moito que aprender da infinita paciencia das persoas refuxiadas"

Fotografía de denuncia contra as políticas migratorias © Acampa pola Paz

"A burocracia é moi lenta para todos. Cando se gasta máis diñeiro na fronteira de Ceuta e Melilla que nos programas de acollida, isto non é unha benvida, isto é negar dereitos. Non son benvido cando me fan cidadán de segundo nivel nesta sociedade, que agora tamén é a miña. Afortunadamente tamén hai xente que sente o que os refuxiados sentimos. Necesitamos moi pouco para vivir. Moitas grazas, A Coruña". Ahmad Matar, refuxiado sirio residente na Coruña dende hai meses (co que falamos hai un tempo en Praza) foi unha das voces que se escoitaron esta fin de semana na iniciativa Acampa pola Paz, que durante tres días ofreceu as visións de expertos, activistas, xornalistas e dos propios refuxiados e refuxiadas, co obxectivo de sensibilizar a poboación sobre a situación de viven millóns de persoas desprazadas pola fame, a guerra e a persecución política e para reclamarlle ao Goberno español que cumpra os compromisos de acollida de 17 mil refuxiados ao que chegou hai case dous anos, amplamente incumpridos (polo de agora chegaron menos de dúas mil persoas).

Ahmad Matar: "Cando se gasta máis diñeiro na fronteira de Ceuta e Melilla que nos programas de acollida, isto non é unha benvida, isto é negar dereitos"

Ahmad pediu "ser críticos co que escoitamos nos medios de comunicación" e reclamou, igualmente, "deixar de dicir que Daesh e ISIS son grupos islámicos". "Non teñen nada que ver co Islam", dixo. Nesa mesma mesa de debate, Leticia -que coñeceu a Ahmad cando traballaba como voluntaria nun campo de refuxiados en Grecia- destacou que "contra a información negativa que chega dos campos e dos refuxiados, hai que salientar que a xente segue facendo a súa vida cunha dignidade incrible, con alegría". "Temos moito que aprender da súa infinita paciencia", engadiu. Ahmad e Leticia amosaron un vídeo gravado por algunhas das persoas que colaboraban no campo grego de Karamanlis, unha mostra desa outra cara do día a día de millóns de persoas.

 

As mulleres refuxiadas

En Acampa pola Paz tamén se escoitaron voces coma a de Fadile Chami, siria residente na Coruña dende 2006, que na actualidade participa na Syrian Women’s Network e no Syrian Feminist Lobby, ademais de ser vicepresidenta de SAWT, asociación sirio-galega en pro dos refuxiados sirios en Galicia. "Céntrome nas mulleres porque se educamos as mulleres, estaremos educando toda a sociedade", destacou na conversa que compartiu con Mabel Pérez Simal sobre "A muller e o refuxio". Fadile Chami fixo un percorrido pola súa historia persoal, que en boa medida foi un percorrido pola historia recente do país, que tivo que abandonar dúas veces por motivos políticos (ela é comunista), nos anos setenta e de novo a década pasada, cando regresou esperanzada pola chegada ao poder de Bashar al Assad, unha expectativa de cambio que moi rapidamente quedou frustrada. Ela foi arrestada nada máis chegar ao aeroporto, tendo que exiliarse de novo. "As mulleres activistas sofren problemas engadidos pola súa implicación política. Aos castigos que tamén reciben os homes súmase ademais a vergonza social", sinalou.

Fadile Chami: "Céntrome nas mulleres porque se educamos as mulleres, estaremos educando toda a sociedade"

Fadile traballou no campo de refuxiados de Zaatari (Xordania), que acolle a ao redor dun millón de persoas, "a maioría mulleres, porque moitos homes morreron na guerra" e as máis delas moi pobres: "O que ten cartos ou puido conseguir cartos marchou para Turquía para tentar chegar a Europa. O que non, quedou no campo", dixo. Alí organizou cursos de perruquería ou maquillaxe ("O 90% din que queren ser perruqueiras") e tamén de inglés para as mulleres residentes no campo.

Na súa intervención, foi moi crítica con Bashar al Assad ("Non lle importa se morren 17 millóns de persoas. Un Goberno que quere o seu pobo, no mata a súa xente", dixo) e tamén coa islamización do movemento de protesta en 2013 ("cando o Exército Libre de Siria necesitou cartos e armas, recorreu a Arabia e ese moi o seu maior erro, foi entón cando se islamizou o movemento. E ao final chegou o ISIS, con vehículos de luxo e centos de combatentes estranxeiros, incluídos do Reino Uido, Francia ou España"). Fadile pediu "que saian todos os estranxeiros que se meteron no país: EEUU, Rusia, Irán, Arabia, ISIS...". "Que deixen os sirios arranxar a situación, para camiñar cara a un país democrático, laico e en paz", concluíu.

Mabel Pérez: "Moitas máis mulleres como Yamila conservan a súa forza, a pesar das dificultades. Ao mirarnos aos ollos recoñecemos todo o que temos en común. Somos todas"

Nesa mesma mesa Mabel Pérez, formadora en materia de igualdade de xénero e que tamén colaborou como voluntaria nos campos de Grecia, relatou a historia de Yamila, unha refuxiada palestina de 62 anos. Yamila naceu xa nun campo de refuxiados preto de Damasco, onde se coñeceron os seus pais, fuxidos de Palestina en 1948. Acabou chegando a Grecia con moitas dificultades: pagou 700 dólares para chegar á fronteira con Turquía, 1000 máis para cruzala e outros 700 para chegar a Lesbos; foi disparada na fronteira entre Siria e Turquía e de novo cando tentaba cruzar o Mar Exeo. "Vimos e pasamos todo o malo. Se caio, levántome, sempre de pé, porque estou viva”, resume a súa viaxe. “Dixeron que os países da UE repartirían os refuxiados que estamos en Grecia. Quero chegar a Alemaña para estar coas dúas miñas dúas fillas, ademais teño a mesma idade que Angela Merkel", bromeaba hai uns meses no campo. "Yamila ri, ri todo o tempo" -Mabel Pérez- "Moitas máis mulleres como Yamila conservan a súa forza, a pesar das dificultades. Ao mirarnos aos ollos recoñecemos todo o que temos en común. Somos todas".

 

Conseguir "un cambio na sociedade"

Beltrán: "Pode ser que non consigamos gañar a batalla inmediata, pero teño a esperanza en que esta mobilización sirva para un cambio na sociedade"

As xornadas contaron tamén coa participación de Esteban Beltrán, director de Amnistía Internacional en España. Beltrán recoñeceu que será moi complicado que este mes de setembro -cando se completará o prazo de dous anos comprometido- o Estado español cumpra co seu compromiso de acoller a 17 mil refuxiados e refuxiadas que foxen da guerra en Siria. Porén, Beltrán pon o foco no medio e no longo prazo: "Pode ser que non consigamos gañar a batalla inmediata, pero teño a esperanza en que esta mobilización sirva para un cambio na sociedade". "En Canadá comezaron a mobilizarse en 1979; daquela non foron moitos os refuxiados acollidos, pero décadas despois conseguiuse unha sociedade acolledora", explicou. "Son cambios que chegan tarde para moita xente, pero que consolidan sociedades", engadiu.

Beltrán: "Nas embaixadas de España e Alemaña en Grecia vense as diferenzas: diante da española hai policías para controlar os solicitantes de asilo, na alemá hai persoas que axilizan as solicitudes"

Beltrán cre que a solución pasa por unha sociedade civil máis activa e potente, e tamén por "buscar aliados". "Non se pode meter todos os países no mesmo saco, hai diferenzas e hai países que están facendo ben o seu traballo: Canadá non é o mesmo que os Estados Unidos, e Alemaña non é o mesmo que España", dixo." Quen nos ía dicir que íamos mirar a Alemaña como referente? Alemaña terá problemas, pero é un país que recibiu millón e medio de refuxiados e que o ano pasado tivo 741.000 solicitudes de asilo, mentres que España tivo 15.000. Nas embaixadas de España e Alemaña en Grecia vense as diferenzas: diante da española hai policías para controlar os solicitantes de asilo, na alemá hai persoas que axilizan as solicitudes", subliñou.

Rivas: "Non se pode afondar na cuestión de como se constrúen as guerras, sen tratar o tema de como se constrúen as palabras, a construción industrial da mentira"

Noutra das mesas, o escritor Manuel Rivas e o concelleiro de Culturas da Coruña, José Manuel Sande, debateron "Como se constrúe un conflito bélico". Na presentación, Sande destacou que "Acampa encarna, nunha era marcada polo matonismo e a incerteza, a primacía da civilización, da razón, da humanidade". Pola súa banda, Rivas afirmou que "Non se pode afondar na cuestión de como se constrúen as guerras, sen tratar o tema de como se constrúen as palabras, a construción industrial da mentira". O xornalista denunciou a "dialéctica amigo-inimigo que ocupa a sociedade e ocupa as mentes" e alertou de que "o xornalismo vive unha crise existencial. Cando hai baleiros, adoitan encherse de cousas malas, de mentiras". Subliñou que "parte da estratexia consiste en transmitir que non hai disidencia, apelando a un suposto 'sentido común', que non é outra cousa que unha creación, un sistema de control" e, en contraposición, quixo salientar que "a xente está máis esperta do que nos din, do que nos queren facer crer" e que hai "pequenos espazos de resistencia".

O fotógrafo Javier Bauluz fixo un percorrido polas distintas exposicións fotográficas © Acampa pola Paz
Encontro entre Esteban Beltrán e Olga Rodríguez © Acampa pola Paz
Fotografía de denuncia contra as políticas migratorias © Acampa pola Paz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.