Mugardos insta os propietarios do Castelo da Palma a cumprir a lei e organizar un sistema de visitas

Castelo da Palma, á dereita, na entrada da Ría de Ferrol CC-BY-ND Santi Villamarín

O Castelo da Palma é, xunto co de San Felipe (e o desaparecido de San Martiño), unha das fortificacións históricas que defenden a entrada da Ría de Ferrol. Construído inicialmente a finais do século XVI (a maior parte do actual edificio data do século XIX), funcionou durante décadas como prisión militar na que, por exemplo, estivo recluído Tejero uns meses tralo Golpe de Estado do 23F. Protexido dende 1945, o inmoble foi vendido en 2003 a Diana Grandes Hoteis (DGH), Maxi Logistic e o grupo coruñés Invertaresa por 1,4 millóns de euros. Os novos propietarios, agrupados na sociedade Castelo da Palma-Mugardos S.A., anunciaron a súa conversión nun hotel de luxo, pero o proxecto leva anos atascado e o edificio está a sufrir un proceso de degradación.

Como Ben de Interese Cultural, a Lei de Patrimonio Cultural obriga os propietarios do castelo a, entre outras cousas, permitir a súa visita pública gratuíta un número mínimo de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, ademais de ser responsables da súa seguridade, conservación e limpeza. No tempo en que o Partido Popular gobernou Mugardos, o Concello pasou a ocuparse da organización e gastos derivados destas visitas públicas, competencia do grupo empresarial propietario. O novo Goberno municipal, liderado dende o pasado mes de agosto por Pilar Díaz (EU), decidiu non continuar con esa política, lembrándolle as súas obrigas á empresa titular do castelo e esixíndolle á Xunta de Galicia que faga cumprir a lei, peticións que polo momento non tiveron resposta. A lei sinala no seu artigo 48.3 que "a consellaría competente en materia de patrimonio cultural poderalles requirir ás persoas propietarias, posuidoras, arrendatarias e, en xeral, titulares de dereitos reais o cumprimento da obriga de acceso".

A cuestión garda semellanzas co polémico caso do Pazo de Meirás (Sada), propiedade dos herdeiros do ditador Francisco Franco, que levan anos incumprindo a súa obriga de organizar un calendario de visitas. A presión cidadá e política forzou os Franco a finalmente aceptar as visitas, aínda que de forma parcial, e ante os incumprimentos o Goberno galego limitouse a abrir un expediente por infracción leve na Lei de Patrimonio Cultural, que pode supor unha multa dun máximo de seis mil euros.

 

O Castelo da Palma, en Mugardos © Turgalicia
Entrada ao castelo © Turgalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.