Como sobrevivir sen coche na Coruña

Servizo de Bicicoruña © Concello da Coruña

"Os e as viandantes, a bicicleta e o transporte público teñen que ser prioritarios sobre o transporte particular, xa que o seu impacto no tráfico é moito menor e axudan a mellorar a calidade da mobilidade da cidade e a diminuír o consumo de petróleo e as emisións de gases contaminantes". Así di o primeiro punto do manifesto que o pasado mes de decembro presentou a Plataforma pola mobilidade da Coruña, formada por sete asociacións de veciños da cidade, asembelas do 15M, colectivos ecoloxistas, sindicatos ou colectivos estudantís.

O manifesto naceu pouco despois de que o novo goberno municipal do PP, cumprindo a súa promesa electoral, aprobase a eliminación do carril bus, que na lexislatura anterior contribuíra a aumentar o uso do transporte público, rápido e puntual e que eliminara os molestos automóbiles aparcados en dobre fila. De feito, o manifesto denunciaba que a decisión do concello "empeorará o servizo do transporte público e disminuirán as frecuencias, e empeorará a circulación da cidade". O manifesto demandaba, así mesmo, "a necesidade de seguir ampliando e mellorando o transporte público e fomentar o seu uso en detrimento do coche particular".

A Plataforma loita por paliar un dos grandes problemas da Coruña e da meirande parte das cidades galegas: a mobilidade, o transporte e as conexións cos concellos veciños

Nos meses seguintes, a Plataforma continuou as súas actividades reivindicativas e de difusión das súas propostas. E por exemplo a semana pasada realizou unha nova presentación, desta volta no barrio do Castrillón. Tamén o fixo nos outros concellos que compoñen a área metropolitana, pois outra das súas grandes reivindicacións é a "elaboración dun Plano de Mobilidade na área metropolitana que sexa independente dos cambios que se produzan nos gobernos municipais e que estableza as orientacións estratéxicas". Por exemplo, a Plataforma afirma que "a maioría das persoas que viven en lugares como O Burgo, que se atopan dentro da área metropolitana pero non gozan das facilidades de transporte da cidade, apenas poden prescindir do uso do coche privado para acceder ó centro ou desprazarse pola zona. Isto supón un problema, xa que unha vez máis, as nosas rúas se colapsan de carros, o transporte público e en definitiva a calidade de vida de todos nós".

O tenente alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, anunciou no Pleno deste luns que o plan de mobilidade contará coa participación da veciñanza e os axentes sociais implicados. A este respecto, Esquerda Unida insta ao goberno municipal a crear o Consello de Mobilidade como canle de participación cidadá coa presenza de todos os axentes sociais: movemento veciñal, colexios de técnicos como arquitectos e enxeñeiros, sindicatos, asociacións de empresarios, movemento ecoloxista, partidos políticos e nomeadamente a Plataforma pola mobilidade que integra a  un importante número de colectivos.

A Plataforma loita por paliar un dos grandes problemas da Coruña e da meirande parte das cidades galegas: a mobilidade, o transporte e as conexións cos concellos veciños, que no caso da urbe herculina se levan décadas enfocando de forma errónea, con planes urbanísticos máis preocupados por contentar a construtores e por construír aparcamentos subterráneos, que por darlle unha solución integral ao transporte público e privado. En concreto, a conexión dos distintos concellos da comarca foi un dos grandes esquecidos nos plans e normas aprobadas.

A Plataforma reclama que A Coruña tome exemplo dunha cidade como Xixón, semellante en dimensión (ten 280 mil habitantes) e estrutura, e que conta  "cunha rede de carril-bici e beirarrúa-bici que permeabiliza a trama urbana a este tipo de mobilidade"

Tamén as posibilidades de desprazamento en bicicleta, a pesar de que A Coruña conta cunha orografía doadamente salvable e un centro urbano pouco estendido. A Plataforma denuncia que "na Coruña dispomos de poucos quilómetros de carril bici, arredor de 12, e case todos eles con percorridos orientados a unha actividade ciclista recreativa". Por ese motivo reclámalle ao Goberno Municipal "un plan de desenvolvemento de vías ciclables" e salienta o exemplo positivo do servizo de préstamo de bicicletas posto en marcha polo Instituto Enerxético de Galicia, que a pesar dos "horarios tan restrictivos hoxe contemplados" animou moitos coruñeses a empregar a bicicleta como modo de transporte cotiá.

A Plataforma reclama que A Coruña tome exemplo dunha cidade como Xixón, semellante en dimensión (ten 280 mil habitantes) e estrutura, e que conta  "cunha rede de carril-bici e beirarrúa-bici que permeabiliza a trama urbana a este tipo de mobilidade".

Servizo de Bicicoruña © Concello da Coruña
Servizo de carrís-bici e itinerarios recomendados de Xixón © Ayuntamiento de Gijón

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.