A Xunta rexeita as alegacións e acelera a megaplanta de biomasa en Curtis

A planta instalaríase no Polígono Industrial de Teixeiro Dominio Público Praza Pública

O pasado outono a empresa Renova Generación de Energías Renovables S.L presentou un proxecto de construción en Curtis dunha planta de produción eléctrica a partir de Biomasa. A iniciativa foi tramitada pola Xunta, a pesar de que os seus 50 MW quintuplicaban a potencia máxima permitida pola lei para este tipo de instalacións, o que xerou as denuncias de grupos ecoloxistas, que presentaron alegacións. Dous meses despois o Goberno galego modificou pola porta de atrás a lexislación (a través da Lei de medidas fiscais e administrativas anexa ao proxecto de Orzamentos), eliminando ese tope máximo de 10 MW para as plantas de biomasa, axustando deste xeito a lei ás demandas de proxectos coma o de Renova. O Goberno bipartito introducira precisamente esa limitación para que a instalación de plantas de biomasa non significase un estímulo á posta en marcha de cultivos enerxéticos nos montes galegos; é dicir, para que non se plantasen masivamente eucaliptos co único obxectivo de queimalos e producir así enerxía limpa.

A Xunta mudou a lei que poñía un tope máxiimo de 10 MW para as plantas de biomasa e abriu o camiño a esta instalación de 50MW

Unha vez que o Goberno galego modificou a lei, os promotores da megaplanta de biomasa de Curtis volveron á carga cun novo proxecto, con características moi semellantes (daquela prevían queimar anualmente 568.000 toneladas de materia vexetal e agora a previsión é de 546.000 toneladas) pero cunha nova denominación, Greenalia Biomass Power, tal e como denunciaran varias organizacións ecoloxistas, que presentaran tamén alegacións. 

Medio Ambiente rexeita as alegacións que pedían unha análise ordinaria e a fondo do impacto ambiental e da sustentabilidade do proxecto

Agora, a Consellería de Medio Ambiente vén de rexeitalas e de eximir a empresa de someter o proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria para deixalo no trámite simplificado que sae así adiante. A Administración autonómica bota abaixo as alegacións da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e da asociación Petón do Lobo, que reclamaban a devandita avaliación a fondo e que advertían dos riscos e perigos que para a biodiversidade teñen estes cultivos enerxéticos. 

Así o confirma a Praza.gal a SGHN a través do seu presidente, Serafín González. "Medio Ambiente non tivo en conta nada do que alegamos", asegura quen explica que a entidade reclamaba, "como adoita facer no caso de todas as plantas de biomasa", avaliar a rendibilidade enerxética e sustentabilidade do proxecto, os posibles efectos sobre os montes onde se apañe esa biomasa e a redución real ou non do uso de combustibles fósiles e da emisión de gases de efecto invernadoiro. 

Os grupos ecoloxistas dubidan do uso de combustibles fósiles no transporte da biomasa, das emisións e do impacto nos montes

"Para a recollida de toda esa biomasa son precisos combustibles fósiles no uso dos camións de transporte, mentres que na propia planta producirase a combustión dsa biomasa provocará a emisión de gases de efecto invernadoiro; pedimos que se faga esa avaliación", di Serafín González, que lembra tamén que para que a enerxía sexa "limpa de verdade, tampouco debería haber efectos sobre o ecosistema e os hábitats dos lugares onde se fai a recolleita". 

O debate é antigo. O promotor da planta, Manuel García Pardo, salientara o pasado mes de febreiro nunhas xornadas organizadas pola Asociación de Empresas de Energías Renovables que a planta de Curtis "minimizará o risco de incendios forestais nos montes galegos", ao axudar a limpar o terreo de masas vexetais. Grupos ecoloxistas e investigadores universitarios discrepan desta análise e advirten de que a cantidade de biomasa que necesita unha planta coma a de Curtis esixe que se planten moitos máis eucaliptos dos actualmente existentes.

Desde a Consellería admítese a potencialidade contaminadora dunha planta destas características e sinálase principalmente aos impactos das emisións da combustión, do almacenamento de combustibles e do ruído, para o que se prepararían medidas correctoras que minimizarían este impacto. 

Plantación de eucaliptos nun monte galego Dominio Público Martin253

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.