0 Gardados para despois

Vilariño de Conso, Cea, Pantón e Maside, os concellos máis afectados polo lume

Redacción | @prazapublica

Vilariño de Conso, San Cristovo de Cea, Maside e Parada de Sil (Ourense) e Pantón (Lugo) foron os lugares máis afectados polo lume durante esta fin de semana, con incendios que arrasaron máis de 200 hectáreas de terreo en total. O máis importante foi o incendio de Vilariño de Conso, que queimou un total de 100 hectáreas, quedando estabilizado xa no mediodía do domingo. En San Cristovo de Cea o lume queimou 38 hectáreas, en Pantón unhas 24 e en Maside unhas 30. En Agolada o lume queimou unhas 15 hectáreas e en Vilalba outras 20.

Medio Rural salientou a "elevada actividade" incendiaria rexistrada durante a fin de semana, "especialmente en horas nocturnas, nas que os medios aéreos non poden actuar e con varios focos simultáneos en puntos próximos, para dificultar os labores de extinción". Nas noites do venres e do sábado houbo un total de 29 lumes entre as 22,00 horas (ocaso) e as 07,00 horas (saída do sol). A Xunta subliñou "a eficacia do operativo, sinalando que "a maior parte deles, 21, quedaron reducidos a conatos (por baixo dunha hectárea de monte raso ou media hectárea de arborado)". A consellaría destacou tamén que na fin de semana "proliferaron os lumes case simultáneos localizados nun mesmo concello, e mesmo nunha mesma parroquia". Entre eles, puxo o foco no caso do municipio pontevedrés de Agolada, no que chegou a haber ata 10 lumes en apenas 24 horas. 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.