0 Gardados para despois

Descobren cámaras ocultas na cafetaría doutro hospital, desta vez no Barbanza

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Outra cámara oculta nun hospital galego. Segundo denuncia a CIG, a empresa Aramark, que ten a concesión da cafetaría do Hospital do Barbanza, desmantelou na noite do pasado martes un circuíto de cámaras de vídeovixilancia "do que os traballadores non tiñan constancia". Foi, segundo aclara o sindicato, no mesmo día no que a delegada de persoal se dirixiu opor escrito ao xerente da compañía solicitando a certificación dos dispositivos instalados, da súa localización e da presenza ou non dalgún elemento de gravación de audio. E produciuse logo de que foran descubertas outras cámaras ocultas na cafetaría do persoal do Hospital Clínico de Santiago a pasada semana e colocadas pola mesma compañía

A empresa foi descuberta desmantelando un circuíto de cámaras no mesmo día que se lle pediu que certificase os dispositivos instalados

Aramark comunicara en decembro do ano pasado, segundo explica a CIG, a súa intención de pór en funcionamento cámaras de seguridade no centro de traballo do Barbanza. Segundo a certificación da empresa encargada de instalar o sistema, na cafetaría do Hospital hai tres cámaras de vídeo visíbeis e que cumpren coa normativa vixente. No escrito tamén se asegura que "non existe ningún elemento técnico que permita a gravación de audio".

Aramark é a mesma empresa que recoñeceu ter colocado cámaras sen informar aos traballadores nunha cafetaría do Hospital Clínico

Ante a retirada do circuíto de cámaras do pasado martes, o secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela, Roberto Alonso, pregúntase "a que vén desmontalo ás agochadas, o mesmo día que a delegada preguntou polas cámaras e xusto antes de recibir a certificación da empresa instaladora". "Se as cámaras son legais, como se explica o proceder da encargada? Ou é que hai tres cámaras que cumpren a normativa e a maiores un sistema oculto do que non se informou aos traballadores?", cuestiona.

A pasada semana a CIG xa denunciara a aparición dunha cámara oculta de gravación de vídeo e audio na sala de descanso da cafetaría do persoal do Hospital Clínico. A empresa Aramark recoñecía aos poucos días a instalación desta cámara, argumentando que fora instalada por un investigador privado contratado logo de apreciarse "un descadre de caixa".  "Agora atopámonos cun circuíto na cafetaría do persoal do Hospital do Barbaza do que ninguén tiña constancia", di o sindicato. 

Aramark xustificara as cámaras de Santiago asegurando que fora un investigador privado quen as instalara para por un "descadre de caixa"

Para CIG-Servizos, este feitos "reforzan o proceder ilegal de Aramark , que non dubida en vulnerar dereitos fundamentais para espiar os seus traballadores". Así, Alonso engade que, "de seren legais as cámaras do Barbanza, a empresa non correría a desmantelar o sistema o mesmo día que a delegada de persoal preguntou pola súa existencia e a localización exacta das cámaras".

Sanidade ten aberta unha investigación polo caso das cámaras no Clínico e agarda incorporar a denuncia sobre o do Barbanza

Desde a Consellería de Sanidade lémbrase que xa se "tomaron cartas no asunto" e que está aberta unha "investigación" respecto do caso do Hospital Clínico de Santiago, á espera de que a empresa Aramark dea resposta por escrito aos requirimentos da Administración para coñecer a súa versión sobre a colocación das cámaras. No caso do Barbanza, agárdase que se inclúa nesta mesma investigación, aínda que a empresa, verbalmente, xa nega as acusacións da CIG. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.