NEG e a Rede de Escolas Populares traballarán xuntas "por un ensino laico, de calidade e en galego"

Francisco López e Mariló Candedo, na presentación do convenio de colaboración © NEG

As asociacións Nova Escola Galega (NEG) e Galiza co Galego (GcG), impulsora da Rede de Ensino Popular, asinaron este martes un convenio de colaboración polo que traballarán conxuntamente para promover unha educación laica, plural, en valores, de calidade e en lingua galega. Galiza co Galego comprométese a difundir as actividades, publicacións e propostas pedagóxicas de NEG dentro da Rede de Ensino Popular. E pola súa banda NEG formará parte da comisión pedagóxica da asociación Galiza co Galego e prestaralle asesoramento pedagóxico

NEG formará parte da comisión pedagóxica da asociación Galiza co Galego e prestaralle asesoramento pedagóxico

Francisco López, presidente de GcG, anunciou así mesmo que nos videiros meses a asociación asinará convenios semellantes con outras entidades, coma a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) ou a Asociación Galega de Editores (AGE), co obxectivo de dotar de recursos ás escolas. 

A Asociación Galiza co Galego naceu 2009 e pretende apoiar a viabilidade económica das escolas en galego e desenvolver a Rede de Escolas Populares Infantís. Neste momento está a dar os primeiros pasos coa creación da Cooperativa Popular de Ensino Avoaescola como ferramenta para dar escola, que se constituíu oficialmente hai dúas semanas. Para o seu presidente, Francisco López, a cooperativa supón a posta en marcha  “dunha ferramenta que se pon ao servizo e en mans da sociedade, dos mestres, dos educadores e dos pais e nais” co obxectivo de conformar no futuro unha rede de ensino que garanta tamén unha educación vehicular en galego, algo que xa facilitaban as galescolas durante o bipartito pero que quedou imposibilitado co novo Executivo do PP.

Pola súa banda, hai mes e medio NEG recolleu o Pedrón de Ouro, en recoñecemento a 30 anos de actividade "a prol da renovación pedagóxica, da galeguización lingüística e da galeguización curricular, tanto desde as aulas de educación infantil como das universitarias". Naquel momento Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega, afirmaba que "é de agardar que a comunidade educativa se conciencie e que tamén os poderes públicos de decaten de que os recortes no ensino, na educación superior e na investigación, a longo prazo van traer moitos prexuízos", e chamaba a "superar as visións máis economicistas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.