0 Gardados para despois

Ferrol construirá un memorial ás vítimas do franquismo na comarca

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Nunha das paredes do vello cemiterio de Canido, en Ferrol, foron fusiladas ducias de persoas no verán e no outono de 1936. Outros moitos foron depositados no camposanto despois de ter sido executados noutros lugares. Entre eles o que fora alcalde da cidade, Xaime Quintanilla, ou o alcalde de Fene, Ramón Souto. Nese lugar construirase un memorial en lembranza das vítimas do franquismo na comarca, segundo aprobou o último pleno municipal nunha moción presentada polo historiador Bernardo Maiz en representación dun amplo grupo de historiadores, familiares das vítimas e activistas sociais de Ferrolterra. A moción recibiu 14 votos a favor (Ferrol en Común, PSdeG-PSOE, BNG, Grupo Mixto e Ciudadanos) e contou coa abstención do Partido Popular.

A moción recibiu 14 votos a favor e contou coa abstención do Partido Popular

O Memorial debe "recoller dignamente a nómina alfabética e cronolóxica" das vítimas do franquismo nos 25 concellos de Ferrolterra-Eume-Ortegal, lese na moción, que sinala que en Ferrol e noutros lugares do territorio hai placas e pequenos monumentos que lembran as vítimas, "mais o Memorial proxectado deberá ser un espazo senlleiro de revitalización e mantemento da Memoria, que afirme o noso sentido de pertenza ao territorio e sexa parte visible da aprendizaxe e presenza da nosa herdanza democrática. Deberá ser un lugar da conmemoración e lembranza de todas as persoas asasinadas, perseguidas, condenadas tantos anos a un esquecemento que queremos corrixir por xustiza e para coñecemento das xeracións presentes e futuras".

O Memorial debe "recoller dignamente a nómina alfabética e cronolóxica" das vítimas do franquismo nos 25 concellos de Ferrolterra-Eume-Ortegal

A moción aprobada prevé que o memorial sexa o resultado dun concurso aberto á presentación de propostas. Está prevista a constitución dunha comisión mixta para o  desenvolvemento do proxecto, formada por historiadores que farán propostas, coordinarán e dirixirán a parte científica da comisión, darán asesoramento histórico, suxestións divulgativas e didácticas e elaborarán e aprobarán as listaxes de vítimas. O proxecto deberá ir acompañado "dun traballo de comunicación, divulgación e explicación do seu significado. Dese xeito non será unha expresión inmóbil, senón un proceso aberto á participación popular", destácase. A moción tamén prevé que a inauguración do memorial se converta nunha "homenaxe social ás vítimas da represión" e de "reivindicación dos valores democráticos, representados nas persoas que foron asasinadas pola ditadura franquista".

 

900 persoas asasinadas na comarca entre 1936 e 1975

Nesta área foron sete os rexedores executados (Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Serantes), ademais de 40 concelleiros ou do simbólico caso de Quintanilla, que abandonara a Alcaldía de Ferrol uns meses antes

Do 20 ao 25 de xullo de 1936 a sublevación militar deixou en Ferrolterra-Eume-Ortegal 41 persoas mortas en enfrontamentos directos entre os grupos sublevados e os defensores da legalidade republicana. Porén, unha vez que as novas autoridades franquistas se fixeron con control total do territorio iniciouse "a terrible secuencia cotiá de asasinatos irregulares e de execucións en aplicación dunha  normativa militar sempre ilegal por derivar dun golpe de estado", segundo destacou o propio Bernardo Maiz na presentación na moción aprobada.

Na exposición, Maiz subliñou que entre 1936 e 1975 foron asasinadas en Galicia "máis de sete mil persoas por defender a liberdade, a igualdade e a solidariedade". Destacou que nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal os asasinatos chegaron a 900, "a maioría entre 1936 e 1939, case un cento entre 1940 a 1954, aínda algunhas máis despois". Entre eles tamén se atopan os 42 ocupantes do mercante Udondo, executados en setembro no cemiterio de Serantes. O historiador lembrou que nesta área foron sete os rexedores executados (Cabanas, Cedeira, Fene, Mañón, Monfero, Mugardos e Serantes), ademais de 40 concelleiros ou do simbólico caso de Quintanilla, que abandonara a Alcaldía de Ferrol uns meses antes.

A dureza da Subdelegación da Orde Pública de Ferrol contribuíu ao que o número de persoas asasinadas nesta comarca fose moi elevado

"Neses primeiros meses, unha parte da represión busca sobre todo a anulación de toda resistencia", destacaba en conversa con Praza o profesor Emilio Grandío, na presentación dunha base de datos sobre os representantes institucionais represaliados. Grandío explicaba que "Nas comarcas de Eume, Ortegal e Ferrol a represión foi especialmente forte. En xeral, a costa sofre máis a represión que o interior, pero hai que ter en conta un feito engadido: a provincia da Coruña foi dividida en tres subdelegacións de orde pública, unha con centro en Santiago, outra con centro na Coruña e outra con centro en Ferrol, e nesta última a represión contra os representantes democrático tivo moita maior intensidade e cremos que isto foi debido a unha intervención determinada desa estrutura de orde pública".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.