Día Nacional de Galicia: xornada de festa, política e ausencias

Dominio Público Praza Pública

Galicia celebra este 25 de xullo un novo Día Nacional case un século despois de que as Irmandades da Fala impulsasen as primeiras celebracións do "Día de Galicia" non "non pol-a súa sinificación relixiosa –pois o noso movemento non é confesional nin aconfesional", senón "pol-á sinificación mítica e simbólica" da data, como deixaron escrito. Trinta e cinco anos despois de que a Xunta preautonómica oficializase a súa denominación oficial, aínda vixente, a data volve de forte actividade no ámbito político da esquerda e mais do nacionalismo, mentres que a Xunta non celebra acto ningún e o partido que sustenta o Goberno, o PP, liquidou a celebración cunha homenaxe a Manuel Fraga o pasado venres. Será, ao cabo, unha nova xornada de festa, política e ausencias.

A festa

Ligada en boa medida a política e salferida, en moitos puntos do país, polas celebracións do Apóstolo Santiago a comezar pola propia capital galega, onde o Día Nacional de Galicia é tamén a xornada grande das festas. En Compostela a axenda festiva repártese entre o Apóstolo e o Festigal e o día comezará amenizado pola música dunha charanga de cabezudos e a apertura da Romaría dos Libros na Praza de Mazarelos. Un partido Compostela-Lugo -o memorial Antonio Bermúdez- pon a parte deportiva a un programa que ten como prato forte o concerto de bandas galegas na Praza da Quintana dende as dez da noite con Comando Katana, Bifannah, Jay, Bala e Novedades Carminha.

No recinto do Festigal, o festival organizado pola Fundación Galiza sempre e mais Galiza Nova, a actividade é continua durante toda a xornada en espazos como as galerías das letras e das ideas, con presentacións, debates e coloquios. Tras a primeira noite de música, o son do Día da Patria póñeno Isabel Risco co seu espectáculo Nabiza Girl, Áureas e mais Tanxugueiras. Antes, no espazo infantil, será a quenda para Peter Punk e Cé Orquestra Pantasma.

A política

Todas as forzas políticas con representación parlamentaria agás o PP organizan actos polo 25 de xullo. Prevese que a máis numerosa sexa, un ano máis, a convocatoria do BNG, que convoca a súa tradicional manifestación do Día da Patria para as 12 da mañá dende a Alameda de Santiago. Media hora despois, ás 12:30, partirá do mesmo punto a manifestación independentista á que chama Causa Galiza.

Todas as principais formacións políticas celebran actos reivindicativos e festivos este 25 de xullo agás o PP, que conmemorou a xornada catro días antes cunha homenaxe a Fraga

Pola banda de En Marea este ano é a primeira ocasión en que a formación celebra o Día Nacional dende a súa constitución en partido instrumental. Faino cun programa "lúdico e festivo" no compostelán parque de Vista Alegre dende as 11 e media da mañá baixo o lema A Galicia que a xente queremos. Contra o mediodía prevese o acto político, unha "dinámica participativa con diversos movementos sociais" que exporán "ideas sobre o país que imaxinamos" e as pendurarán simbolicamente dunha árbore.

Algunhas das formacións ligadas a En Marea celebran actos de seu nesta xornada. Así, Anova completa o programa iniciado na xornada do luns cun debate sobre República e ruptura cun acto político no parque compostelán de Galeras e, a continuación, unha romaría popular. A intervención do portavoz nacional da formación, Antón Sánchez, prevese para as 13:00. Esquerda Unida, pola súa banda, ten cita en Mugardos co lema Unha nación, unha memoria, centrado na figura do alcalde republicano Juan Prieto Balsa, asasinado polos franquistas.

O PSdeG, pola súa banda, acode un ano máis a Rianxo para celebrar a súa tradicional homenaxe a Castelao. Ante o monumento do Paseo da Ribeira intervirá a secretaria do partido neste concello, María del Carmen Filgueira, e a voz política da organización galega será Pilar Cancela, a deputada no Congreso e presidenta da xestora do PSdeG. Nesta ocasión acudirá tamén ao acto unha representante da dirección federal do partido, vicesecretaria xeral, Adriana Lastra.

Alén das forzas con representación parlamentaria Compromiso por Galicia organiza tamén actos políticos en Santiago. Tras unha ofrenda floral no Panteón de Galegos Ilstres "con implicación da xente da cultura" a formación galeguista organiza un acto político no parque Eugenio Granell, onde tamén organiza un xantar, un serán e xogos tradicionais.

As ausencias

O Goberno galego é, un ano máis, o gran ausente do Día Nacional de Galicia. Unha campaña publicitaria foi, como nos anos previos a única acción específica da Xunta, que no 25 de xullo non realiza celebración ningunha. Desta volta o presidente do Executivo volve actuar como delegado do rei na ofrenda ao Apóstolo Santiago na catedral compostelá e pola tarde está previsto que acuda á misa na honra a Rosalía de Castro en San Domingos de Bonaval, na que tamén está anunciada a presenza do presidente do Parlamento, Miguel Santalices.

Celebración do Día da Patria de 1930 en Vigo, con Castelao á fronte Dominio Público Praza Pública
Número d'A Nosa Terra do 25 de xullo de 1922 © RAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.