A atención a persoas dependentes prexudica a saúde do 60% dos coidadores en Galicia

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

As prestacións da Lei da Dependencia están a piques de sufrir unha importante retallada. A vindeira semana o Ministerio de Sanidade sentará na mesma mesa con todas as comunidades autónomas para endurecer o acceso a estes servizos públicos, creados hai apenas un lustro e que dende os gobernos central e galego veñen sendo cualificados, con máis ou menos intensidade, como "insostibles". Poucos días antes de que o departamento que dirixe Ana Mato cargue de incerteza, cando non de temores, a persoas dependentes e ás súas familias, o Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de culminar unha completa radiografía do problema no país, deténdose non só nas cifras absolutas de mulleres e homes que precisan ou reciben unha prestación, senón tamén nas súas características concretas, así como nas dos seus coidadores e nas carencias que sofren estes.

O 79% dos máis de 94.000 dependentes reciben os coidados que precisan dalgún membro do seu fogar

É precisamente unha ollada detida sobre as persoas que coidan dos seus familiares en situación de dependencia a que pode permitir elaborar un bosquexo do grao de incidencia nas prestacións públicas que estipula a lei. O 79% dos 94.251 dependentes rexistrados en Galicia recibía en 2011 coidados dalgún membro do seu fogar. A estes engádenselles o 27% que son atendidos por parentes non residentes no mesmo domicilio pero que non reciben remuneración ningunha. Ambos casos contrastan co 16,7% que teñen garantida a atención por parte dalgunha Administración pública. Esta preponderancia dos familiares nos coidados ten un efecto colateral que, as máis das veces, pasa desapercibido entre as grandes cifras: o impacto que o labor de coidado ten na saúde e no benestar das persoas que o exercen. Segundo os datos recompilados polo IGE, case o 63% dos coidadores viron afectada a súa saúde por atender a persoas dependentes. Esta cifra é unha media no conxunto da poboación que, desagregada, segue confirmando que a atención á dependencia ten rostro feminino. Nas coidadoras os problemas de saúde chegan ao 67% e nos coidadores, quedan no 53%.

Intimamente ligado co esforzo en forma de traballo que implica ter que se facer cargo dunha persoa que non se pode valer por si mesma está o esforzo económico. Nun contexto no que dende todas as Administracións se asegura estar a primar a prestación de servizos -residencias, centros de día, asistencia no fogar- fronte á asignación de axudas económicas, os indicadores do Instituto de Estatística amosan ás claras que, ademais dun problema social, de saúde e mesmo afectivo, a dependencia é tamén unha seria dificultade para as familias galegas en forma de cartos. O 63% das persoas que atenden dependentes aseguran que ese labor influíu negativamente na súa economía familiar. A este indicador súmaselle outro aínda máis clarificador: en 7,2 de cada 10 fogares a atención á dependencia supón algún tipo de gasto. Nomeadamente, o 55,22% -case 50.000- dos fogares con persoas dependentes ao cargo asumen "a totalidade dos gastos" da asistencia e só teñen algún tipo de axuda o 17,77%. Mentres, os que declaran que ter unha persoa dependente ao cargo "non lles supón gasto" quedan no 27%.

Menos persoas para atender, pero durante máis horas

Diminuíron as persoas que precisan un máximo de dúas horas diarias de coidados

Estes indicadores chegan nun contexto no que, sempre segundo os datos do IGE, en Galicia hai menos persoas en situación de dependencia que hai catro anos, pero precisan máis atención. Así, en 2007 a enquisa de condicións de vida cifraba os dependentes en 100.860 persoas, mentres que en 2011 deixa o número en 94.251. Non obstante, diminuíron as persoas que precisan un máximo de dúas horas diarias de coidados, pasando do 14% ao 10% do total e incrementaron as que necesitan de tres a seis horas -do 21% ao 31%- e ás que lles cómpren 18 ou máis horas, do 14,58% ao 15,68%. Con estes datos na man o IGE conclúe que 3.788 persoas en situación de dependencia "reciben menos horas de coidados das que necesitan".

Dentro deses horarios de atención resulta tamén especialmente ilustrativo o módulo da enquisa que se detén no tipo de coidados que precisan as persoas atendidas. Así, é posible coñecer que máis do 30% dos dependentes sono de maneira "completa" para efectuar con normalidade o seu aseo persoal, máis do 60% necesitan apoio "moderado ou completo" para vestirse e case un 40% para "levantarse, deitarse e permanecer de pé ou sentado".

Unha coidadora atende unha persoa en situación de dependencia CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.