A memoria de Maruxa e Coralia, "resistencia e alegría" fronte á represión franquista

Homenaxe ás irmás Fandiño Ricart, este 18 de xullo en Santiago CC-BY-SA Romina Bal

As irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, As Marías de Santiago, foron vítimas do franquismo. Os golpistas de 1936 non as mataron. Nin sequera as perseguiron por algo concreto que elas fixesen. Pero si as humillaron e procuraron illalas socialmente. O seu 'delito' era seren irmás de tres militantes anarquistas, un deles secretario da Confederación Rexional Galaica da CNT. Por iso abusaron delas e as perseguiron nos escuros anos da posguerra. A esa escuridade da ditadura elas fixeron fronte coas cores das súas roupas, as mesmas que dende hai media década volven cada ano á estatua que as lembra na Alameda compostelá para homenaxealas. A elas e a todas as mulleres ás que os golpistas e os seus partidarios asasinaron, violaron e reprimiron.

Este 18 ás dúas en punto, a hora do paseo de Maruxa e Coralia, a súa memoria volveu estar presente da man da homenaxe -ou "mullerenaxe"- organizada pola libraría feminista Lila de Lilith. Flores, cores e poemas -e, nun futuro próximo, senllas placas no céntrico parque e mais na casa na que viviron, na rúa do Espírito Santo ou Rúa de Abaixo- para, en verbas da historiadora Encarna Otero, "evitar o que tiveron en vida: escenas de desprezo", pero tamén "de mal uso das súas figuras" por parte de, por exemplo, os turistas que transitan a contorna. A escultura, confirma o Concello, tamén será pintada de novo tras a fin da temporada alta de turismo.

Os golpistas humilláronas e perseguíronas pola militancia política dos seus irmáns

"Mais elas -lembra- non estiveron soas". Nin na cidade nin no resto do país. "As resistentes foron moitas, moitas as mulleres que aguantaron con dignidade" a represión. Otero lembra algúns exemplos senlleiros como mostra desa resistencia. "As estraperlistas do café, que alimentaban a moitas familias" e aliviaban o traballo de operarios e praceiras do mercado de abastos. Ou persoas concretas "como Xosefina Vilas, que tanta fame quitou ás agachadas" mentres os golpistas executaban as súas vinganzas. Vinganzas como as sufridas por Maruxa e Coralia que, como lembra a xornalista Áurea Sánchez, experta na figura das irmás Fandiño, "sufriron humillacións de todo tipo" cun obxectivo claro: "marxinalas ata deixalas morrer de fame".

Memoria das mulleres represaliadas

Entre as persoas que participaron este martes na homenaxe a Maruxa e Coralia atopábase Luís Bará, o deputado do BNG que na súa faceta de investigador e escritor vén tirou do prelo hai pouco Non des a esquecemento, a obra na que recolle un bo número de vivencias da represión e da resistencia antifranquista no país. "Os relatos de resistencia e solidariedade" fronte á represión fascista daqueles anos "teñen, a maior parte das veces, nome de muller", explicaba Bará o pasado abril nunha entrevista con Praza.gal.

"As mulleres tecían redes de apoio aos presos, acollían nas súas casas aos perseguidos e fuxidos, ás persoas que participaban na resistencia"

"Elas tecían as redes de apoio aos presos, acollían nas súas casas aos perseguidos e fuxidos, ás persoas que participaban na resistencia armada" contra Franco. "E algunhas pagárono coa vida". Este foi o caso, por exemplo, de Emilia Cabaleiro, torturada e asasinada "por axudar a catro homes perseguidos". Ou Juana Otero, tía de Mariví Villarverde, "rapada e torturada", á que lle gravaron na fronte con nitrato de prata as letras UHP, "iniciais dunha consigna que a xente de esquerdas dicía nas manifestacións: Uníos, hermanos proletarios.

O obxectivo de todos estes casos era, ao cabo, semellante. Contra Maruxa e Coralia, contra Juana Otero e todas as demais pretendíase deixar claro que a intención era "eliminar un colectivo humano a través da violencia desmesurada", resume Bará. "Tiñan que convivir coa represión constante e ás veces o único que lles quedaba era participar da broma", lembraba Áurea Sánchez sobre As Marías. "Pero non estaban tolas", sobrevivían.

Unha imaxe das dúas mulleres ante a estatua que as homenaxea CC-BY-SA Elda

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.