En Marea pide no Congreso a anulación do Consello de Guerra a Alexandre Bóveda

Alexandre Bóveda en Vigo en 1935 Dominio Público Murguía. Revista Galega de Historia

O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, presentou dúas proposicións non de lei e unha pregunta por escrito para demandarlle ao Goberno que anule o Consello de Guerra sumarísimo e a condena a morte a Alexandre Bóveda, executado polas forzas golpistas o 17 de agosto de 1936. Ademais, Fernán Vello pide que se declare a ilexitimidade das condenas e das sancións ditadas por motivos políticos, ideolóxicos ou de crenza na ditadura franquista, anulando todos os Consellos de Guerra e sentenzas condenatorias. Nun terceiro punto da súa proposición non de lei, insta ao Goberno a realizar actos e recoñecementos públicos para conmemorar, homenaxear e rehabilitar a memoria de todas as vítimas da Ditadura franquista, e en colaboración coas comunidades autónomas, "levar a cabo actos que lembren a alcaldes, representantes públicos, figuras políticas, cargos institucionais e outras persoas que foron executadas ilexitimamente polas forzas golpistas debido ás súas ideas".

O deputado de En Marea lembra que a Lei da Memoria Histórica de 2007 recolle no seu artigo 4 a “declaración de reparación e recoñecemento persoal”. E contempla no artigo 3 a “Declaración de ilexitimidade” das condenas

Fernán Vello critícalla ao Goberno central que "81 anos após do asesinato de Bóveda, así como outros moitos, aínda non se reparou a súa memoria nin se anulou o Consello de Guerra sumarísimo ao que foi sometido". O deputado destacou o traballo feito pola Fundación Alexandre Bóveda, "que leva anos facendo esta petición" e o Informe do alto comisionado da ONU que en 2014 emprazou o Goberno español "a rehabilitar de forma pública e política a políticos históricos como Bóveda, Lluis Companys, Manuel Carrasco i Formiguera" e a que “se beneficien todas as vítimas sen excepción”. O deputado de En Marea lembra que a Lei da Memoria Histórica de 2007 recolle no seu artigo 4 a “declaración de reparación e recoñecemento persoal”. E contempla no artigo 3 a “Declaración de ilexitimidade” das condenas. Porén, denuncia, “nada se avanzou neste eido, e moito menos cun Goberno do PP sempre tan remiso á recoñecer ás vítimas da Ditadura franquista e incluso a condenar o réxime ditatorial”.

Para Fernán Vello, “é un acto de xustiza, porque cando non se fai xustiza ás vítimas da represión golpista, rehabilitando institucionalmente a súa memoria e anulando sentenzas de morte absolutamente ilexítimas e ilegais, ditadas por tribunais conformados por golpistas, difícilmente se pode aprofundar no concepto democrático. É un paso imprescindíbel que o estado español aínda a estas alturas non deu”.

O 20 de xullo de 1936 Alexandre Bóveda foi detido en Pontevedra. Dous días antes, no momento en que se escoitaran as primeiras informacións sobre un Golpe de Estado, Bóveda acudira á sede do Goberno Civil para darlle o seu apoio ao seu amigo e gobernador civil de Pontevedra, Gonzalo Acosta Pan (que sería executado polos franquistas o 12 de setembro). Bóveda foi conducido á prisión, na que se atopaban entre outros Víctor Casas (director de A Nosa Terra), Xoán Rico (Capitán da Garda de Asalto), Lois Poza e Amancio Caamaño (médicos) ou Xosé Adrio Mañá (mestre). Nas semanas seguintes Bóveda pasa por distintas cadeas (Ponte Caldelas, Caldas de Reis ou a Escola de Maxisterio de Pontevedra) e o 13 de agosto é sometido a un Consello de Guerra ante un tribunal. É xulgado por un delito de traizón xunto co deputado socialista Amando Guiance (condenado a cadea perpetua).

Alexandre Bóveda foi sentenciado a morte, sendo fusilado ás 05.30 horas da mañá do 17 de agosto de 1936 na Caeira, tal e como ditaminara a Comandancia Militar de Pontevedra: "Como contestación a su escrito de fecha de hoy, he resuelto que la ejecucción del reo Alejandro Bóveda, tenga lugar a las 5,30 horas de mañana día 17 en las inmediaciones del km.1 de la carretera de Campañó. A este efecto ordeno al jefe de las Fuerzas de Asalto de esta plaza, que a las 2,15 horas, se encuentre una Sección al mando de un Oficial en el edificio de la Normal a fín de trasladar, custodiar y ejecutar al reo".

 

Alexandre Bóveda en Vigo en 1935 Dominio Público Murguía. Revista Galega de Historia
Resolución da Comandancia Militar de Pontevedra Dominio Público Praza Pública
Miguel Anxo Fernán Vello © En Marea

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.