0 Gardados para despois

Só o PP rexeita opoñerse no Parlamento aos ventres de alugueiro

Redacción | @prazapublica

O debate sobre a legalización da xestación subrogada chegou este mércores ao Parlamento a través dunha proposición non de lei do BNG que instaba a Xunta a "oporse á legalización, regulamentación e banalización" dos ventres de alugueiro. A iniciativa denunciaba que esta práctica supón unha forma de "explotación e mercantilización do corpo das mulleres, especialmente daquelas máis empobrecidas e vulnerábeis". E demandaba "modificacións legais" para "disuadir e impedir" esta fórmula de compra-venda.

"Non nos parece suficiente dispoñer de tan só cinco minutos" para tratar este tema, sinalou Paula Prado (PP)

A proposición recibiu o apoio de En Marea e PSdeG-PSOE e foi rexeitada polo PP. Os populares reclamaron "un debate sereno, serio e responsable" sobre esta cuestión e que "se estuden as implicacións nos dereitos humanos non só das mulleres senón tamén dos menores co fin de evitar o turismo reprodutivo”, sinalando Paula Prado que "non nos parece suficiente dispoñer de tan só cinco minutos" para tratar este tema. Prado afirmou que “no PPdeG coincidimos co Parlamento Europeo e co Comité de Bioética Nacional en prohibir todas aquelas prácticas que supoñan a explotación das mulleres sometidas a este proceso, pero tamén a compra-venta de nenos e nenas". O PP pediu tamén unha "harmonización lexislativa" na UE para acadar unha "seguridade normativa".

Pontón (BNG): "Converter os corpos de mulleres en incubadoras non é un paso adiante senón un paso atrás de séculos"

Pola contra, o BNG defendeu un rexeitamento absoluto e sen matices a esta práctica, afirmando Ana Pontón que “defender a maternidade subrogada é converter a capacidade reprodutiva das mulleres nun negocio e lexitimar a compra-venda de bebés”, engadindo que os ventres de alugueiro atentan "contra os dereitos e a dignidade das mulleres, en particular das máis desprotexidas, explotando e mercantilizando o seu corpo". O Bloque defendeu levar o tema ao debate na cámara galega en que a cuestión "está na sociedade e, empuxado polos intereses de clínicas privadas e bufetes de avogados, avanza cara a súa discusión no Congreso". “Esta práctica só ampara a liberdade dos que teñen cartos para alugar o ventre de mulleres vulnerables para que outros podan perpetuarse xeneticamente. Non pode primar o interese dunha persoa a ter descendencia con carga xenética sobre os dereitos e a dignidade das mulleres”, subliñou a voceira do BNG, que concluíu que "converter os corpos de mulleres en incubadoras non é un paso adiante senón un paso atrás de séculos".

En Marea sinala que legalizar este proceso sería "como regularizar a mercantilización do corpo da muller"

En Marea concordou na posición e nos argumentos empregados polo BNG, e levou á cámara o rexeitamento xa expresado hai semanas nas conclusións do proceso de debate levado a cabo nos últimos meses. En Marea sinala que legalizar este proceso sería "como regularizar a mercantilización do corpo da muller" e alerta de que "se abrimos un mercado sobre este proceso estaremos favorecendo que as mulleres pobres entren nel, alugando os seus corpos a persoas con máis recursos". "A invocación da liberdade individual, nun contexto como este, non deixa de ser unha falacia" pois "un suposto dereito mercantilizado, ao que se lle pon prezo, convértese nun privilexio, non é un dereito", engade a formación esquerdista.

Tamén o PSdeG-PSOE votou a favor, en coherencia coa postura adoptada pola nos días previos ao último congreso do partido

Tamén o PSdeG-PSOE votou a favor de que a Xunta se posicionase abertamente en contra desta práctica, en coherencia coa postura adoptada pola súa comisión política nos días previos ao último congreso do partido. Daquela, unha ampla maioría manifestárase en contra de que o tema chegase sequera a debaterse na cita, sinalando que "detrás desta práctica existe unha mercantilización e cousificación do corpo onde médicos, avogados e axencias de intermediación lúcranse coa explotación reprodutiva das mulleres". De momento, tan só Ciudadanos e UPyD se pronunciaron abertamente a favor de legalizar estes contratos.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.