O Festival Agrocuir da Ulloa busca "abrir o abano de posibilidades de existir"

O evento celebrarase o 25 e 26 de agosto en Monterroso © Festival Agrocuir

Os días 25 e 26 de agosto Monterroso acollerá a cuarta edición do Festival Agrocuir da Ulloa, dedicado nesta ocasión á defensa do bosque autóctono e á loita do colectivo trans. O festival muda a súa denominación, dende o agrogay cara ao agrocuir, buscando "abrir o abano de posibilidades de existir, sen xénero que determine se es home, muller, lesbiana, gay, aldeán, urbanita, travesti, transexual, hetero ou calquera das denominacións nas que debemos encaixar para ordear, clasificar, cuantificar a cultural natureza humana". "Somos cuirs", resume Laura Halçague, "porque valoramos a liberdade de sentir, de ser o que cada un desexa".

Así mesmo, o festival recupera nesta edición a bandeira de oito cores, "que é a bandeira orixinal que representaba o movemento LGTBIQ. Perdéronse dúas cores polo camiño: o rosa e o azul claro, que representaban precisamente a bandeira trans", explica Gina Gisbert. "O colectivo trans" -afirma- "foi moi relegado dentro do movemento, a pesar de ser precisamente os que iniciaron a loita". Por iso, este ano o festival dedica os seus premios á visibilidade ao colectivo trans.

A festa comezará o venres 25 na propia vila de Monterroso, coas actuacións de Silvia Penide, ás 20.30, e de Radio Cos, ás 22 horas. Despois, haberá sesión dj's ata ben entrada a madrugada. O sábado 26 pola mañá a Granxa Maruxa acollerá un obradoiro de baile tradicional con Gabi Reboredo e un taller básico de cordas co colectivo Encorda2. Ao mediodía, haberá sesión vermú con Tanxugueiras. E a partir das 13h, actividades lúdico-educativas coa Escola Semente e unha táboa redonda sobre conservación do bosque autóctono, defensa do territorio e alternativas sustentables.

Despois do xantar colectivo na carballeira da Granxa, proxectarase o derradeiro filme do ciclo de cine LGTBIQ; haberá tamén un contacontos musicalizado coa Escola Semente; e ás 18 horas actuará Rodrigo Cuevas. Ás 19h terá lugar a lectura do manifesto desta edición e a entrega dos premios á visibilidade e seguirá un concerto de Mercedes Peón. Pola noite, a festa trasladarase á vila de Monterroso, cos cantos de taberna e o peche na Peneda, a cargo de Moreno-Moreno Dj, Dj Forestal e máis sorpresas. Todas as actividades na vila de Monterroso serán gratuítas, pero dado que o aforo da Granxa Maruxa é reducido, para as actividades do sábado 26 que se celebren alí haberá que mercar entrada, que custará 7 euros. O colectivo Agrocuir sinala que non ten ánimo de lucro e que todos os ingresos obtidos serán destinados a cubrir os gastos do evento.

Ciclo cinema Agrocuir

Dende o pasado 29 de xullo Monterroso e Palas de Rei veñen acollendo distintas proxeccións do Ciclo cinema Agrocuir, organizado polo Colectivo Agrocuir da Ulloa e no que colaboran o Cineclube de Compostela, o Concello de Monterroso e o Concello de Palas de Rei. Xa se puideron ver Un chant d’amour (Jean Genet), Paris is Burning (Jennie Livingston), Cucarecord (Els 5 QKs), Ocaña, retrat intermitent (Ventura Pons), 1977 (Peque Varela), Hide and Seek (Su Friedrich), Un ano con trece lúas - In Einem Jahr mit 13 Monden (R. W. Fassbinder) e Ander (Roberto Castón). O ciclo pecharase este sábado no propio festival coa proxección de Comizi d’amore, de Pier Paolo Pasolini.

Programa do 4º Festival Agrocuir (clica para ampliar) Dominio Público Praza Pública
Rolda de prensa de presentación do festival © Musa Nicolás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.