O Comité Cidadán anuncia accións contra Reganosa en concellos, parlamentos e ante a Fiscalía Anticorrupción

Asemblea do Comité Cidadán © Comité Cidadán

O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol celebrou este luns unha asemblea aberta na que se informou a todos os colectivos da situación aberta pola sentenza do Tribunal Supremo e se decidiron os seguintes movementos, centrados na presión xudicial e institucional. Para o Comité Cidadán e para a esta asemblea cidadá "quedou claro que a sentenza inapelable do Tribunal Supremo marca unha nova etapa de traballo que irá centrada en exixir dos poderes públicos a paralización da actividade de Reganosa".

Así, por unha banda, iniciaranse accións ante o Valedor do Pobo e a Fiscalía Anticorrupción, así coma ante o Parlamento galego e o Congreso dos Deputados, instando ao peche de Reganosa, o cumprimento da sentenza do Tribunal Supremo e a depuración de responsabilidades legais e políticas. Tamén no eido local serán presentadas mocións solicitando o posicionamento dos concellos e dos distintos partidos políticos ante a nova situación da planta, que segundo o Comité Cidadán, está operando de xeito ilegal. Nas próximas datas terán lugar unha serie de accións encamiñadas a dar a coñecer todas estas actividades emprendidas.

EU levará o caso ante a Fiscalía Anticorrupción

Nas últimas semanas o Comité Cidadán mantivo encontros con representantes de BNG e Esquerda Unida, para recabar o seu apoio a estas accións. O Bloque Nacionalista Galego comprometeuse a solicitarlle á Xunta de Galicia o axeitado cumprimento da sentenza do Supremo e tamén a pedir a apertura dunha Comisión de investigación sobre a actividade de Reganosa no Parlamento galego. Pola súa banda, a xuntanza coa delegación de Esquerda Unida, encabezada polo deputado no Congreso, José Luis Centella, tivo importantes resultados, pois a coalición de esquerdas comprometeuse a levar o caso, dende o Congreso dos Deputados, á Fiscalía Anticorrupción do Estado. Así mesmo, EU presentará de inmediato nos plenos dos concellos da comarca de Ferrolterra unha moción para que éstes se pronuncien sobre a planta de gas.

 

Apoio aos mariscadores

A celebración da asemblea coincidiu co fallo xudicial (unha condena de sete meses, seis de seis e unha absolución) contra os oito mariscadores

A celebración da asemblea coincidiu co fallo xudicial (unha condena de sete meses, seis de seis e unha absolución) contra os oito mariscadores acusados de impedir no 2007 a entrada dos gaseiros. A Asemblea acordou seguir amosando a súa solidaridade cos traballadores e traballadoras do mar, e continuar co seu apoio en caso de que se recorra a sentenza.

O venres 20 terá lugar a sexta edición da Marcha a Pé Ferrol-Mugardos, que partirá ás cinco da tarde do Parque Carmelo Teixeiro de Caranza, para chegar ás nove da noite á Praza do Mercado de Mugardos, onde se celebrará un acto de confraternidade-

Asemblea do Comité Cidadán © Comité Cidadán
Outro momento da asemblea © Comité Cidadán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.