"As pallasas tentamos que os nenos non deixen de ser nenos no hospital"

Laura 'Mandarina' Muñoz é 'pallasa de hospital' © https://www.festiclown.org

Vilagarcía de Arousa acollerá por terceiro ano o Festiclown, que ata o 2014 tiña tamén a Lugo como unha das súas sedes. A edición 2017 do Festival Internacional de Clown, organizado por Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega, celebrarase entre o 9 e o 15 de agosto e nos vindeiros días anunciará a súa programación completa. Xa se coñecen as actividades formativas que se ofrecerán, no marco do chamado Formaclown. Un total de tres talleres e cursos: “O clown, do ridículo ao cómico”, con Antón Valén; "Maxia cómica", a cargo do Mago Teto; e "Curando co riso", impartido pola arxentina Laura Mandarina Muñoz, con quen falamos.

Alén diso, o festival levará a Vilagarcía un bo número de actuacións de clown e teatro de rúa, enchendo de cor a vila arousá durante toda a segunda semana de agosto. Este ano, como novidade, todas as funcións serán gratuítas. Haberá tamén unha gala solidaria que será destinada ao Fondoclown Solidario, para financiar un Proxecto Social que este ano irá relacionado co futuro Festiclown Palestina 2017 e para o traballo que recentemente realizou Pallasos en Rebeldía coas persoas refuxiadas nas diferentes fronteiras europeas: Idomeni, Calais ou Atenas.

Laura Muñoz, fundadora de Mundo Mandarina, amosará o seu traballo como pallasa de hospital, ao que leva máis dunha década dedicada, explicando como leva a cabo o seu traballo con nenos e nenas hospitalizadas a través da Fundación Theodora. "Unha pallasa de hospital debe ter a vista, o oído e o olfacto moi ben desenvolvidos para percibir o que necesita cada neno ou nena. É un traballo delicado e sutil", destaca, explicando que no taller trataranse temas coma a empatía, a escoita, a improvisación e o xogo, ensinando como empregalos dependendo da idade e características dos nenos e nenas e as súas familias e do entorno hospitalario.

"Co noso labor tentamos sobre todo que os nenos non deixen de ser nenos, trátase de xogar con eles, de alegrarlles o día, de cambiar o clima da habitación"

En que consiste o traballo dunha pallasa de hospital?

Temos dous programas dentro da Fundación Theodora: o Programa Planta, que consiste en visitar neno por neno nas súas habitacións e o Programa Aquí, que é un programa de acompañamento específico en quirófanos cirúrxicos nos que apoiamos os nenos e as súas familias en todo o proceso de espera mentres soben aos quirófanos. Trátase de aliviar a estadía hospitalaria, porque ás veces son moitas horas, días ou meses, e o hospital adoita xerar un ambiente un pouco duro para o neno. Alí eles non mandan, están nun lugar estraño, onde os pinchan, onde lles fan probas...

"Nos hospitais atopas nenos de idades moi diferentes, con problemáticas tamén moi distintas, rapaces que se cadra non necesitan tanto que os fagas rir como que lles cantes unha canción e os calmes, e outros precisan máis ben falar contigo"

O efecto, polo tanto, non se limita aos nenos e nenas?

Os pais tamén o pasan mal, ás veces están mal durmidos, angustiados, agardando... Co noso labor tentamos sobre todo que os nenos non deixen de ser nenos, trátase de xogar con eles, de alegrarlles o día, de cambiar o clima da habitación. Nos quirófanos o efecto é moi claro nos pais, que están loxicamente preocupados, e que se tranquilizan se ven que o seu fillo ou filla xoga ou ri.

En que se diferencia o traballo dunha pallasa nun centro hospitalario dunha actuación de clown calquera, noutro espazo? Que hai que ter en conta?

Eu fago espectáculos fóra tamén. Alí, por moito que improvises ti tes un guión, cun comezo e un final e máis ou menos sabes o que vas facer. E, ademais, os nenos e as familias achéganse a verte a ti. Nos hospitais é ao revés: somos nós os que entramos nas habitacións e a outra gran diferenza é que non imos con ningún guión determinado. Sempre digo que un pallaso de hospital debe ter o olfacto e a vista moi afinadas para poder captar que é o que ese neno e esa familia necesitan. Nos hospitais atopas nenos de idades moi diferentes, con problemáticas tamén moi distintas, rapaces que se cadra non necesitan tanto que os fagas rir como que lles cantes unha canción e os calmes, e outros precisan máis ben falar contigo. Hai nenos que están máis ou menos ben, pero outros están moi asustados e ti tes que detectalo, para poder acompañar esa circunstancia traumática que está atravesando unha familia. No curso dámoslle moita importancia ao protocolo de hixiene sanitaria. Tamén traballamos moito a empatía, porque os nenos non sempre están ben, así que tes que ter recursos e ferramentas para lidar con este tipo de problemas.

"Hoxe en día si que se lle está dando moita importancia á humanización no hospital e á importancia que ten o estado anímico para favorecer a curación"

É suficientemente recoñecida a vosa actividade e os efectos positivos que xera?

A situación foi cambiando nos últimos anos. Hai 20 anos había moi poucas ONGs traballando con isto e en realidade estaba moi pouco aceptado polo propio persoal sanitario. Pero hoxe en día si que se lle está dando moita importancia á humanización no hospital e á importancia que ten o estado anímico para favorecer a curación. Isto axuda a que teñan o sistema inmunolóxico máis forte, a que esteas máis predisposto a sobrelevar a enfermidade de maneira máis positiva... Ultimamente isto tense cada vez máis en conta aínda que se pode avanzar moito máis e sería xenial que a administración o puidese oficializar para convertelo nunha actividade permanente.

Actividades do apartado formativo do Festiclown 2017 © Culturactiva
Actuación do Festiclown en Palestina © Pallasos en Rebeldía
Laura 'Mandarina' Muñoz é 'pallasa de hospital' © https://www.festiclown.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.