Greenpeace sinala o uso do carbón e bloquea durante horas na Coruña a carga destinada a Meirama

Pancarta de Greenpeace na cúpula da 'Medusa' da Coruña © Greenpeace

Greenpeace sinala a queima de carbón como un dos principais causantes do cambio climático e elixiu o almacén que deste mineral ten Gas Natural Fenosa no porto da Coruña para levar a cabo unha acción de protesta. Desde primeiras horas da mañá, activistas do grupo ecoloxista -que ten un dos seus buques amarrado desde hai días na cidade- desprazáronse en botes ata o depósito coñecido como Medusa para "chamar a atención do Goberno sobre a necesidade de rematar coa queima de carbón e substituílo por enerxías limpas". Ata as 3 da tarde, dous mozos permaneceron pendurados diante da vía a través da que se transporta o produto á central de Meirama e bloqueaban as cargas. Logo de oito horas, foron desaloxados pola Garda Civil, que acabou por deter catro deles por desobediencia á autoridade e deixou en liberdade os outros cinco. 

Ademais, outros activistas lograran subir á cúpula da Medusa para colgar alí unha pancarta de 100 metros cadrados coa mensaxe "Almacén de Cambio Climático". Coa acción, aclara Greenpeace, quere "mostrarlle ao Goberno o camiño da substitución do carbón por renovables nun ano clave en Europ para o futuro enerxético" e lembra que a queima deste mineral "é a principal fonte de emisións de gases de efecto invernadoiro do sistema eléctrico e un grave problema para a saúde das persoas". 

Activistas de Greenpeace diríxense ao almacén de carbón

Tal e como se demostrou en diferentes informes, térmicas como as de Meirama son algúns dos principais contaminantes do aire galego e dous dos maiores focos emisores de dióxido de carbono (CO2) do Estado español. Con esta acción, Greenpeace sinala tamén a contaminación producida por estas factorías.

Greenpeace pide un plan de peche para 2025 de todas as térmicas de carbón cun plan de transición

En total, arredor dunha decena de persoas participan na mobilización, que continuaba ás 13 horas. A policía identificou as persoas que bloqueaban a carga de carbón destinada a Meirama pero permanecían pendurados e impedindo o traslado do mineral. 

O grupo ecoloxista espera que esta acción "sirva para que o Estado tome cartas no asunto e desenvolva canto antes unha lei de cambio climático e transición enerxética que estableza un plan de peche para 2025 de todas as térmicas de carbón no que se detalle un plan de transición xusta para garantir un futuro real e sustentable para as persoas que viven nas concas mineiras e das centrais de produción eléctrica contaminante". Ademais, Greenpeace tamén denuncia o bloqueo ao desenvolvemento das enerxías renovables e sinala o Goberno central por "subvencionar" empresas que empregan combustibles fósiles. 

Activistas de Greenpeace acceden á 'Medusa' © Greenpeace

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.