As familias dos brigadistas mortos en Fornelos piden reabrir o caso

A protesta tivo lugar diante da sede da Xunta en Vigo © CIG

O pasado 15 de xuño coñeceuse a sentenza do TSXG que dirimía a responsabilidade no falecemento en agosto de 2010 de dous brigadistas que loitaban contra o lume en Fornelos de Montes. O ditame do alto tribunal galego determinou a responsabilidade da Xunta na morte dos dous homes, considerando que houbo un "deficiente funcionamento dos servizos públicos", considerando que a ausencia no lugar da motobomba coa que se esperaba contar foi determinante para o fatal desenlace. Porén, a sentenza apreciou tamén responsabilidade na propia acción dos brigadistas falecidos (sinalando que "presos do natural pánico, trabucaron a súa conduta e penetraron en dirección ao lume"). Isto supuxo, ademais, unha redución na indemnización que finalmente o tribunal obrigou a Xunta a pagar, rebaixando os 175 mil euros solicitados polas familias dos brigadistas a tan só 52.500.

"Parte da culpa recae sobre os propios traballadores falecidos supostamente por estar onde non debían, cando se atopaban onde lles mandaron”

Este mércores familiares dos dous falecidos, Xulio e Rodrigo, e brigadistas da empresa pública Seaga concentráronse en Vigo ante a delegación da Xunta na cidade para rexeitar unha sentenza que, denuncian, "os culpabiliza a eles da súa propia morte”. Aínda que o ditame do TSXG recoñece que parte da responsabilidade corresponde ao Goberno galego, "outra gran parte da culpa recae sobre os propios traballadores falecidos supostamente por estar onde non debían, cando se atopaban onde lles mandaron”, sinalou o presidente do comité de empresa de Seaga na provincia de Pontevedra, Josafat Puente (CIG). “Non tomaron unha mala decisión, tomaron a única que poderían tomar, xa que non tiñan outra vía de saída”, engadiu a irmá dun dos falecidos.

"Está bastante claro que intentaron botar terra sobre o asunto, como desgraciadamente sucede noutros procesos onde a Administración está implicada”, denuncia a nai dun dos falecidos

De igual xeito, Elvira González -nai de Rodrigo- considerou "inaceptable" a sentenza que "non fai ningunha mención á escaseza de medios nin á cadea de erros que desencadeou o accidente, nin á falta de coordinación entre as brigadas". E denunciou que non se investigou suficientemente o accidente: "está bastante claro que intentaron botar terra sobre o asunto, como desgraciadamente sucede noutros procesos onde a Administración está implicada”, pedindo que se reabra o caso “para demostrar que hai responsables a nivel xurídico e político”.

De feito, a sentenza do TSXG chegou pola insistencia dos familiares, profundamente desconformes co rápido peche que a Xunta lle quixo dar ao caso en 2011, entregándolles ás familias dos dous falecidos unha indemnización conxunta de 75 mil euros. Os familiares reclamáronlle ao Goberno galego o pagamento dunha nova indemnización de 175 mil euros, en concepto de responsabilidade patrimonial da Administración. A negativa do Executivo fixo que o asunto rematase nos tribunais.

 

Demanda de melloras nas condicións laborais e no dispositivo

A concentración supuxo tamén unha reclamación de melloras nas condicións laborais dos brigadistas da empresa pública SEAGA e no propio deseño do dispositivo de loita contra o lume. Compañeiros dos dous traballadores falecidos participaron no acto denunciaron que nada cambiou no funcionamento da empresa nos últimos sete anos, “polo que en calquera día pode suceder outro accidente similar, xa que non se modificaron os protocolos de actuación”. O presidente do comité de Seaga en Pontevedra criticou, por exemplo, a excesiva rotación no persoal: “Cada ano entra xente sen formar, que non viu un lume na súa vida e que non sabe como hai que reaccionar fronte a un incendio”, e que ademais traballa só tres meses, "o que imposibilita que se formen verdadeiros e verdadeiras profesionais”. Destacou, así mesmo, que o sector está cada vez máis atomizado, e na actualidade hai unhas 10-12 empresas traballando na extinción lumes, “o que provoca unha gran descoordinación entre elas”.

“Cada ano entra xente sen formar, que non viu un lume na súa vida e que non sabe como hai que reaccionar fronte a un incendio”

Josafat Puente lembrou o sucedido recentemente en Portugal e advertiu que Galicia “é un polvorín, xa que ao incremento das temperaturas súmase que cada vez temos máis plantacións de eucalipto e piñeiro, dúas especies altamente combustíbeis”. E recomendou establecer franxas de seguridade e preparar as estradas e pistas para que o lume non as traspase. “A cuestión non é que o monte arda ou non, porque sempre vai arder, a cuestión é que os lumes non cheguen a ser moi grandes e que se poidan controlar, para o que é necesario moita prevención”, dixo. Concluíu lamentando que o Goberno galego gaste cada ano máis cartos en extinción “cando o normal sería gastar máis en prevención, para aforrar gastos en extinción”. 

A irmá de Xulio, un dos brigadistas falecidos, tamén fixo alusión ao carácter determinante para a morte dos dous traballadores das actuais condicións laborais. “Non pode ser que a falta de experiencia e non coñecer os teus compañeiros teña estas consecuencias”, denunciou, explicando que moitos brigadistas nin se coñecen entre eles, o que neste caso fixo que os compañeiros que se atopaban cos falecidos non soubesen os seus nomes, polo que non puideron confirmar que se atopaban ben. “Preguntáronlles 'estades ben, rapaces?' e respondéronlles os que estaban noutro lado. Se soubesen algo tan simple como os seus nomes agora seguramente estariamos a falar doutra cousa” concluíu.

 

Os familiares dos dous falecidos criticaron o contido da sentenza © CIG
Na concentración, os empregados de SEAGA reclamaron unha mellora das súas condicións laborais © CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.