0 Gardados para despois

Acto nacional pola memoria o próximo domingo na illa de San Simón

Redacción | @prazapublica

81 anos despois do golpe de Estado de xullo de 1936, a Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) celebrará o próximo domingo, 16 de xullo, como vén facendo nos últimos anos por estas datas, unha homenaxe nacional ás vítima do franquismo na illa de San Simón, que fora cárcere de presos políticos.

A Iniciativa Galega pola Memoria celebra, como vén facendo nos últimos anos, unha homenaxe ás vítimas do franquismo no que fora cárcere de presos políticos

O acto central da illa de San Simón terá lugar ao mediodía e, segundo salientan os organizadores, “as persoas interesadas en participar nel deberán contactar coa asociación memorialística da súa comarca que sexa membro da IGM co fin de organizar o embarque xa que as prazas son limitadas”. O porto de embarque para quen confirme a súa presenza será o de San Adrián de Cobres, no concello de Vilaboa.

Segundo lembran as asociacións que forman parte da iniciativa, “a illa de San Simón é un Lugar de Memoria de especial significación na nosa historia cunha colonia penitenciaria agardando en moitos casos un desenlace tráxico. É un sitio para o recordo mais tamén para reivindicar a xustiza nun presente onde aínda segue vixente a impunidade, a mentira e a apoloxía dese réxime de terror”. “As asociacións que están a traballar na loita pola memoria desde a Iniciativa Galega pola Memoria queremos un ano mais defender a verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición”, salientan.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.