"No tinc por": Galicia estará presente na manifestación de repulsa aos atentados de Cataluña

Imaxe co lema da manifestación en diversos idiomas, editada polo Concello barcelonés Dominio Público Ajuntament de Barcelona

No tinc por. "Non teño medo". É o lema baixo o que se agarda que milleiros de persoas percorran este sábado o Passeig de Gràcia de Barcelona para rematar cun acto masivo na Plaça de Catalunya como remate á manifestación convocada conxuntamente polo Concello barcelonés e mais a Generalitat de Catalunya como repulsa aos atentados terroristas da pasada semana e en solidariedade coas vítimas, 15 delas mortais. Á comitiva encabezada por representantes dos servizos de seguridade e emerxencias e mais por comerciantes da contorna máis directamente afectada polos ataques unirase unha representación galega que, segundo xa foi confirmado, estará encabezada polo presidente da Xunta e mais polos alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo.

O Goberno galego ratificou a asistencia de Alberto Núñez Feijóo, que se unirá a outros representantes de Executivos autonómicos e máis á xa anunciada presenza de Mariano Rajoy e outros membros do Goberno de España. Na concentración celebrada ás portas da sede central do Goberno galego a pasada semana Feijóo asegurara que "todos os corazóns e todas as mans de Galicia están cos corazóns e coas mans das vítimas e as súas familias", ademais de se dirixir ás "autoridades catalás" para sinalar que "é o momento de estar unidos" porque "xuntos seguiremos máis fortes" e hai que centrarse e reflexionar sobre o verdadeiramente importante, que os españois esteamos unidos para defender a nosa sociedade democrática e os nosos valores occidentais".

O presidente da Xunta e os alcaldes da Coruña, Santiago e Vigo confirmaron a súa asistencia á manifestación convocada polo Concello de Barcelona e a Generalitat de Catalunya

Dende o Concello coruñés o seu alcalde, Xulio Ferreiro, ratificaba este venres a súa asistencia na comitiva na que acompañará a alcaldesa da capital catalá, Ada Colau. "O que este acto pretende é deixar claro que, fronte a calquera acto de barbarie, en calquera parte do mundo, a solución non está no medo, senón na unidade; a mesma que está amosar a cidadanía", sinalou Ferreiro. "É necesario que todos e todas mostremos a nosa aposta pola normalidade e a convivencia", agregaba este venres o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen sinala que acudirá en solidariedade coa "cidade irmá de Barcelona" para "expresar todo o noso apoio".

Representantes de En Marea e BNG sumaranse tamén á manifestación

Caballero, pola súa banda, acudirá á manifestación en Barcelona na súa dupla condición de alcalde vigués e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para "transmitir a nosa solidariedade aos veciños e ao pobo de Barcelona e de Cambrils" e "a este e a todos os terrorismos". Prevese tamén que asistan á convocatoria diversos membros da Xunta Directiva desta entidade municipalista.

Pola banda galega acudirá tamén representantes de En Marea e BNG. Así, por parte de En Marea acudirá a súa voceira no Congreso, Yolanda Díaz, e mais a súa vicevoceira parlamentaria e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos. A Executiva nacional do Bloque anunciou este venres tamén que asistirán representantes da formación. "Todas e todos temos que estar con Catalunya, onde como sociedade e como Goberno están a dar un exemplo de como se debe xestionar unha crise destas características; parécenos moi importante enviar unha mensaxe contra o terrorismo e a necesidade de reforzar a convivencia, loita contra o racismo e construír unha sociedade de pobos en paz", sinala nun comunicado.

 

 

Concentración na Plaça de Catalunya, en Barcelona, ao día seguinte dos atentados CC-BY-SA Robert Bonet / Catalunya Plural

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.