O novo curso escolar trae máis docentes sen destino definitivo e máis itinerancias

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita a un colexio © Xunta

CIG-Ensino denuncia que o catálogo de postos de traballo decidido pola Consellaría de Educación para o curso que comezará en setembro implica un elevado grao de itinerancias para os mestres e mestras sen destino definitivo, así como unha elevada proporción de docentes que terán que impartir materias das que non son especialistas. Así, o sindicato sinala que dun total de 2.458 profesores e profesoras, un 18% (444) terán que impartir docencia en máis dun centro, sendo nalgúns casos as itinerancias de 4 centros. Ademais, o 19% das 444 persoas que teñen itinerancias terán que impartir materias das que non son especialistas. A impartición de afíns mantén cifras similares ás dos dous últimos cursos, moi superiores ás de anos anteriores, lembra a CIG.

O sindicato sinala que dun total de 2.458 profesores e profesoras, un 18% (444) terán que impartir docencia en máis dun centro

O sindicato destaca que o vindeiro curso aumentará o número de mestras e mestres que non teñen destino definitivo a consecuencia dos recortes de postos de traballo e de peches de centros. A central subliña que moitas necesidades dos centros non foron atendidas pola inspección educativa, "o que levará unha vez máis a un inicio de curso de demandas da comunidade educativa para que se atendan as necesidades de apoio educativo específico ou a necesidade de reducir elevadas ratios". 

CIG-Ensino denuncia así mesmo as "amortizacións encubertas" de Educación Infantil en varios centros, "onde inspección educativa insinúa a posibilidade de non amortizar prazas de catálogo en Educación Infantil se unha das mestras de educación infantil acepta, en principio durante un ano, impartir docencia en primaria, co cal non cubren a praza de primaria no CADP e amortizan na realidade a de infantil".

O sindicato demanda "a recuperación das condicións de traballo que foron retiradas polo goberno Feijóo en 2009, retornando ás 21 horas lectivas como máximo". Isto levaría a "un incremento importante de docentes, con maiores ofertas de emprego público e, consecuentemente, unha mellora non só nas nosas condicións de traballo senón na propia calidade do sistema educativo galego". A central lembra que a porcentaxe de persoal interino sen destino definitivo se sitúa no 46% (1.130). "É fundamental fixar os claustros, aumentando o máximo posíbel o número de mestras e mestres con destino definitivo, reducindo á mínima expresión o tempo de provisionalidade, que nalgunhas especialidades levan nesta situación desde o 2010", conclúe.

 

Mobilización en Outes contra o peche do centro escolar Dominio Público @En_Marea
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, nunha visita a un colexio © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.