Impulsan unha plataforma para protexer e potenciar o Monte Neme

Balsas mineiras no monte Neme CC-BY-SA Salvemos Cabana

Asociacións veciñais, culturais, ambientais e deportivas de Carballo e Malpica veñen de iniciar o proceso para crear unha plataforma para valorizar, promocionar e protexer o patrimonio, o entorno natural-paisaxístico e o valor sociocultural do Monte Neme, situado entre os dous concellos. O espazo segue sen estar recuperado despois de que en febreiro de 2014 unha das balsas de residuos da canteira existente no lugar rebentase provocando a vertedura de máis de 24.000 metros cúbicos de auga e lodos.

A Plataforma pola defensa de Monte Neme está sendo impulsada por veciñanza e entidades das parroquias máis próximas ao monte: Cambre e Leiloio (Malpica) e Cances, Oza e Razo (Carballo). Ademais da protección ambiental da contorna e da fiscalización do proceso de recuperación, aínda pendente, a iniciativa quere promover aproveitamentos económicos sostibles para a zona e, igualmente, a divulgación do coñecemento da historia do Monte Neme e do patrimonio cultural, ecolóxico, lúdico e paisaxístico que contén.

Os seus promotores denuncian "a situación de estancamento, incerteza e abandono da explotación mineira, que foi a principal razón da rotura da balsa norte hai tres anos", así coma "o actual bloqueo das actuacións para garantir a seguridade e recuperación do espazo" e tamén "o estragamento da reprodución simbólica do crómlech tamén chamado Eira das Meigas". Estes feitos, din, "xeraron un sentimento de inquietude e inseguridade que provocou que moita xente do entorno se interesase en tomar iniciativa dende a cidadanía para facerse oír, demandar e esixir respecto e solucións".

Queren que a plataforma se converta "nun interlocutor válido que faga chegar estas inquietudes ás institucións e ao público xeral e faga visible a súa situación". Ademais da denuncia da situación presente, a Plataforma ten a intención de "protexer, recuperar e poñer en valor o patrimonio arqueolóxico, industrial e cultural, e tamén inmaterial (testemuños, toponimia e lendas)". E aspira a que o Monte Neme "poida ser de novo, como xa foi en tempos pasados, un símbolo e espazo de referencia sociocultural da zona e para o desfrute dos veciños e veciñas do lugar, como fora sempre". Entre elas podería estar tamén a potenciación do turismo no lugar "pero non calquera turismo, senón apostar por alternativas sustentables e a práctica do deporte".

Adrián Eirís Torres explica que a plataforma nace cuns obxectivos moi xenéricos, buscando a adhesión de entidades e veciñanza, para despois entre todos os colectivos e persoas participantes definir con exactitude as súas actuacións. "Traballamos nunha tripla perspectiva, do pasado, o presente e o futuro do Monte Neme, buscando coñecer, recuperar e divulgar a súa memoria e patrimonio, ser vixilantes e reivindicativos en relación coa súa situación actual e o necesario proceso de rexeneración do espazo, e finalmente deseñar entre todos un proxecto de futuro axeitado", destaca.

"Traballamos no presente e o futuro do Monte Neme, buscando coñecer e divulgar a súa memoria e patrimonio, ser vixilantes e reivindicativos en relación coa súa situación actual, e finalmente deseñar entre todos un proxecto de futuro axeitado"

A plataforma constituise ao longo do mes de xuño, un tempo no que se foron adherindo distintas asociacións. E xa o día 23 a Plataforma participou xunto coa Asociación Senda Nova na organización do evento Aquelarre de Meigas no Monte Neme, dentro do Programa de San Xoán do Concello de Carballo, que serviu como actividade de partida da Plataforma e para a súa presentación pública.

Durante o verán, a plataforma espera seguir integrando colectivos, entidades e persoas a nivel individual (a través do mail info@monteneme.org). A medio prazo, espera levar a cabo actividades de coñecemento do monte de primeira man e interpretación do patrimonio e proxectos de coñecemento e recuperación da memoria colectiva do monte.

 

Imaxe da costa dende o Monte Neme CC-BY-SA Norte
Piñeiral nas inmediacións do cumio do monte © Salvemos Cabana
Entulleira da antiga explotación mineira de wolframio © Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.