Dous mil millóns de persoas non teñen acceso a 350 'medicamentos esenciais'

A actividade da ONG vaise ver reducida á metade este ano polos recortes orzamentarios © Farmamundi

A ONG Farmamundi denuncia que un terzo da poboación mundial, ao redor de dous mil millóns de persoas, non ten acceso ao que denomina medicamentos esenciais. Que son medicamentos esenciais? Trátase dunha lista duns 350 fármacos e remedios, básicos no primeiro mundo e que curan o 90% das enfermidades, pero que non están ao alcance de moitísimos seres humanos, unha falta que provoca uns 15 millóns de mortos cada ano, cunha proporción moi alta de menores de 5 anos. Morren de diarreas por non ter soros, dunha queimadura por non ter antibióticos, de asma por non ter osíxenos...

As razóns hai que buscalas nas patentes, que impiden a súa produción nuns casos, os elevados precios dalgúns deles, a falta de distribución, de conservación, de diagnóstico, de educación para o seu uso correcto. Outras veces ven motivado polo feito de pertencer a unha minoría, por non dispoñer de formulacións pediátricas ou polo feito de ser muller. Outras razóns teñen que ver con ter unha enfermidade esquecida, ou coa existencia de medicamentos falsos.

Trátase dunha lista duns 350 fármacos e remedios, básicos no primeiro mundo e que curan o 90% das enfermidades, pero que non están ao alcance de moitísimos seres humanos, unha falta que provoca uns 15 millóns de mortos cada ano

Para concienciar sobre esta situación, a ONG iniciou unha campaña, titulada Esenciales para la Vida. Ademais, Farmamundi elaborou unha Guía para Xornalistas, que inclúe un resumo das condicións de acceso aos medicamentos e as causas das dificultades que existen en cada caso. A guía, ademais, resolve dúbidas sobre terminoloxía, siglas e ofrece unha completa información de contextualización.

 

Un millón de persoas, sen acceso á saúde, polos recortes

Farmamundi denuncia, así mesmo, que case un millón de persoas se verán privadas de acceso á saúde polos recortes en Cooperación. O orzamento do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación diminuíu en 2012 nun 54,4% e o da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento un 56,4%, reducindo á metade a axuda ao desenvolvemento con respecto a 2008. Ante este panorama, as ONG ven perigar a continuidade dos seus proxectos no Sur. En tres anos España pasou do posto oitavo ao décimo quinto entre os países europeos polo seu esforzo na cooperación ao desenvolvemento, ao que agora destina o 0,23% da Renda Nacional Bruta, moi lonxe do arelado e prometido obxectivo do 0,7%.

O orzamento do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación diminuíu en 2012 nun 54,4% e o da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento un 56,4%

Farmamundi e outras entidades víronse obrigadas, en consecuencia, a restruturar os seus proxectos. En 2011, con 6,7 millóns de euros destinados a proxectos de cooperación e acción humanitaria, campañas de educación para o desenvolvemento e subministros de medicamentos e material sanitario conseguiuse beneficiar a case dous millóns de persoas. Porén, este ano, co 50% menos de ingresos, case un millón de persoas se verán privadas do acceso á saúde.

A actividade da ONG vaise ver reducida á metade este ano polos recortes orzamentarios © Farmamundi
© Farmamundi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.