GALERÍA | Así saíu á rúa en Galicia o feminismo ao berro de “un maltratador non é un bo pai”

Manifestación feminista en Vigo Dominio Público @PCGalicia

A Plataforma Feminista Galega sinala que a situación de Juana Rivas “non é un caso illado”

O movemento feminista galego manifestouse este sábado nas Pontes, Compostela, A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribeira e Vigo para reclamar, ao fío do caso de Juana Rivas e os seus fillos, unha xustiza "sen machismo" e cos medios suficientes para loitas contra a violencia de xénero. As marchas convocáronse en ducias de localidades de todo o Estado, baixo o lema de "un maltratador non é un bo pai" e salientando que "Juana Rivas é só un exemplo mediático do que a xustiza machista fai todos os días, tamén no noso país".

O manifesto da convocatoria da Plataforma Feminista Galega sinala que "a situación á que se enfrontaron Juana e os seus fillos non é un caso illado. Hai moitas mulleres que se atopan nunha situación similar e sabemos que a Xustiza non responde protexéndoas senón que, en demasiadas ocasións, prioriza os dereitos do maltratador", pois "na creación das leis e na aplicación que delas se fai operan mecanismos ideolóxicos e sociais que favorecen sempre a quen ten o poder". De igual xeito, denuncian a falta de profesionais formados en moitos ámbitos da xustiza no referente aos dereitos da infancia ou aos mecanismos a través dos que opera o machismo, unha falta de formación "que lles impide comprender por que as mulleres actúan como o fan, ou a que teñen que enfrontarse cando deciden pór unha denuncia por malos tratos".

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.