O guerrilleiro Antonio Pérez Barreiros, centro da homenaxe ás vítimas do franquismo en Verín

O guerrilleiro finou en Verín en 2012, aos 84 anos de idade © CIG Verín

Nacido en Ourense en 1928 e finado en Verín en 2012, Antonio Pérez Barreiros foi un dos derradeiros guerrilleiros galegos vivos, o penúltimo se cadra, se temos en conta a figura de Camilo de Dios. A homenaxe a Pérez Barreiros será un dos actos centrais da III Homenaxe ás Vítimas do Franquismo na Comarca de Monterrei, que os próximos días 11, 12 e 13 de agosto se celebrará en Verín, organizada pola CIG. O evento, que dá continuidade aos xa realizados en 2011 e 2015, complétase coas presentacións de dous libros e dun filme.

Antonio Pérez Barreiros foi un dos derradeiros guerrilleiros galegos vivos, o penúltimo se cadra, se temos en conta a figura de Camilo de Dios

O doingo 13 ás 22 horas a Praza da Mercé acollerá o Acto de Homenaxe ás Vítimas do Franquismo, que consistirá nunha glosa da figura do guerrilleiro Antonio Pérez Barreiros, na que participará a súa viúva, Isabel do Barrio. Podemos ler na Galipedia que Pérez Barreiros, xa con oito anos de idade repartía en bicicleta propaganda contra a ditadura pola rúa do Paseo de Ourense. Cando rematou a guerra afiliouse ás Juventudes Socialistas Unificadas, nas que militou na clandestinidade, polo que foi detido e encarcerado no cárcere de Ourense, do que logrou fuxir. En 1946 fuxiu ás montañas e integrouse nun destacamento da II Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia dirixido por Juan Sorga con Camilo de Dios Fernández, Manuel Novoa e José María Saavedra Díaz.

O 18 de marzo de 1949 formaba parte do grupo de seis guerrilleiros localizados pola Garda Civil nunha casa que utilizaban como refuxio preto de Ourense. Nun primeiro asalto os guerrilleiros lograron repeler o ataque e mataron dous gardas, finando tamén o guerrilleiro Antón López. Antonio Pérez resultou gravemente ferido e foi capturado (xunto con Camilo de Dios). Xulgado nun consello de guerra celebrado na Coruña o 27 de agosto de 1949, foi condenado a morte. Foi trasladado ao cárcere de Burgos onde coñeceu á súa dona. Conmutada a pena pola cadea perpetua, foi trasladado ao penal do Dueso (Santander), do que saíu a finais dos anos sesenta, para instalarse definitivamente en Verín, sendo detido de novo en 1971 por repartir propaganda ilegal.

 

O programa

O evento, que dá continuidade aos xa realizados en 2011 e 2015, complétase coas presentacións de dous libros e dun filme

Os actos comezarán o venres (20 horas, Salón de Actos da Casa da Cultura de Verín), coa presentación do libro O futuro é para sempre, a cargo do Secretario da CIG de Verín e A Limia: Luís Ferreiro, con coloquio coa autora, a antropóloga portuguesa Paula Godinho. A publicación trata sobre os mecanismos socialmente construídos polas poboacións das comarcas raianas entre Portugal e Galicia para a resolución dos seus problemas cotiáns. Entre outros, dedícase todo un capítulo ás traballadoras téxtiles de Verín, no que se analizan os seus modos de comportamento e as súas relación sociais e laborais.

O sábado, á mesma hora e no mesmo escenario, presentarase o libro Os nomes do terror, coordinado polo historiador Dionisio Pereira, que manterá un coloquio con Luís Ferreiro. O libro sinala as identidades, historias, miserias e crimes dos elementos fascistas que protagonizaron os asasinatos derivados da represión franquista.

O domingo (22 horas, praza da Mercé de Verín), trala devandita homenaxe ás vítimas do franquismo, proxectarase o filme Silênciorealizado polos portugueses António Loja Neves e José Manuel Alves Pereira, que narra os acontecementos que tiveron lugar en 1946 no Cambedo da Raia (Chaves). O 21 de febreiro daquel ano, a aldea do Cambedo da Raia, a poucos metros de Galicia, foi cercada e atacada pola Garda Civil española, polo Exército portugués, pola Garda Nacional Republicana e pola PIDE. Dous guerrilleiros morreron, un cativo foi ferido e varios casas foron destruídas na procura por parte das autoridades españolas e lusas dun comando de guerrilleiros galegos que alí se agochaban. A vila de Cambedo da Raia perdeu por máis dun ano a 18 dos seus habitantes, presos no cárcere do Porto preventivamente ata o xulgamento que tivo lugar en decembro de 1947. O filme lembra o sucedido, recollendo as testemuñas das persoas da aldea que ficaron por 50 anos obrigadas ao silencio, sen poderen falar deste episodio tráxico.

Os actos comezarán este venres e chegarán ata o domingo © CIG Verín

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.